Buscar neste blog

mércores, 31 de outubro de 2018

O Armenteira C.F. feminino estréase en horario Champions

Se ben é certo que a pasada temporada o equipo sénior feminino do Armenteira ten disputado algún partido a última hora da tarde, aínda que xa era a finais de primavera, desta volta as rapazas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado fan a súa estrea no horario que tradicionalmente tiñan asignado os partidos da Champions League. Os intereseses televisivos e a procura de maiores ingresos publicitarios levou a que este ano a máxima competición continental vise modificadas as horas de inicio dos encontros. Ata dous horarios por día para incrementar as audiencias e as finanzas dos grandes trasatlánticos do fútbol europeo. Nunha escala moito máis baixa, nas categorías máis modestas do fútbol local, en ocasións as circunstancias persoais e laborais dos deportistas obrigan a fixar os partidos para horas que en condicións normais serían pouco habituais. O día no que se celebra a festividade de Todos os Santos e as xentes percorren os cemiterios para colocar flores e velas a aquelas persoas que xa non están connosco, o fútbol non se detén. Na Preferente Galicia e en diversas categorías sénior haberá xornada este 1 de novembro, como tamén a haberá no campo de O Leixo. Ao alto do lugar de O Busto acudirá nin máis nin menos que un equipo da raia, da fronteira co veciño país de Portugal. Dende Caldelas de Tui ata A Armenteira, máis de oitenta quilómetros de distancia e máis dunha hora de viaxe, é o traxecto que teñen que realizar as mozas do Caldelas C.D. que este xoves, 1 de outubro, a partires das 20:45 horas, se medirán ao Armenteira C.F. feminino. O antigo horario Champions retómase nun día festivo, nunha noite que se agarda fresca e no medio da escuridade que rodea ao campo de O Leixo. Un momento oportuno e unha ambientación axeitada para un día no que o terror, o misterio e o mundo dos mortos se mesturarán coa práctica dun deporte no que o medo, o susto e o suspense aparecen con relativa frecuencia. É posible que este xoves non sexa unha excepción.


martes, 30 de outubro de 2018

O Halloween, o Samaín... tamén en A Armenteira

Convertida nunha cita inexcusable do calendario festivo, a celebración de Halloween vai gañando adeptos ano tras ano. A forza e a enorme capacidade de difusión da cultura que ten como epicentro aos Estados Unidos fixo que en practicamente calquera recuncho do mundo na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro os disfraces de todo tipo de personaxes de terror, as telarañas, os cadaleitos, os esqueletes ou as cabazas decoradas poidan ser consideradas xa como un elemento característico destas datas. Pero hai quen sitúa orixe desta celebración na antigüidade, na época anterior á chegada do cristianismo, cando no mundo céltico, do que formaban parte territorios como Galicia, se conmemoraba a fin da temporada de colleitas e abríase paso a estación escura. Era un período de transición co que comezaba o ano novo celta, no que se realizaban un conxunto de rituais que constituían o que se deu en chamar Samhain ou Samaín, do cal, unha vez trasladado a Norteamérica e transformado pola potente industria cultural do país das barras e as estrelas, acabaría derivando o Halloween. Nas áreas comerciais, nos locais de ocio, nos centros de ensino e en moitos outros espazos públicos ou privados o Halloween ou Samaín, dependendo de cal sexa a versión que se lle queira dar a unha celebración que non varía en exceso duns lugares a outros, non pasa desapercibido. En A Armenteira, dentro do carácter tranquilo e sosesado que envolve o ambiente rural das súas estradas, corredoiras ou puntos de encontro veciñal, este festexo pouco a pouco vai facéndose un oco. Son as xeracións máis novas as que abandeiran unha tradición que, aínda que de recente implantación, está plenamente arraigada. No 2018 son principalmente dous os actos que conmemoran esta festividade céltica. Por un lado no C.E.I.P. de Armenteira este mércores, 31 de outubro, os nenos e nenas da comunidade educativa do centro disfrutarán dunha serie de actividades que os manterán ocupados durante toda a mañá e, xa pola tarde, nas dependencias do colexio, a A.N.P.A. do colexio organiza unha festa a partires das 18:00 horas e que, segundo indican na nota informativa que veñen de emitir, "prolongarase ata que o corpo aguante". O único requisito para participar é acudir disfrazados, coa apariencia máis terrorífica posible. Coa animación musical a cargo do DJ Javi Solla, as persoas que asistan poderán degustar ademais uns doces típicos, mentras agardan con intriga ás sorpresas e á entrega de agasallos que se producirá ao final do evento. De maneira totalmente gratuíta para as persoas que sexan socios ou socias da A.N.P.A. e por tan só 5 euros para aquelas que non o sexan, o Halloween ou Samaín chegará un ano máis a unha parroquia que se aferra e trata de conservar as tradicións ao tempo que non deixa de situarse á vangarda dos gustos, das modas e das novas formas de ocio e diversión que prevalecen na actualidade.



domingo, 28 de outubro de 2018

Cando o que toca é xogar

Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez forman parte do cadro técnico do equipo infantil do Armenteira C.F. Pero a súa relación non se limita aos momentos que comparten no banco, nos vestuarios e na planificación de adestramentos e partidos. A súa é unha amizade forxada despois de anos e anos de fútbol, ben compartindo equipo ou incluso competindo entre os seus equipos ou ben tratando de transmitir ás xeracións máis novas eses coñecementos que foron adquirindo. No Unión Dena C.F., no Beiramar C.F. ou no Dorrón C.F., antes que no Armenteira C.F., foi onde estes dous mozos foron fortalecendo unha complicidade que levaron do terreo de xogo ao banco. Este sábado, 27 de outubro, tiñan unha cita especial. No campo de Baltar de Arriba, na parroquia de Adina, en Sanxenxo, o clube no que militan como xogadores, o Dorrón C.F., recibía a visita do C. Atlético Peñaflor, un conxunto que tamén ten unha íntima relación con A Armenteira e coa súa principal entidade deportiva. Un dos compoñentes do clube de Barro, Roni, é veciño do lugar de Silván, e tamén alí iniciou a pasada temporada a súa carreira como adestrador na categoría sénior Jonathan Crespo, un dos técnicos máis veteranos e máis comprometidos coa causa do Armenteira C.F. O partido, fixado para a última tarde, disputouse ao tempo que a noite caía sobre unha das localidades turísticas máis importantes de Galicia e o inverno anunciaba a súa chegada cunhas baixas temperaturas ás que aínda non estamos acostumados. A expectación foi tal que un grupo de afeccionados verdinegros se desprazou ata Baltar de Arriba para non perderse o evento. Entre eles estaban Manu Meixús e Íñigo, dous rapaces do plantel do equipo infantil do Armenteira C.F., que por primeira vez contemplaban vestidos de curto aos seus adestradores. Foi un encontro relativamente equilibrado, pero no que o Dorrón C.F. demostrou posuír un potencial superior ao do seu rival. Vencerían os de Sanxenxo por dous tantos a un, aínda que anécdota estaría sobre o terreo de xogo. Na meta dos de Dorrón formaba Jorge Gómez, mentres que, liderando a defensa dende o posto de central estaba Pacheco, unha liña que compartía co seu primo Manu Viñas, outro histórico da entidade de O Leixo, que tras pasar polas mans de Julio Serén na época máis gloriosa do pasado verdinegro, chegaría a xogar na Terceira División co Portonovo S.D. Dos tres tantos que se lograron ao longo dos noventa minutos habería un cunha especial significación. Un centro dende a banda dereita do C. Atlético Peñaflor, que Pacheco tratou de interceptar lanzándose ao chan, acababa sorprendendo a Jorge Gómez e colocaba a igualada no marcador. A desesperación que lles provocou esta acción tan desafortunada compensaríase co tanto que o seu compañeiro Marcos Vilar lograría minutos despois a través dun excelente testarazo e que serviría para que o equipo granate conseguise finalmente a vitoria. Unha xogada desgraciada, das moitas que se producen no fútbol, na que o curioso foi a falta de entendemento entre dous futbolistas e dúas persoas entre as que precisamente o que non falta é iso: comprensión e entendemento. Episodios como os que viviu este verán o Armenteira C.F., no que algúns membros do corpo técnico se uniron de maneira decidida e participaron activamente nunha trama que, con mentalidade destrutiva, só buscou beneficiarse sen importarlle poñer ao modesto clube de O Leixo ao borde da desaparición, fan máis admirable a labor de Jorge e Pacheco, dous xogadores, dous adestradores, en definitiva dous homes que, en casos como o deste sábado, cando o que toca é xogar, por grandes que sexan as adversidades, nunca esquecen o papel que desempeñan nin o rumbo que teñen que seguir, e comprendendo sempre que a amizade, a seriedade e o compromiso cun proxecto deben estar por enriba de calquera outro interese.






sábado, 27 de outubro de 2018

Un punto que se lle escapa nos últimos minutos ao Armenteira C.F. infantil en Berdón

FICHA TÉCNICA
A.D. AROUSA F-7 - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 1
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Íñigo, Irene Pesqueira; Manu Meixús, Andrés, Javi, Júnior; Irene Varela e Ramón. Tamén xogaron Carlos, Villar, Mateo e David.
GOLES: 1-0. Minuto 35. David Bóveda, de penalti. 1-1. Minuto 36. Javi. 2-1. Minuto 66. Mario Rodríguez.
ÁRBITRO: Vázquez Castro. Mostrou cartón amarelo a Íñigo por parte do Armenteira C.F. e a Pablo Nine por parte da A.D. Arousa F-7.
INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns setenta espectadores, nunha mañá fresca, soleada, pero tamén chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. veu como nos últimos momentos do partido se lle escapaba a posibilibidade de regresar cun punto do campo de Berdón. O encontro presentábase con dous principais alicientes: un deles era o enfrontamento entre dous conxuntos da zona baixa, que se presumía equilibrado, e outro a arbitraxe de Vázquez Castro, un colexiado pertencente a unha familia estreitamente vencellada ao clube de O Leixo, e que vestiu a camisola verdinegra durante varias temporadas ata que, xa na etapa en categoría xuvenil, decidiu abandonar a disciplina da entidade na que comezou a súa carreira como futbolista e incorporarse ao plantel do Vilalonga F.C. O partido foi en liñas xerais equilibrado, con alternativas por parte de ámbolos dous bandos e que ben puido rematar coa vitoria de calquera dos dous equipos. Dende o asubío inicial, a A.D. Arousa F-7, o cadro local, tratou de facerse co dominio do xogo. Apoiado no seu maior potencial físico, con futbolistas dunha envergadura considerable, e cunha capacidade de toque superior, o conxunto vilagarcián fíxose dono da posesión, aínda que non daba creado ocasións excesivamente perigosas. Pola súa contra, o Armenteira C.F. utilizaba o seu recurso máis efectivo, as xogadas de contragolpe. Manu Meixús dispuxo nestes primeiros intres dunha clara ocasión ante Iván Lucio, que non puido resolver, como tampouco puido facelo Júnior noutra aproximación deste tipo. O dominio local acabaría atopando o seu premio. Sería a consecuencia dun inocente penalti cometido por Víctor ao derrubar dentro da área a un adversario que David Bóveda non desperdiciaría. Rapidamente reaccionaría a escadra visitante e Javi culminaba de forma maxistral un man a man ante o meta da A.D. Arousa F-7. A partires de entón mantívose a tónica coa que se iniciou o encontro. Ningún dos dous conxuntos era quen de romper o empate, nin a posesión do equipo amarelo nin as frenéticas transicións defensa-ataque dos verdinegros. Júnior, Carlos e sobre todo Manu Meixús tiveron nos seus pés a posibilidade de desnivelar un marcador que non se movería ata que Mario Rodríguez, aproveitando a pasividade defensiva dos de A Armenteira e tamén con relativa fortuna, sorprendía a Sergio cun lanzamento bombeado. O salto do gardamallas de Vilariño permitiulle atallar o balón nun primeiro momento, pero este foi dar contra o pau dereito, quedando pegado a el, escasos centímetros no interior da portería. Houbo tempo incluso para que o Armenteira C.F. puidese arrincar polo menos un punto, chegando a estrelar Javi o coiro contra o pau despois dun saque de córner. A lesión de Manu Meixús e as retencións do xogo para atender a futbolistas do A.D. Arousa F-7 fixeron que o encontro esmorecese nos últimos suspiros e que o dous a un se mantivese inalterable. Con este resultado o equipo que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez sitúase na duodécima posición, con tres puntos, posición que agarda mellorar a próxima fin de semana, cando recibirá á S.D. Catoira, unha escadra que ocupa a zona media da clasificación e que xa ten logrado dous triunfos no que vai de temporada.



venres, 26 de outubro de 2018

C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e Armenteira Veteranos acordan o aprazamento do partido desta fin de semana

Os máximos responsables do C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e do Armenteira Veteranos veñen de confirmar que nas últimas horas chegaron a un acordo para o aprazamento do partido correspondente á oitava xornada da Segunda Galicia de Veteranos, no seu grupo 1. A proposta partiu do equipo visitante, por mor das numerosas baixas coas que contaba para o encontro. Tras uns días de reflexións e de intensas negociacións a Xunta Directiva do Armenteira Veteranos decidiu aceptar a petición dos de O Mosteiro, e finalmente o partido foi adiado para o sábado, 8 de decembro. As dificultades polas que está pasando no inicio desta temporada o cadro verdinegro, moi escaso de efectivos nas xornadas que se levan disputado, aconsellaron tomar unha decisión que, sen dúbida, resultará beneficiosa para ámbolos dous clubes. Haberá entón que agardar máis dun mes para que os futbolistas e a afección poida disfrutar do único derbi municipal que se poderá contemplar en A Armenteira esta campaña nunha competición de liga dependente da Real Federación Galega de Fútbol.


martes, 23 de outubro de 2018

Armenteira prepárase para o seu magosto de 2018

O magosto, unha das festas máis populares e arraigadas en toda Galicia, tamén se está convertendo nunha celebración tradicional en A Armenteira. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, sociedade encargada da organización do evento durante os últimos anos, está en plena planificación dun evento que este ano terá lugar o sábado, 10 de novembro, e que para esta edición presenta algunhas novidades. Ao tradicional asado de castañas, chourizos, arenques, acompañados de refrescos, viño do país e postres caseiros, pretende engadírselle este ano unha serie de actividades que reforcen o carácter campestre, ecolóxico e sempre respectuoso co medio ambiente do acto. De forma totalmente gratuíta as persoas asistentes poderán disfrutar deste menú básico, pero suculento e completo, e do bo ambiente que soe ser habitual cada vez que a veciñanza da parroquia se reúne co motivo de calquera festexo. As festas de Semana Santa, coa romaría das Cabezas como gran referente, as festas de verán, coas celebracións na honra de San Ero e a Divina Pastora como citas destacadas, xunto co San Xoán, o magosto e o Nadal, estas últimas co selo exclusivo da asociación veciñal, forman parte xa do calendario festivo dunha parroquia que volve estar convocada para o sábado, 10 de novembro. De novo a colaboración dos veciños e veciñas será fundamental, tanto na aportación dalgúns dos subministros necesarios como prestando axuda no desenvolvemento das distintas tarefas, polo que convidan ás persoas interesadas en participar ou asistir a que se poñan en contacto cos representantes da entidade para facilitar a preparación e organización do evento.






domingo, 21 de outubro de 2018

Meritorio primeiro triunfo da temporada para o equipo infantil do Armenteira C.F.

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - C.D. PORTAS - 4 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Íñigo, Álex, Irene Pesqueira; Víctor, Javi, Carlos; Manu Meixús, Júnior e Ramón. Tamén xogaron Villar, Mateo e Irene Varela.
GOLES: 1-0. Minuto 24. Manu Meixús. 1-1. Minuto 39. Adrián Ferreirós. 2-1. Minuto 41. Íñigo. 3-1- Minuto 49. Íñigo, de penalti. 3-2. Minuto 56. Iago Mosteiro. 4-2. Minuto 60. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Padierna Quinteiro. Mostrou cartón amarelo a Íñigo por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no campo de O Leixo ante uns oitenta espectadores, nunha mañá nublada e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou por fin a primeira vitoria no campionato de liga na presente temporada. Foi nun partido intenso e emocionante, equilibrado en liñas xerais, no que a maior pegada e capacidade para definir dalgúns futbolistas do cadro local foron determinantes. Nos primeiros minutos o dominio correspondeu ao Armenteira C.F. Baséandose nun xogo excesivamente acelerado, con posesións curtas e buscando de forma apresurada a meta contraria os rapaces e rapazas que este domingo dirixiu Fran Filgueira "Pacheco" ían pouco a pouco collendo confianza a medida que vían con maior proximidade ao gardamallas rival. Manu Meixús, tras unha excepcional acción individual, na que percorreu medio campo, ben puido adiantar ao conxunto local. Júnior tamén gozou dunha clara ocasión. Pero sería o propio Manu Meixús o encargado de colocar o un a cero tras superar a saída de David Angueira. Cando parecía xestionar con comodidade o resultado, con opcións incluso de aumentar a vantaxe, e a primeira metade chegaba á súa fin, un lanzamento dende longa distancia de Adrián Ferreirós impactaba no peito do meta Sergio e colábase de forma desafortunada no interior da súa portería. Rapidamente reaccionaron os de O Leixo e, nada máis saír do descanso, Íñigo, que adiantou a súa posición dende a defensa á zona de mediocampo para este segundo período, trazaba unha perfecta vaselina sobre o gardameta visitante e acababa enviando o coiro ao fondo da rede coa parte traseira do seu corpo. A partires de entón o partido convertiuse nun encontro de ida e volta, con oportunidades en ámbalas dúas áreas. Nunha desas ocasións Júnior foise por velocidade dos zagueiros da C.D. Portas ata ser derrubado dentro da área polo meta David Angueira. A responsabilidade de efectuar o lanzamento da pena máxima sería asumida por Íñigo, que poría o tres a un no casilleiro. Non se rendiu a escadra das terras do Umia e guiada por Enma Vidal, unha futbolista de enorme talento e auténtica lideresa do seu equipo sobre o terreo de xogo, logrou recurtar distancias ao culminar Iago Mosteiro unha xogada colectiva que os defensores verdinegros, tras varios intentos, non foron quen de neutralizar. A tranquilidade definitiva para o cadro que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez non chegaría ata que Manu Meixús finalizou de novo unha acción de contraataque e remachou o balón sobre a liña de gol. Pouco máis houbo que contar no que restou de encontro, agás unha entrada de Íñigo a un adversario na zona do lateral esquerdo dos de A Armenteira, o que significaría o terceiro cartón amarelo no que vai de campaña para o futbolista de Couso. Este meritorio triunfo permite que o equipo infantil do Armenteira C.F. ascenda ata a duodécima posición e reforce deste xeito a moral dun plantel de xogadores moi mermado esta temporada polas diversas dificultades que sufriu o clube durante o pasado verán, das cales as principais vítimas non foron outras que os propios rapaces e rapazas, tanto os que puideron e decidiron continuar, como aqueles outros que non tiveron máis remedio que abandonar a entidade ao non poder configurar finalmente equipo para a súa categoría. A próxima fin de semana a escadra verde e negra visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para medirse á A.D. Arousa F-7, que ocupa o décimo cuarto posto e que aínda non tivo a posibilidade de sumar ningún punto.



.

sábado, 20 de outubro de 2018

Armenteira, escenario este domingo do XI Xantar dos maiores

A Armenteira volverá ser escenario dun novo acto festivo. A nosa parroquia foi o lugar elixido para a celebración do XI Xantar dos maiores do Concello de Meis que se desenvolverá este domingo, 21 de outubro. Nunha carpa instalada no campo da festa as persoas de máis idade do municipio poderán disfrutar dun menú a base de empanada, polbo á feira, carne ao caldeiro, postre e café, acompañadas de viño, refrescos e auga. Para animar á concurrida asistencia que se agarda que se congregue no acto soarán os pegadizos ritmos do Trío Arena. Está previsto que acudan máis de 200 persoas, que tiveron que inscribirse previamente nas oficinas do Concello antes do venres desta última semana. O prezo de incrición foi de 10 euros, unha cifra evidentemente económica tendo en conta o menú e os servizos que se ofrecerán, polo que institución municipal terá que sufragar a diferenza entre a cantidade abonada polos asistentes e o prezo real do evento. A Armenteira veu sendo o punto de celebración habitual deste acto ata que a delicada situación pola que pasaban as arcas do Concello obrigou a suspendelo durante uns anos. Agora que o rumbo da economía municipal comeza a encauzarse o grupo de goberno que preside José Luis Pérez Estévez decidiu retomar un festexo que se mantivo na maior parte dos Concellos da contorna incluso nos momentos máis acuciantes da crise. A intención orixinal de xuntar e homenaxear a xentes que verdadeiramente o merecen, á que en principio obedecería esta decisión, neste caso non vén exenta de polémica, dada a proximidade das eleccións municipais, convocadas para maio de 2019, que en Meis se presentan tremendamente emocionantes, e para as que actos tan populosos como o deste domingo sempre poden contribuír á atracción do voto.


venres, 19 de outubro de 2018

Un tesouro entre os tres paus

Inicios da temporada 2015/2016. Ao equipo de categoría benxamín do Armenteira C.F. que por aquel entón adestraba Valentín Estévez "Tilín" incorpórase un rapaz de Vilariño que quere ser porteiro. As maneiras, as gañas e a predisposición para situarse entre os tres paus daquel neno enseguida chaman a atención do corpo técnico e dos dirixentes do clube. Compartindo posición ao principio con Sara Otero, as paradas, as estiradas e os enormes reflexos de Sergio Matilde, que ese era o nome daquel prometedor gardamallas, pasaron axiña a formar parte do repertorio de lembranzas dunha afección que sufría con el nas numerosas ocasións nas que se vía obrigado a intervir. Tímido, pero de carácter nervioso e temperamental, entregado e disciplinado e coas ideas de futuro en relación co fútbol meridianamente claras, Sergio convertiuse xa dende 2015 nun dos principais valores da canteira verdinegra. Pasando pola categoría benxamín, pola alevín e actualmente na infantil non fixo senón progresar a medida que ía queimando etapas. Nado no mes de decembro, coa desvantaxe que isto supón á hora de competir, e de complexión física miuda, Sergio Matilde é axilidade, seguridade, mobilidade baixo paus, rapidez de reacción e atrevemento nas saídas. Con tanta abundancia e variedade de recursos non é de extrañar que outros clubes da contorna, normalmente desexosos de beneficiarse do traballo alleo, puxesen os seus ollos neste aprendiz e proxecto de gran gardamallas. Porque Sergio naceu para ser porteiro e, de seguro, chegará a ser un excelente porteiro. Ilusión, actitude e estilo non lle faltan e durante as últimas campañas as súas actuacións sempre estiveron entre as máis sobresaíntes do seu equipo. O subcampionato na competición de liga da categoría alevín na temporada 2016/2017 e o subcampinato na Copa Deputación de Pontevedra na temporada 2017/2018 nesa mesma categoría figuran no seu palmarés a tan curta idade. E han vir moitos éxitos máis. Sergio é, en definitiva, un dos grandes tesouros do fútbol base do Armenteira C.F., un diamante en bruto e ao mesmo tempo un dos baluartes do equipo infantil que, xunto coa súa familia, decidiu renovar o compromiso coas cores verdes e negras, ás que lle dará e coas que vivirá momentos de gloria e triunfo nos que, sen dúbida algunha, desempeñará un dos papeis protagonistas.



venres, 12 de outubro de 2018

Por fin... Bamboleo

Transcurriron xa case tres meses dende aquel 23 de xullo no que unha expedición organizada conxuntamente pola Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira e o Armenteira C.F. acudise ao programa da CRTVG Bamboleo. Foi un período de longa espera, no que proliferaron as falsas alarmas sobre a emisión do programa: que a gravación circulaba por internet, que fora emitido a comezos de setembro, que nalgunha das emisións recoñeran a alguén da devandita expedición entre o público... pero o certo é que aínda non estivera de ninguna maneira a disposición dos televidentes. Os encargados da viaxe e asistencia a Bamboleo estiveron dende entón en permanente contacto coa organización do programa, que os mantivo informados sobre as posibles datas de emisión. A programación de verán, na que soen ser frecuentes as repeticións e as gravacións procedentes dos arquivos das canles de televisión, fixo retrasar tan agardado momento, e non será ata este sábado, 13 de outubro, cando, a partires das 22:00 horas, as ansias de contemplar ás xentes de A Armenteira na pequena pantalla poidan ser de novo ser satisfeitas. A excepcional actuación de Lara López, acompañada de Ana Abal, a través da cal se lle deu unha especial repercusión ás festas da parroquia, e a participación noutra das seccións de Andrea Sanmartín constituirán algúns dos ingredientes dunha gravación que de seguro terá unha gran audiencia entre a poboación de A Armenteira e dos arredores. Tal foi a acollida que os encargados da expedición recibiron por parte da organización que lles ofreceron a posibibilidade de regresar nos próximos meses. Asimesmo o departamento de relacións públicas do veterano e exitoso programa Luar contactou tamén con eles para que acudisen a unha das súas retransmisións, aínda que neste caso os custos de desprazamento deben correr a cargo dos asistentes, non como ocurriu coa expedición a Bamboleo ou coa que realizaron ao Land Rober Tunai Show durante o pasado mes de abril.




xoves, 11 de outubro de 2018

Entrega, compromiso e contundencia ao servizo do equipo

No fútbol, como en xeral en todo na vida, tamén inflúe o destino. Temporada 2006/2007. O equipo sénior masculino do Armenteira C.F. vivía o segundo ano da súa historia. Coa liga comezada achegouse polo campo de O Leixo un mozo que pasara polas categorías de fútbol base do C.D. Mosteiro e do Umia C.F. De apariencia tímida, aquel rapaz non tardou en facerse un oco no once titular e en apenas unhas xornadas xa era o dono do lateral dereito. Axiña se gañou o respecto, o cariño e a simpatía de compañeiros, Xunta Directiva e afección. Pero, desgraciadamente, circunstancias familiares obrigárono a abandonar o clube e o fútbol de forma apresurada. Con todo, este alonxamento non sería total, e Óscar Portas, que era o nome daquel mozo, voltaría en non moitos anos a aquela parroquia que o acollera como persoa e como futbolista, e no ano 2013 incorpórase ao Armenteira Veteranos. Dende entón os vínculos de Portas co fútbol en A Armenteira e coa vida social desta localidade foron facéndose cada vez máis estreitos. Incluso chegou a formar parte da Xunta Directiva do Armenteira C.F. Aínda que natural e veciño de Paradela, a súa presenza na parroquia non se reduciría á participación nos eventos relacionados co fútbol. Compartindo charlas cos compañeiros nos locais de hostalería, camiñando pola Ruta da Pedra e da Auga ou deixándose ver en calquera outro acto ou celebración, Portas convertiuse nun elemento máis da paisaxe. Un dos momentos máis tráxicos da súa vida tería lugar en A Armenteira. O falecemento en novembro de 2016 dun dos seus compañeiros de equipo, Javier Martínez "Chicho", ao que o unía unha profunda amizade, marcaríao para sempre. De feito, enseguida se erixiu como un dos principais promotores dos diversos actos que se viñeron realizando en lembranza de Chicho e, dona cada ano os trofeos que se entregan ao final do torneo que se celebra en memoria do seu compañeiro. Tenaz, entregado, comprometido, contundente e expeditivo cada vez que disputa un balón, no lateral ou no centro da defensa, ata de porteiro en situacións de emerxencia, Portas é un deses futbolistas que acaban sendo imprescindibles en calquera equipo. Sen ser un goleador habitual, dada a súa posición no campo, é autor dalgún dos goles máis fermosos que se teñen visto en O Leixo. En definitiva, o seu perfil é o dun xogador, dun compañeiro e dun home que o fútbol fixo que un día unise o seu destino ao dunha parroquia e ao dunha xente que o aprecia e o valora da mesma maneira que el o fai.


