Buscar neste blog

luns, 4 de marzo de 2019

Á caza da velutina

A primavera comeza a deixarse ver na paisaxe de A Armenteira. Follas que agroman nos salgueiros ou nos ameneiros, vistosas flores que locen xa nas amexeiras e moitas outras prantas dan mostras dun cambio que nos anuncia a chegada dun novo tempo. É nesta época cando tamén unha ameaza se cerne un ano máis sobre o noso ecosistema. As raíñas da vespa velutina, unha especie invasora que nos últimos anos se expandiu practicamente por toda Galicia e por boa parte de España, saen do seu seu cobixo invernal na procura de pole co que alimentarse e iniciar a elaboración dos seus niños. Co aumento das horas de luz e coa suba das temperaturas daranse as circunstancias propicias para que a vespa asiática se reproduza. Por este motivo, trátase dunha época crucial para levar a cabo as estratexias de trampeo. Segundo sinalan algúns estudos, por cada raíña capturada, eliminaranse a presenza posterior de 47.000 velutinas. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira está desenvolvendo unha intensa actividade neste senso. A sociedade que preside Martín Casais, que o pasado 16 de febreiro un obradoiro de trampeo, quere permanecer alerta ante esta ameaza e promove unha campaña de colocación de trampas e de aplicación de diversas estratexias de loita contra esta especie invasora. Deste xeito, e sen tempo que perder, fai un chamamento á veciñanza para que informe dos lugares nos que se detectara a existencia de niños en anos anteriores, ou para comunique a aparición dalgún niño primario ou dalgún exemplar de vespa velutina. A preservación das abellas domésticas, principais afectadas por esta praga, pero tamén a conservación dos cultivos tradicionais e das árbores froiteiras son razóns máis ca suficientes para colaborar nesta interesante iniciativa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario