Buscar neste blog

luns, 25 de novembro de 2019

Quince horas en penumbra

Nos tempos que corren resulta case inconcebible que os seres humanos poidan desenvolver as súas actividades diarias sen dispoñer de enerxía eléctrica. As tarefas cotiás ou as obrigas laborais dependen do suministro que poña en funcionamento uns aparellos que dunha maneira ou outra deben ser conectados a un enchufe. Fai corenta ou cincuenta anos era frecuente que en moitas aldeas de Galicia houbese cortes de luz que deixaban aos veciños e veciñas horas ou mesmo días en total escuridade. Pero en pleno século XXI, na era da informática, da biotecnoloxía ou da sociedade da comunicación é algo que ocorre de forma moi esporádica. Por este motivo é comprensible que os ánimos dos xentes se enerven cando suceden episodios deste tipo. Este domingo, pouco despois das cinco da tarde, lugares como Fofán, Castiñeira, Couso ou Silván, pertencentes practicamente na súa totalidade á parroquia de A Armenteira, quedaron en total penumbra. Ao principio crían que era unha incidencia leve, das moitas que se producen nesta contorna, e que o suministro de electricidade non tardaría en retornar. No entanto, transcurrían as horas e a desesperación da poboación da ladeira oeste do monte Castrove ía en aumento. Con indignación contemplaban que noutros núcleos dos arredores, da mesma parroquia ou do mesmo Concello, as vías públicas e as vivendas aparecían iluminadas. Mentres durou a batería dos seus teléfonos móbiles os veciños e veciñas fixeron chegar as súas queixas a través dos servizos de mensaxería ou das redes sociais, ou contactaron coas autoridades do Concello de Meis e da empresa Naturgy para recibir unha explicación e unha rápida solución ao problema. Cando a noite se apropiou da paisaxe a estampa que se podía divisar semellaba propia de mediados do século pasado. No medio da total escuridade só o resplandor das candeas indicaba que a vida humana era quen de resistir sen a enerxía básica dos tempos modernos. Pasou a noite e ao amencer a luz continuaba ausente. Para ir ao traballo ou para acudir á escola moitos tiveron que apañarse como puideron ou ben prescindiron de hábitos tan necesarios como ducharse, almorzar ou vestirse dunha maneira máis ou menos cómoda. Pasaran quince horas e non había rastro do suministro eléctrico. E foi nese momento, uns minutos máis tarde das oito da mañá, cando por fin se fixo a luz. Incluso dende a alcaldía de Meis se trataba de tranquilizar á xente transmitindo as explicacións que daban os responsables da compañía eléctrica. Unha avaría nunha área comprendida entre os lugares de Fofán e Castiñeira parecía ser a causante. Para aliviar as penurias dos veciños e veciñas Naturgy puxo a funcionar un grupo electróxeno que surtise a electricidade mentres a incididencia non fose subsanada. Sobre as once a luz volveu marchar, aínda que axiña regresou. Ao longo do día o suministro foise desenvolvendo de forma regular e as xentes de Fofán, Castiñeira, Couso, O Batán ou Silván puideron retomar a súa vida conforme corresponde ás persoas que habitan no ano 2019. En épocas nas que as vilas e cidades alumean profusamente as súas rúas, as súas prazas, os seus parques ou os seus monumentos, como tamén o fan os locais comerciais, engalanándose para celebrar as datas de Nadal, un pequeno recuncho da comarca de O Salnés, de Galicia, de España, de Europa Occidental, é dicir, dunha das áreas máis avanzadas do planeta, tivo que resistir nunhas condicións terceirmundistas e rememorar experiencias que só as persoas de maior idade lembraban.

Ningún comentario:

Publicar un comentario