luns, 8 de outubro de 2018

Talento en estado puro

Verán de 2010. Por aquel entón o Armenteira C.F. só contaba cun equipo de categoría alevín, pero a Xunta Directiva tiña en mente un novo proxecto: a creación dun equipo prebenxamín. Axiña se puxeron a facer balance dos nenos desa franxa de idade que había na parroquia e, Venerando, un dos directivos do clube, desprazouse persoalmente por algún dos domicilios para ir reclutando xogadores. Nunha desas citas atopouse con Seso Vázquez, un ex-directivo da entidade nos tempos en que existía un equipo sénior, e convenceuno para que levase o seu neto a probar nese novo proxecto. Colleu Seso o seu vehículo sen carnet e, acompañado do neno, desprazouse a un adestramento en O Leixo. A timidez, os nervios e a impresión que lle causou un escenario ao que non estaba acostumado fixo que aquel rapaciño se asustase e botase a correr, e que o seu avó, resignado, voltase á casa sen poder anotalo no fútbol. Ao ano seguinte a situación foi xa distinta. Animado por algún amigo e compañeiro de cole que participara no equipo a temporada anterior convertiuse nun membro máis do Armenteira C.F. Aquel neno era Manu Meixús. Dende entón a traxectoria de Manu permaneceu sempre ligada ao clube da súa parroquia. Prebenxamín, alevín e infantil, foron as etapas polas que foi pasando o que na actualidade é un dos futbolistas con maior antigüidade e un dos maiores valores da entidade. Velocidade, dribling, capacidade de desborde, bo manexo do balón, excelente golpeo, capacidade para definir... un sinfín de virtudes que fan de Manu Meixús unha das xoias coas que conta hoxe en día o Armenteira C.F. O seu talento non tardou en chamar a atención nos gabinetes de captación de xogadores doutros clubes, pero tanto el como a súa familia mantivéronse fieis ao clube que o viu nacer para o este deporte e continuar ao lado de amigos de toda a vida que tampouco abandonaron o barco, incluso cando había quen ameazaba con facelo naufragar. Manu é, en definitiva, un deses xogadores que marcan a diferenza e que polas súas enormes cualidades nunca pasa desapercibido, un futbolista para o que o Armenteira C.F. ten e sempre terá reservado un lugar de privilexio.




venres, 5 de outubro de 2018

O valor en forma de futbolista

Era un 15 de agosto no campo de fútbol-7 de Paradela e Víctor Saborido, por aquel entón adestrador do equipo benxamín, alegrábase de ter fichado unha porteira para o clube. O que ía ser un partido amigable fronte ao C.D. Mosteiro, con trofeos en xogo, acabou sendo un partido de adestramento entre xogadores de distintas categorías do Armenteira C.F. Evidentemente os trofeos viñeron para O Leixo, pero quizais a mellor lembranza foi o debut coa camisola verdinegra dunha xogadora que co tempo se convertiría nun dos compoñentes máis aprezados e valorados do plantel. Como porteira e como futbolista de campo durante boa parte da súa etapa na categoría infantil Anabel Piñeiro foise gañando o cariño dos compañeiros e compañeiras, dos adestradores, dos directivos e dunha afección que aplaudía con fervor cada unha das súas actuacións. Un terrible acontecemento, a perda do seu pai, que Anabel afrontou cunha madurez impropia da súa idade, non fixo senón fortalecer o carácter e a personalidade dunha xogadora que esta temporada se estrea co equipo sénior feminino. Sorprende ver concentradas tantas virtudes en tan poucos centímetros: axilidade, afouteza, atrevemento e un talento e intelixencia na interpretación do fútbol que moitos desexarían. En definitiva, o perfil de Anabel é o perfil dunha futbolista comprometida, que este verán non se deixou embaucar polas artimañas de representantes de clubes de dubidoso estilo, e que renovou o seu compromiso cun escudo, cunhas cores e cunha xente que a valora, a admira e a aprecia como realmente o merece.

De perfil, con voz propia

De perfil, con voz propia é o nome que damos a unha sección na que, semana a semana, mes a mes, e durante a temporada 2018/2019, iremos describindo o perfil dun membro do Armenteira C.F. ou do Armenteira Veteranos. Trátase dunha iniciativa mediante a cal daremos a coñecer aos representantes dunhas entidades que veñen de pasar por un momento difícil pero que, grazas ao compromiso, á fe e á entrega de xentes como as que protagonizarán esta sección puideron seguir adiante e saír fortalecidos de cara ao futuro. Comezando e centrándonnos especialmente no plantel de futbolistas e recurrindo ao abondoso arquivoso fotográfico do que dispoñemos, con esta serie de publicacións tratamos de agasallar e de poñer en valor o capital humano duns clubes que teñen precisamente en todas e cada unha das persoas que o compoñen o seu máis valioso e admirado patrimonio.