FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - ZACANDE-TERRAS DE CURRO - 2 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi; Manolo, Charles, Javi González, Víctor; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Moncho, Marcial, Rubén e José Pérez.
GOLES: 0-1. Minuto 23. Javier García. 1-1. Minuto 62. Javi González. 2-1. Minuto 80. Manolo.
ÁRBITRO: Rey Aguiar. Mostrou cartóns amarelos a Germán Vila e José Ramón Piñeiro por parte do Zacande-Terras de Curro e doble cartón amarelo a Iván Sabarís, tamén do Zacande-Terras de Curro.
INCIDENCIAS: Partido da novena xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns oito espectadores, nunha tarde fría e anubrada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables tendo en conta o estado no que se atopa a miudo a superficie de terra deste campo.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos venceu este sábado no único derbi que se disputará esta temporada entre equipos do Concello de Meis que terá lugar na presente temporada nas distintas categorías do fútbol local. A fusión da S.C.D. Terras de Curro e o Zacande F.C. deu lugar á creación dun novo conxunto na liga de veteranos que, aínda que coa súa anterior denominación xa viña disputando os partidos en territorio meisino, en concreto no campo Municipal de Zacande, pasou a integrarse esta temporada como un equipo máis da rede futbolística do Concello de Meis. Foi un encontro equilibrado, vibrante, cun alto ritmo de xogo, e que tivo dúas parte ben diferenciadas: a primeira dominada polo cadro visitante e a segunda controlada polo conxunto local. Comezou cómodo o Armenteira Veteranos. Asumindo o control do xogo, o combinado verde e negro pechou no seu campo ao Zacande-Terras de Curro, trataba de buscar con insistencia a Jorge Castro, que regresaba á punta de ataque dos de O Leixo despois de estar ausente a pasada fin de semana. Pero non atopaban os locais o camiño do gol e pouco a pouco os de Zacande ían deixándose ver polas proximidades da meta defendida por Óscar Muniz, que por segunda vez na temporada exercía de improsado gardamallas. A ausencia de Sirra, a causa do pasamento do seu avó, impediu que o meta de Couso ocupase o seu posto habitual na portería verdinegra. Unha baixa máis ca sensible para o Armenteira Veteranos á que, con todo, soubo facer fronte grazas á intensidade defensiva e ao acerto que mostrou Óscar Muñiz baixo paus nas escasas ocasións nas que os atacantes rivais o puxeron a proba. Co paso dos minutos o Zacande-Terras de Curro foi facéndose dono da situación. Tratando de imprimirlle un ritmo vertixinoso ao xogo, os visitantes armaban ofensivas nas que o obxectivo era atopar a velocidade e o desequilibrio Marcial Viqueira e de Juan López polos costados. Tras algún aviso que ben puido rematar en gol, Javier García, totalmente libre de marca, superaba a saída do porteiro local e colocaba por diante aos de Zacande. Perdido sobre o terreo de xogo o Armenteira Veteranos estaba a mercede dun rival que seguía dominando, pero que despois da retirada de Javier García por lesión, perdía ao seu principal referente en ataque. Na segunda metade a situación mudou. O Armenteira Veteranos daba entrada a José Pérez, e cambiaba o seu habitual 4-4-2 por un 4-3-3, conformando unha potente liña medular con Charles, Javi González e o propio José Pérez. As posesión pasaba agora a ser verde e negra e as ocasións ante a meta de Fernando Gómez sucedíanse. Xunto coa incorporación de José Pérez outro feito contribuíu de forma decisiva a decantar a balanza para os de A Armenteira. Iván Sabarís derrubaba a Jorge Castro cando enfilaba o camiño cara a área visitante e recibía o segundo cartón marelo. Cun futbolista máis sobre o campo o dominio dos locais pasou a ser máis intenso e todo parecía indicar que o gol do empate sería cuestión de tempo. Nunha xogada con varios rexeites, Javi González empalmaba unha volea dende o borde da área e conseguía o tanto da igualada. Non desistiu o Armenteira Veteranos e foi na busca do gol que desnivelase o encontro. Unha acción iniciada por Galiñanes por banda esquerda finalizaría co balón no segundo pau, onde Manolo engancharía unha extraordinaria volea ante a que nada puido facer Fernando Gómez. Nos últimos minutos houbo oportunidades incluso para que o Armenteira Veteranos ampliase o marcador, pero o resultado non se movería. Con este triunfo o cadro de A Armenteira ascende á décimo sexta posición, con sete puntos, curiosamente logrados todos eles nas tres últimas xornadas. Un resultado favorable que os futbolistas do equipo verdinegro nos dubidaron en festexar no tradicional terceiro tempo da cantina de O Leixo, ao tempo que comentaban as anécdotas e os aconteceres do partido que viñan de disputar e ultimaban os detalles da cea de convivencia que celebrarán a próxima fin de semana. Aínda que antes terán que rendir visita ao campo de O Cabalo, en Vilaboa. Alí, o sábado, 30 de novembro, mediranse ao Bora-Narazet C.F., líder do grupo, con vintecinco puntos, sen dúbida un obstáculo tremendamente compricado para un Armenteira Veteranos que pretende prolongar a boa xeira de resultados das últimas semanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario