Vivimos unha época de intenso fervor democrático na parroquia de A Armenteira en particular e no concello de Meis en xeral. A homenaxe que Jorge Casal Pintos recibiu este domingo en forma de inauguración dunha rúa co seu nome no núcleo urbano de O Mosteiro podería interpretarse como o pistoletazo de saída de cara ás eleccións municipais que se celebrarán o próximo 26 de maio. Foi un acto institucional, un merecido recoñecemento a unha figura clave na historia recente de Meis, que ocupou o cargo de rexedor dende os primeiros comicios municipais da actual democracia en 1979 ata 1999, cargo que compaxinou con outra faceta non menos importante: a mestre e director do colexio que se sitúa ao pé da rúa que dende agora levará o seu nome. A presenza de altos cargos políticos, principalmente do Partido Popular, foi notoria. Alí estiveron, entre outros, a presidenta do Congreso dos Deputados Ana Pastor, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e vicepresidente da Xunta de Galicia, ademais de presidente do Partido Popular a nivel provincial, Alfonso Rueda ou José Manuel Cores Tourís, delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra. A relevancia do homenaxeado explica tal desembarco de autoridades, aínda que tamén hai quen pode entendelo como un xesto de apoio á candidatura á alcaldía de José Luis Pérez Estévez, sucesor na cadeira municipal de Jorge Casal Pintos e que, no caso de revalidar triunfo electoral, superaría en permanencia no goberno ao seu antecesor. Pero máis aló do acto deste domingo a vida política no municipio non se detén e este luns, 28 de xaneiro, a partires das 20:30 horas, terá lugar unha nova sesión plenaria de carácter ordinario. Segundo figura na orde do día abordaranse cuestións como a moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE sobre a proposta de elaboración e aprobación dun plan estratéxico de subvencións que corresponde outorgar ao concello, xunto con outras mocións do grupo socialista sobre o estado do consultorio médico de Paradela ou sobre a celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Tamén o grupo municipal do BNG aproveitará para presentar as súas mocións, en concreto sobre temas como a implantación dun servizo público de transporte no municipio ou sobre o sector eléctrico. A Casa Consistorial volverá acoller unha sesión no que os problemas, as preocupacións, as demandas e as suxestións veciñais deberían ocupar o centro do debate e no que a democracia, cada vez máis consolidada no noso territorio, seguirá o seu curso. E, como non podería ser doutra maneira, A Armenteira terá unha vez máis un papel protagonista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario