Buscar neste blog

mércores, 28 de novembro de 2018

Armenteira en pleno

Cun censo en progresivo e permanente descenso a parroquia de A Armenteira é unha das que conta con maior poboación das oito que compoñen o concello de Meis. Rebaixada a nivel municipal a fronteira dos 5.000 habitantes, feito que se reflictiría, entre outros aspectos, no descenso no número de concelleiros de cara ás eleccións do próximo mes de maio, os cales pasarían de 13 a 11, o comportamento demográfico de A Armenteira aínda rexistra unha tendencia máis negativa cá do conxunto do municipio. Con case 800 habitantes a parroquia que ocupa boa parte da ladeira do monte Castrove é xunto a Paradela e San Vicente de Nogueira unha das que posúe un maior número de residentes. No que si supera ás outras demarcacións do concello é na extensión territorial, formada principalmente por superficie forestal. Tres comisións de festas, tres clubes deportivos, dúas comunidades de montes, un colexio, un campo de fútbol, un campo de golf, un albergue de peregrinos, diversas asociacións de tipoloxía variada e, sobre todo, unha das rutas de sendeirismo máis concurridas de Galicia e un conxunto monacal de enorme valor histórico-artístico converten a A Armenteira nun dos principais referentes a nivel cultural, turístico e relixioso na comarca, e quizais na máis importante sinal de identidade que existe no concello de Meis. No ámbito político tamén veu ocurrindo o mesmo. Os responsables das organizacións políticas do concello sempre procuraron ter representación de xentes da parroquia. O Partido Popular e en menor medida o PSdeG-PSOE e o BNG fixeron engrosar as súas listaxes aos comicios municipais con persoas naturais ou domiciliadas en A Armenteira. O punto culminante deste proceso foi cando, a finais da pasada centuria, Julio Serén chegou a exercer a tenencia de alcaldía durante un breve período de tempo. Non cabe dúbida de que a voz e o voto da parroquia foron decisivos nos resultados das distintas eleccións, feito que, a xuízo de moitos veciños e veciñas, non foi tido demasiado en conta polas administracións que gobernaron ao longo dos últimos anos. Pero iso non fixo minguar a actividade tanto dos colectivos como das persoas que a título individual tratan de erixirse en representantes dunha veciñanza que sempre se caracterizou polo seu carácter calmado e escasamente reivindicativo. A cultura democrática e a paixón pola defensa dos intereses públicos prenderon con forza en A Armenteira e vivimos uns tempos frenéticos e moi animados en todo en canto á política se refire. Participación en actos, artellamento de estratexias, colaboración na formación ou na organización de agrupacións electorais... cada vez son máis evidentes os síntomas de que a parroquia non quere permanecer de costas á forma na que manexan os seus asuntos. Este xoves, 29 de novembro, a partires das 20:30 horas, celébrase na Casa Consistorial de Meis, en O Mosteiro, o que sexa posiblemente o pleno máis relevante dos que teñen lugar durante o ano. Entre os puntos da orde do día destacan a aprobación do inventario bens e viais de propiedade municipal e dos orzamentos para o ano 2019. Prevese unha sesión longa, na que, como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, non será extrano atopar a presenza de persoas da parroquia que, por propio interese ou como membros das asociacións, non queren perderse actos da trascendencia do deste xoves. O que é indiscutible é que A Armenteira, plena ou parcialmente, estará en pleno.





Ningún comentario:

Publicar un comentario