Buscar neste blog

sábado, 30 de novembro de 2019

En domingo, á tarde e en verde e negro

"Me gusta el fútbol. Los domingos por la tarde es la mayor de mis aficiones. Me gusta el fútbol. Con los gritos y los goles se desatan las pasiones..." así rezaba a letra dunha canción do grupo Los Inhumanos e que popularizou unha canle privada de televisión que aló polos anos noventa comezou a emitir partidos de fútbol os domingos á tarde. Curiosamente, para poder ver aquelas retransmisións era preciso abonarse e pagar unha cota mensual, razón pola cal moitos afeccionados e afeccionadas ao deporte rei, que non dispoñían deste servizo nos seus domicilios, tiñan que desprazarse aos bares e cafeterías que contaban con aparello descodificador que permitía contemplar, normalmente sobre as sete da tarde, o partidos da Primeira División, co que servía de peche a unha xornada na que a maior parte dos encontros se iniciaban dúas horas antes, sobre as cinco, por aquel entón hora punta a nivel futbolístico en España. Pero foi precisamente o desembarco da televisión de pago no balompé o que co paso das temporadas foi diversificando os horarios dos partidos, pensando máis nos beneficios que podían reportar as audiencias, incluso doutros países ou continentes, que na comodidade das persoas que fielmente soen acudir semana tras semana aos estadios. O punto máximo desta revolución dos horarios deuse nas últimas campañas, cando se chegou a alongar a xornada da fin de semana dende o venres ata o luns, e en ocasións, nas xornadas que se trasladaban ao medio da semana, os partidos da Liga de Fútbol Profesional desenvolvíanse de luns a domingo. Desterrado o partido do luns a petición da Asociación de Futbolistas Españoles (AFE) o deporte do balompé reina sen descanso ao longo do ano sen apenas tempo para o descanso de xogadores e espectadores, aínda que, con todo, as xornadas de fútbol nas tardes do domingo continúan tendo un sabor especial, distinto, máis auténtico. En A Armenteira estas tardes de fútbol en domingo tamén tiveron un carácter distinguido. Era ese o horario no que os mozos da parroquia se desprazaban ao primitivo campo de O Leixo para disputar partidiños e pachangas, e ese era o horario no que o equipo sénior masculino disputaba habitualmente os seus partidos nas catro campañas nas que competiu na Terceira Autónomica. Dende 2005 ata 2009 centenares de persoas congregábanse nas instalacións deportivas de O Busto para animar a aqueles mozos que fixeran realidade aquel soño que tiñan dende nenos: contar cun equipo de fútbol de maiores en A Armenteira. En domingo á tarde tamén disputaría os seus encontros outro equipo que fixo historia na parroquia e no Concello de Meis. No verán de 2016 nacía o equipo sénior feminino do Armenteira C.F., que na modalidade de fútbol-11 reunía semana tras semana, a un elevado número de persoas no campo de O Leixo. Co cambio deste equipo á modalidade de fútbol-7 os partidos nas tardes dos domingos foron desaparecendo dos calendarios da competición. A flexibilidade que dá a Real Federación Galega de Fútbol á hora de fixar os horarios provoca que moitos clubes e moitas futbolistas prefiran xogar durante o sábado ou o domingo á mañá, reservando as tardes dominicais para outras actividades de lecer. Contrariamente ao que viña acontecendo, este domingo, 1 de decembro, o campo de O Leixo e o Armenteira C.F. disfrutarán de novo dun partido en horario vespertino. Ás 17:00 horas, o equipo sénior feminino recibe ao Independiente C.F., unha cita na que as mozas que dirixe Marcial Prado tratarán de retomar a senda do triunfo tras unhas xornadas nas que a falta de efectivos impediron manter a racha triunfal coa que iniciaron a temporada. Agora, nun horario máis axeitado para poder contar cun número aceptable de xogadoras, terán oportunidade de atoparse novamente coa vitoria nun ambiente máis propicio e cun respaldo da afección previsiblemente maior. En domingo, á tarde e en verde e negro, así será, dous anos despois, a xornada desta fin de semana en O Leixo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario