FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - VERDUCIDO VETERANOS C.F. - 2 - 0
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Charles, Óscar Barreiro, Manolo, Javi González, José Pérez, Martín; Víctor e Galiñanes. Tamén xogou Javi Limeres.
GOLES: 1-0. Minuto 45. Martín, de penalti. 2-0. Minuto 51. Galiñanes. .
ÁRBITRO: Vázquez Castro. Mostrou cartóns amarelos a Sirra por parte do Armenteira Veteranos e a Óscar Cortizo, Ángel Rodríguez, Manuel Hermida, José Manuel Dios por parte do Verducido Veteranos C.F., e cartón vermello directo a Pedro Pereira por parte deste último equipo.
INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns dez espectadores, nunha tarde fría e anubrada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables tendo en conta o estado no que se atopa a miudo a superficie de terra deste campo.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos logrou por fin a primeira vitoria da temporada 2019/2020, e fíxoo sen a presenza do seu xogador franquicia, Jorge Castro. Ocupacións laborais privaron á gran referencia do clube de O Leixo de estar este sábado a carón dos seus compañeiros, pero estes supliron esta importante ausencia con orde, gañas, intensidade, e mesmo fútbol combinativo, no que foi, sen lugar a dúbidas, o mellor partido do Armenteira Veteranos no que levamos de campaña. Dende o inicio o cadro local tomou o timón. Comandados dende á zona do creación por Javi e José Pérez, quizas unha das mellores parellas de mediocentros da liga de veteranos, os verdinegros achegábanse unha e outra vez polas inmediacións da meta defendida por Adrián Pino. Os berros do gardamallas visitante en cada ocasión nas que saía da portería para atallar os balóns longos que enviaba o Armenteira Veteranos repetíanse durante os primeiros minutos. Pases curtos, pases longos, entradas por banda... non se daban convertido en gol. Notaba en falta o conxunto local a presenza dese killer que tantos e tantos partidos veu resolvendo ao longo das últimas temporadas. Non sería ata o último minuto deste primeiro período cando o conxunto locatario conseguiría poñerse por diante. Unha incorporación de Manolo polo costado dereito era freada cunha falta dentro da área por un defensor do Verducido C.F. Veteranos. Decretou penalti Vázquez Castro e Martín asumiría a responsabilidade de efectuar o lanzamento dende os once metros. Non fallaría o mediocampista de Vilar, permitindo que o seu equipo se fose cunha recompensa máis ca merecida ao descanso. Tras a reanudación a escadra de Verducido intentou imprimirlle máis ritmo ao seu fútbol, pero axiña se atopou coa reacciñon do Armenteira Veteranos. Galiñanes, nunha internada pola banda esquerda, sorprendía por alto ao meta Adrián Pino, colocando o coiro no fondo das redes, á altura do segundo pau. Con esta vantaxe, aparentemente cómoda, os locais baixaron un pouco a intensidade, aínda que continuaron co súa aposta polo xogo de toque, o que permitiu seguir xerando ocasións de gol. Tiveron oportunidade de recurtar distancias os laranxas nunha controvertida pena máxima que sinalou o colexiado despois de que un atacante visitante se fose ao chan tras rebasar a Javi González. Por sorte para o Armenteira Veteranos o lanzamento foi directo ao pau dereito da meta de Sirra. Superado este trance o resto do encontro discurriu con relativa comodidade para os locais, os cales puideron acadar un triunfo máis abultado de ter maior capacidade de definición nos metros finais. A solidez mostrada por Charles e Óscar Barreiro no centro da zaga, unida a un gran traballo colectivo, así como a dirección dende o banco de Óscar Portas e Óscar Muñiz, foron claves para que o equipo verde e negro finalizase coa portería a cero. Habería que remontarse á pasada temporada para atopar un partido no que o Armenteira Veteranos non encaixara un gol, unha situación que a maioría dos xogadores verdinegros nin sequera lembran. Con estes tres puntos o cadro verde e negro mantense na decimo novena posición, con catro puntos, e terá que agardar á próxima fin de semana para poder escalar postos na clasificación. Para elo terá que vencer ao Zacande-Terras de Curro, que deberá visitar o campo de O Leixo, no que será o primeiro derbi municipal entre dous equipos do Concello de Meis da temporada 2019/2020 na Terceira Galicia de Veteranos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario