Buscar neste blog

domingo, 25 de novembro de 2018

Reparto de puntos entre o Villalonga F.C. e o Armenteira C.F. infantil nun partido condicionado polos elementos

VILLALONGA F.C. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Íñigo, Álex, Víctor; Javi, Mateo; Ramón, Irene Varela, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Carlos e Fran.
GOLES:1-0. Minuto 13. David Bouzada. 1-1. Minuto 43. Manu Meixús. 2-1. Minuto 59. Alejandro Piñeiro. 2-2. Minuto 70. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Cáceres Villalba. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no
campo de O Revel, en Vilalonga, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca e chuviosa, e sobre un terreo de xogo excesivamente empozado e nunhas condicións nada aptas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou engadir un novo punto ao seu casilleiro tras o partido que disputou este sábado no campo de O Revel ante o conxunto local do Villalonga F.C. Foi nun encontro claramente condicionado polos elementos, tanto meteorolóxicos, non parou de chover durante os oitenta minutos, como doutro tipo. As importantes baixas de Andrés, que no adestramento do martes sufrira una fractura no cúbito do brazo esquerdo, e de Júnior, aqueixado dun proceso gripal, deixaban bastante debilitado ao cadro que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. A todo elo sumábase o mal estado do terreo de xogo, cheo de pozas, sobre todo nas zonas laterais, o que dificultaba enormemente unha práctica normal do fútbol. E por se foran poucas as adversidades, o equipo verdinegro viu como outro dos seus xogadores tiña que retirarse do campo lesionado. Neste caso foi o gardamallas Sergio, que ao igual que o fixera a pasada fin de semana, viuse obrigado a abandonar o partido antes de tempo a causa das molestias que vén sufrindo do abdutor. Mellor adaptados ás circunstancias do terreo de xogo, os futbolistas do Villalonga F.C. comezaron dominando. Unha indecisión de Íñigo, que protexeu o balón na área agardando a saída de Sergio para que agarrase o esférico coas mans, propiciou o primeiro tanto local, anotado por David Bouzada. A partires de entón o Armenteira C.F. tratou de reaccionar o as aproximacións á meta defendida por Noa Camiña comezaron a ser máis frecuentes. O balón freábase, os pases quedaban curtos e os futbolistas de ámbolos dous conxuntos tiñan que soportar cada vez máis peso sobre o seu corpo. Un dos principais prexudicados desta situación era Manu Meixús, que non era quen de sacar partido da súa velocidade e da súa capacidade de desborde. Pero non desistiu o dianteiro de Couso e, mediante unha excepcional volea, soubo superar á gardamallas celeste para anotar o primeiro tanto visitante. Houbo ocasións para que a escadra verde e negra fose con vantaxe ao descanso, aínda que tamén a puido levar o Villalonga F.C. que enviou un forte disparo contra o pau dereito da meta defendida por Sergio. No segundo tempo a tónica foi basicamente a mesma. O partido era de ida e volta, pero a lentitude coa que rodaba o coiro supoñía unha tremenda dificultade á hora de finalizar as xogadas. Un lanzamento de falta de Alejandro Piñeiro botáballe diante a Víctor, que substuíra ao mancado Sergio, e colábase polo medio das pernas cara o fondo da rede. Animados pola afección, os rapaces e rapazas do clube de O Leixo continuaron buscando a portería contraria e acabaron poñendo novamente a igualada no marcador. Unha vez máis sería Manu Meixús o que sorprendía ao gardameta local cunha estupenda volea. Nos minutos finais aínda habería posibilidades para desnivelar o encontro tanto por parte dun como por parte doutro equipo. Íñigo sacaría baixo paus un lanzamento dos celestes e tamén Manu Meixús, Mateo ou o propio Íñigo puideron conseguir que os tres puntos viaxasen cara a A Armenteira. Unha das notas características do encontro, aparte do protagonismo dos elementos, foi o regreso de Fran. O futbolista de Silván, tras uns meses de dúbidas, decidiu voltar ao clube no que militou durante as últimas temporadas. Con este resultado o equipo infantil do Armenteira C.F. colócase na décima posición, con cinco puntos, á espera de recibir a próxima semana á E.F.B. Vilanova, un dos conxuntos máis potentes do grupo, que ocupa a terceiro posto na táboa, con vintecatro puntos. A cita será, previsiblemente, o domingo, 2 de decembro, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro.




Ningún comentario:

Publicar un comentario