No fútbol, como en xeral en todo na vida, tamén inflúe o destino. Temporada 2006/2007. O equipo sénior masculino do Armenteira C.F. vivía o segundo ano da súa historia. Coa liga comezada achegouse polo campo de O Leixo un mozo que pasara polas categorías de fútbol base do C.D. Mosteiro e do Umia C.F. De apariencia tímida, aquel rapaz non tardou en facerse un oco no once titular e en apenas unhas xornadas xa era o dono do lateral dereito. Axiña se gañou o respecto, o cariño e a simpatía de compañeiros, Xunta Directiva e afección. Pero, desgraciadamente, circunstancias familiares obrigárono a abandonar o clube e o fútbol de forma apresurada. Con todo, este alonxamento non sería total, e Óscar Portas, que era o nome daquel mozo, voltaría en non moitos anos a aquela parroquia que o acollera como persoa e como futbolista, e no ano 2013 incorpórase ao Armenteira Veteranos. Dende entón os vínculos de Portas co fútbol en A Armenteira e coa vida social desta localidade foron facéndose cada vez máis estreitos. Incluso chegou a formar parte da Xunta Directiva do Armenteira C.F. Aínda que natural e veciño de Paradela, a súa presenza na parroquia non se reduciría á participación nos eventos relacionados co fútbol. Compartindo charlas cos compañeiros nos locais de hostalería, camiñando pola Ruta da Pedra e da Auga ou deixándose ver en calquera outro acto ou celebración, Portas convertiuse nun elemento máis da paisaxe. Un dos momentos máis tráxicos da súa vida tería lugar en A Armenteira. O falecemento en novembro de 2016 dun dos seus compañeiros de equipo, Javier Martínez "Chicho", ao que o unía unha profunda amizade, marcaríao para sempre. De feito, enseguida se erixiu como un dos principais promotores dos diversos actos que se viñeron realizando en lembranza de Chicho e, dona cada ano os trofeos que se entregan ao final do torneo que se celebra en memoria do seu compañeiro. Tenaz, entregado, comprometido, contundente e expeditivo cada vez que disputa un balón, no lateral ou no centro da defensa, ata de porteiro en situacións de emerxencia, Portas é un deses futbolistas que acaban sendo imprescindibles en calquera equipo. Sen ser un goleador habitual, dada a súa posición no campo, é autor dalgún dos goles máis fermosos que se teñen visto en O Leixo. En definitiva, o seu perfil é o dun xogador, dun compañeiro e dun home que o fútbol fixo que un día unise o seu destino ao dunha parroquia e ao dunha xente que o aprecia e o valora da mesma maneira que el o fai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario