FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - CALDELAS C.D. - 0 -1
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Sara Torres, Fátima, Banesa; e Bea. Tamén xogaron Paula, Sara Rey, Nerea e Vanessa.
GOLES: 0-1. Minuto 45. Rebeca Madarnas.
ÁRBITRO: Otero Rodríguez. Non mostrou ningún cartón durante o partido.
INCIDENCIAS:
Partido da sexta xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que estaba previsto disputar no campo de O Leixo, en A Armenteira, pero que finalmente se disputou no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ante uns
cincuenta espectadores, nunha noite fría e chuviosa, e sobre un
terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. volveu rozar de novo a posibilidade de puntuar. Foi nun partido relativamente equilibrado, no que o protagonismo recaeu principalmente nas inclemencias meteorolóxicas. O encontro, que estaba fixado para as 20:45 horas no campo de O Leixo, tivo que ser trasladado ao campo Municipal de Meis, onde acabou comezando ás 21:16 horas. A intensa néboa que cubría o campo de A Armenteira e o mal estado que presentaba a superficie de terra do campo, excesivamente enlameada e esvaradiza, provocaban que á escasa visibilidade se engadise o perigo físico para as propias xogadoras. Nestas condicións resultaba case imposible que o partido se desenvolvese con normalidade. Ante a ameaza do colexiado Otero Rodríguez de suspender o encontro a Xunta Directiva do Armenteira C.F. púxose rapidamente a realizar xestións para buscar unha solución ao problema. Contactaron co C.D. Mosteiro e conseguiron mudar de escenario. Só había que desprazarse ata a capital municipal e agardar a que rematase o C.D. Mosteiro-Unión Sampayo da Segunda Galicia da categoría sénior masculina. O equilibrio que caracterizou o encontro que o precedía, que finalizou con empate a un tantos, manifestouse tamén no duelo entre as de A Armenteira e as de Caldelas de Tui. Con alternativas por ámbolos dous bandos o dominio correspondeu en maior proporción ao cadro visitante. As claras ocasións das que dispuxeron Fátima e Paula no primeiro período e, sobre todo, as excelentes paradas de Anabel, deixaron en táboas o resultado ao descanso. Na segunda metade mantívose a tónica. A falta de acerto nos metros finais das futbolistas do Caldelas C.D. e as acertadas intervencións de Anabel parecían levar o encontro a un reparto de puntos. Pero Rebeca Madarnas, tras recoller de costas un balón na área verdinegra e xirarse para empalmar un potente disparo, poñía por diante á escadra tudense. Tivo oportunidades o Armenteira C.F. para acadar como mínimo a igualada. Unha internada de Paula pola banda esquerda era freada sobre a liña da área cunha falta por unha defensora visitante. O lanzamento da falta, efectuado por Rocío, foise por enriba do pau longueiro. Algún disparo de Lara, tanto en xogada como a balón parado, e algunha aproximación máis, esgotaron as opcións de puntuar para as mozas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado, que sen realizar un mal partido, volveron pecar nos mesmos erros que as veñen condenando no que vai de temporada. A próxima xornada as féminas do Armenteira C.F. rendirán visita ao campo Federativo de Coia, en Vigo, para medirse ao Club Peñasco, que ocupa actualmente a cuarta praza con doce puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario