Buscar neste blog

sábado, 30 de novembro de 2019

En domingo, á tarde e en verde e negro

"Me gusta el fútbol. Los domingos por la tarde es la mayor de mis aficiones. Me gusta el fútbol. Con los gritos y los goles se desatan las pasiones..." así rezaba a letra dunha canción do grupo Los Inhumanos e que popularizou unha canle privada de televisión que aló polos anos noventa comezou a emitir partidos de fútbol os domingos á tarde. Curiosamente, para poder ver aquelas retransmisións era preciso abonarse e pagar unha cota mensual, razón pola cal moitos afeccionados e afeccionadas ao deporte rei, que non dispoñían deste servizo nos seus domicilios, tiñan que desprazarse aos bares e cafeterías que contaban con aparello descodificador que permitía contemplar, normalmente sobre as sete da tarde, o partidos da Primeira División, co que servía de peche a unha xornada na que a maior parte dos encontros se iniciaban dúas horas antes, sobre as cinco, por aquel entón hora punta a nivel futbolístico en España. Pero foi precisamente o desembarco da televisión de pago no balompé o que co paso das temporadas foi diversificando os horarios dos partidos, pensando máis nos beneficios que podían reportar as audiencias, incluso doutros países ou continentes, que na comodidade das persoas que fielmente soen acudir semana tras semana aos estadios. O punto máximo desta revolución dos horarios deuse nas últimas campañas, cando se chegou a alongar a xornada da fin de semana dende o venres ata o luns, e en ocasións, nas xornadas que se trasladaban ao medio da semana, os partidos da Liga de Fútbol Profesional desenvolvíanse de luns a domingo. Desterrado o partido do luns a petición da Asociación de Futbolistas Españoles (AFE) o deporte do balompé reina sen descanso ao longo do ano sen apenas tempo para o descanso de xogadores e espectadores, aínda que, con todo, as xornadas de fútbol nas tardes do domingo continúan tendo un sabor especial, distinto, máis auténtico. En A Armenteira estas tardes de fútbol en domingo tamén tiveron un carácter distinguido. Era ese o horario no que os mozos da parroquia se desprazaban ao primitivo campo de O Leixo para disputar partidiños e pachangas, e ese era o horario no que o equipo sénior masculino disputaba habitualmente os seus partidos nas catro campañas nas que competiu na Terceira Autónomica. Dende 2005 ata 2009 centenares de persoas congregábanse nas instalacións deportivas de O Busto para animar a aqueles mozos que fixeran realidade aquel soño que tiñan dende nenos: contar cun equipo de fútbol de maiores en A Armenteira. En domingo á tarde tamén disputaría os seus encontros outro equipo que fixo historia na parroquia e no Concello de Meis. No verán de 2016 nacía o equipo sénior feminino do Armenteira C.F., que na modalidade de fútbol-11 reunía semana tras semana, a un elevado número de persoas no campo de O Leixo. Co cambio deste equipo á modalidade de fútbol-7 os partidos nas tardes dos domingos foron desaparecendo dos calendarios da competición. A flexibilidade que dá a Real Federación Galega de Fútbol á hora de fixar os horarios provoca que moitos clubes e moitas futbolistas prefiran xogar durante o sábado ou o domingo á mañá, reservando as tardes dominicais para outras actividades de lecer. Contrariamente ao que viña acontecendo, este domingo, 1 de decembro, o campo de O Leixo e o Armenteira C.F. disfrutarán de novo dun partido en horario vespertino. Ás 17:00 horas, o equipo sénior feminino recibe ao Independiente C.F., unha cita na que as mozas que dirixe Marcial Prado tratarán de retomar a senda do triunfo tras unhas xornadas nas que a falta de efectivos impediron manter a racha triunfal coa que iniciaron a temporada. Agora, nun horario máis axeitado para poder contar cun número aceptable de xogadoras, terán oportunidade de atoparse novamente coa vitoria nun ambiente máis propicio e cun respaldo da afección previsiblemente maior. En domingo, á tarde e en verde e negro, así será, dous anos despois, a xornada desta fin de semana en O Leixo.





luns, 25 de novembro de 2019

Quince horas en penumbra

Nos tempos que corren resulta case inconcebible que os seres humanos poidan desenvolver as súas actividades diarias sen dispoñer de enerxía eléctrica. As tarefas cotiás ou as obrigas laborais dependen do suministro que poña en funcionamento uns aparellos que dunha maneira ou outra deben ser conectados a un enchufe. Fai corenta ou cincuenta anos era frecuente que en moitas aldeas de Galicia houbese cortes de luz que deixaban aos veciños e veciñas horas ou mesmo días en total escuridade. Pero en pleno século XXI, na era da informática, da biotecnoloxía ou da sociedade da comunicación é algo que ocorre de forma moi esporádica. Por este motivo é comprensible que os ánimos dos xentes se enerven cando suceden episodios deste tipo. Este domingo, pouco despois das cinco da tarde, lugares como Fofán, Castiñeira, Couso ou Silván, pertencentes practicamente na súa totalidade á parroquia de A Armenteira, quedaron en total penumbra. Ao principio crían que era unha incidencia leve, das moitas que se producen nesta contorna, e que o suministro de electricidade non tardaría en retornar. No entanto, transcurrían as horas e a desesperación da poboación da ladeira oeste do monte Castrove ía en aumento. Con indignación contemplaban que noutros núcleos dos arredores, da mesma parroquia ou do mesmo Concello, as vías públicas e as vivendas aparecían iluminadas. Mentres durou a batería dos seus teléfonos móbiles os veciños e veciñas fixeron chegar as súas queixas a través dos servizos de mensaxería ou das redes sociais, ou contactaron coas autoridades do Concello de Meis e da empresa Naturgy para recibir unha explicación e unha rápida solución ao problema. Cando a noite se apropiou da paisaxe a estampa que se podía divisar semellaba propia de mediados do século pasado. No medio da total escuridade só o resplandor das candeas indicaba que a vida humana era quen de resistir sen a enerxía básica dos tempos modernos. Pasou a noite e ao amencer a luz continuaba ausente. Para ir ao traballo ou para acudir á escola moitos tiveron que apañarse como puideron ou ben prescindiron de hábitos tan necesarios como ducharse, almorzar ou vestirse dunha maneira máis ou menos cómoda. Pasaran quince horas e non había rastro do suministro eléctrico. E foi nese momento, uns minutos máis tarde das oito da mañá, cando por fin se fixo a luz. Incluso dende a alcaldía de Meis se trataba de tranquilizar á xente transmitindo as explicacións que daban os responsables da compañía eléctrica. Unha avaría nunha área comprendida entre os lugares de Fofán e Castiñeira parecía ser a causante. Para aliviar as penurias dos veciños e veciñas Naturgy puxo a funcionar un grupo electróxeno que surtise a electricidade mentres a incididencia non fose subsanada. Sobre as once a luz volveu marchar, aínda que axiña regresou. Ao longo do día o suministro foise desenvolvendo de forma regular e as xentes de Fofán, Castiñeira, Couso, O Batán ou Silván puideron retomar a súa vida conforme corresponde ás persoas que habitan no ano 2019. En épocas nas que as vilas e cidades alumean profusamente as súas rúas, as súas prazas, os seus parques ou os seus monumentos, como tamén o fan os locais comerciais, engalanándose para celebrar as datas de Nadal, un pequeno recuncho da comarca de O Salnés, de Galicia, de España, de Europa Occidental, é dicir, dunha das áreas máis avanzadas do planeta, tivo que resistir nunhas condicións terceirmundistas e rememorar experiencias que só as persoas de maior idade lembraban.

sábado, 23 de novembro de 2019

O Armenteira Veteranos lévase o derbi municipal para lograr a segunda vitoria da temporada

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - ZACANDE-TERRAS DE CURRO - 2 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi;  Manolo, Charles, Javi González, Víctor; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Moncho, Marcial, Rubén e José Pérez.
GOLES: 0-1. Minuto 23. Javier García. 1-1. Minuto 62. Javi González. 2-1. Minuto 80. Manolo.
ÁRBITRO: Rey Aguiar. Mostrou cartóns amarelos a Germán Vila e José Ramón Piñeiro por parte do Zacande-Terras de Curro e doble cartón amarelo a Iván Sabarís, tamén do Zacande-Terras de Curro.
INCIDENCIAS: Partido da novena xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns oito espectadores, nunha tarde fría e anubrada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables tendo en conta o estado no que se atopa a miudo a superficie de terra deste campo.
 CRÓNICA
O Armenteira Veteranos venceu este sábado no único derbi que se disputará esta temporada entre equipos do Concello de Meis que terá lugar na presente temporada nas distintas categorías do fútbol local. A fusión da S.C.D. Terras de Curro e o Zacande F.C. deu lugar á creación dun novo conxunto na liga de veteranos que, aínda que coa súa anterior denominación xa viña disputando os partidos en territorio meisino, en concreto no campo Municipal de Zacande, pasou a integrarse esta temporada como un equipo máis da rede futbolística do Concello de Meis. Foi un encontro equilibrado, vibrante, cun alto ritmo de xogo, e que tivo dúas parte ben diferenciadas: a primeira dominada polo cadro visitante e a segunda controlada polo conxunto local. Comezou cómodo o Armenteira Veteranos. Asumindo o control do xogo, o combinado verde e negro pechou no seu campo ao Zacande-Terras de Curro, trataba de buscar con insistencia a Jorge Castro, que regresaba á punta de ataque dos de O Leixo despois de estar ausente a  pasada fin de semana. Pero non atopaban os locais o camiño do gol e pouco a pouco os de Zacande ían deixándose ver polas proximidades da meta defendida por Óscar Muniz, que por segunda vez na temporada exercía de improsado gardamallas. A ausencia de Sirra, a causa do pasamento do seu avó, impediu que o meta de Couso ocupase o seu posto habitual na portería verdinegra. Unha baixa máis ca sensible para o Armenteira Veteranos á que, con todo, soubo facer fronte grazas á intensidade defensiva e ao acerto  que mostrou Óscar Muñiz baixo paus nas escasas ocasións nas que os atacantes rivais o puxeron a proba. Co paso dos minutos o Zacande-Terras de Curro foi facéndose dono da situación. Tratando de imprimirlle un ritmo vertixinoso ao xogo, os visitantes armaban ofensivas nas que o obxectivo era atopar a velocidade e o desequilibrio Marcial Viqueira e de Juan López polos costados. Tras algún aviso que ben puido rematar en gol, Javier García, totalmente libre de marca, superaba a saída do porteiro local e colocaba por diante aos de Zacande. Perdido sobre o terreo de xogo o Armenteira Veteranos estaba a mercede dun rival que seguía dominando, pero que despois da retirada de Javier García por lesión, perdía ao seu principal referente en ataque. Na segunda metade a situación mudou. O Armenteira Veteranos daba entrada a José Pérez, e cambiaba o seu habitual 4-4-2 por un 4-3-3, conformando unha potente liña medular con Charles, Javi González e o propio José Pérez. As posesión pasaba agora a ser verde e negra e as ocasións ante a meta de Fernando Gómez sucedíanse. Xunto coa incorporación de José Pérez outro feito contribuíu de forma decisiva a decantar a balanza para os de A Armenteira. Iván Sabarís derrubaba a Jorge Castro cando enfilaba o camiño cara a área visitante e recibía o segundo cartón marelo. Cun futbolista máis sobre o campo o dominio dos locais pasou a ser máis intenso e todo parecía indicar que o gol do empate sería cuestión de tempo. Nunha xogada con varios rexeites, Javi González empalmaba unha volea dende o borde da área e conseguía o tanto da igualada. Non desistiu o Armenteira Veteranos e foi na busca do gol que desnivelase o encontro. Unha acción iniciada por Galiñanes por banda esquerda finalizaría co balón no segundo pau, onde Manolo engancharía unha extraordinaria volea ante a que nada puido facer Fernando Gómez. Nos últimos minutos houbo oportunidades incluso para que o Armenteira Veteranos ampliase o marcador, pero o resultado non se movería. Con este triunfo o cadro de A Armenteira ascende á décimo sexta posición, con sete puntos, curiosamente logrados todos eles nas tres últimas xornadas. Un resultado favorable que os futbolistas do equipo verdinegro nos dubidaron en festexar no tradicional terceiro tempo da cantina de O Leixo, ao tempo que comentaban as anécdotas e os aconteceres do partido que viñan de disputar e ultimaban os detalles da cea de convivencia que celebrarán a próxima fin de semana. Aínda que antes terán que rendir visita ao campo de O Cabalo, en Vilaboa. Alí, o sábado, 30 de novembro, mediranse ao Bora-Narazet C.F., líder do grupo, con vintecinco puntos, sen dúbida un obstáculo tremendamente compricado para un Armenteira Veteranos que pretende prolongar a boa xeira de resultados das últimas semanas.


sábado, 16 de novembro de 2019

Primeira vitoria na liga do Armenteira Veteranos nun partido no que non estivo Jorge Castro

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - VERDUCIDO VETERANOS C.F. - 2 - 0
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Charles, Óscar Barreiro, Manolo, Javi González, José Pérez, Martín; Víctor e Galiñanes. Tamén xogou Javi Limeres.
GOLES: 1-0. Minuto 45. Martín, de penalti. 2-0. Minuto 51. Galiñanes. .
ÁRBITRO: Vázquez Castro. Mostrou cartóns amarelos a Sirra por parte do Armenteira Veteranos e a Óscar Cortizo, Ángel Rodríguez, Manuel Hermida, José Manuel Dios por parte do Verducido Veteranos C.F., e cartón vermello directo a Pedro Pereira por parte deste último equipo.
INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns dez espectadores, nunha tarde fría e anubrada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables tendo en conta o estado no que se atopa a miudo a superficie de terra deste campo.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos logrou por fin a primeira vitoria da temporada 2019/2020, e fíxoo sen a presenza do seu xogador franquicia, Jorge Castro. Ocupacións laborais privaron á gran referencia do clube de O Leixo de estar este sábado a carón dos seus compañeiros, pero estes supliron esta importante ausencia con orde, gañas, intensidade, e mesmo fútbol combinativo, no que foi, sen lugar a dúbidas, o mellor partido do Armenteira Veteranos no que levamos de campaña. Dende o inicio o cadro local tomou o timón. Comandados dende á zona do creación por Javi e José Pérez, quizas unha das mellores parellas de mediocentros da liga de veteranos, os verdinegros achegábanse unha e outra vez polas inmediacións da meta defendida por Adrián Pino. Os berros do gardamallas visitante en cada ocasión nas que saía da portería para atallar os balóns longos que enviaba o Armenteira Veteranos repetíanse durante os primeiros minutos. Pases curtos, pases longos, entradas por banda... non se daban convertido en gol. Notaba en falta o conxunto local a presenza dese killer que tantos e tantos partidos veu resolvendo ao longo das últimas temporadas. Non sería ata o último minuto deste primeiro período cando o conxunto locatario conseguiría poñerse por diante. Unha incorporación de Manolo polo costado dereito era freada cunha falta dentro da área por un defensor do Verducido C.F. Veteranos. Decretou penalti Vázquez Castro e Martín asumiría a responsabilidade de efectuar o lanzamento dende os once metros. Non fallaría o mediocampista de Vilar, permitindo que o seu equipo se fose cunha recompensa máis ca merecida ao descanso. Tras a reanudación a escadra de Verducido intentou imprimirlle máis ritmo ao seu fútbol, pero axiña se atopou coa reacciñon do Armenteira Veteranos. Galiñanes, nunha internada pola banda esquerda, sorprendía por alto ao meta Adrián Pino, colocando o coiro no fondo das redes, á altura do segundo pau. Con esta vantaxe, aparentemente cómoda, os locais baixaron un pouco a intensidade, aínda que continuaron co súa aposta polo xogo de toque, o que permitiu seguir xerando ocasións de gol. Tiveron oportunidade de recurtar distancias os laranxas nunha controvertida pena máxima que sinalou o colexiado despois de que un atacante visitante se fose ao chan tras rebasar a Javi González. Por sorte para o Armenteira Veteranos o lanzamento foi directo ao pau dereito da meta de Sirra. Superado este trance o resto do encontro discurriu con relativa comodidade para os locais, os cales puideron acadar un triunfo máis abultado de ter maior capacidade de definición nos metros finais. A solidez mostrada por Charles e Óscar Barreiro no centro da zaga, unida a un gran traballo colectivo, así como a dirección dende o banco de Óscar Portas e Óscar Muñiz, foron claves para que o equipo verde e negro finalizase coa portería a cero. Habería que remontarse á pasada temporada para atopar un partido no que o Armenteira Veteranos non encaixara un gol, unha situación que a maioría dos xogadores verdinegros nin sequera lembran. Con estes tres puntos o cadro verde e negro mantense na decimo novena posición, con catro puntos, e terá que agardar á próxima fin de semana para poder escalar postos na clasificación. Para elo terá que vencer ao Zacande-Terras de Curro, que deberá visitar o campo de O Leixo, no que será o primeiro derbi municipal entre dous equipos do Concello de Meis da temporada 2019/2020 na Terceira Galicia de Veteranos.