Buscar neste blog

luns, 27 de decembro de 2021

Concello e axentes sociais acordan trasladar a Romaría das Cabezas do 2022 ao verán

 

Dous anos levan xa os fregreses e os numerosos festeiros que cada luns de Pascua se achegaban a A Armenteira sen poder disfrutar da Romaría na honra da Virxe das Cabezas. A última edición, a do ano, 2019, foi un evento multitudinario, no que os aspectos relixioso, lúdico e festivo se mesturaron e congregaron ao longo da Semana Santa a milleiros de persoas nas inmediacións do mosteiro cisterciense. A estensión por todo o planeta da pandemia mundial da COVID-19 obrigou a suspender e paralizar boa parte das celebracións que tanta tradición teñen en territorios como o noso. Se en 2020 foron moi poucas persoas as que se deixaron ver polos arredores do lugar no que ten lugar  a romaría, no ano 2021, cos oficios relixiosos e as actividades festivas tamén suspendidas, produciuse unha importante aglomeración humana en torno aos locais de hostalaría e ao posto de venda de pulpo que se instalo una zona. Temendo que para a primavera 2022 se volva a acadar un novo pico da pandemia e que os efectos dos contaxios da variante ómicron obriguen a cancelar novamente os actos relacionados coa Romaría das Cabezas, os representantes do Concello e os responsables dos oficios relixiosos e da comisión de festas, tras consultar á Comandancia da Garda Civil, á Subdelegación do Goberno, ao Xulgado de Primeira Instancia de Cambados e á Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, decidiron trasladar estes eventos festivos ao verán.

Co visto e prace destas institucións e cos datos sanitarios enriba da mesa, un dos principais responsables desta decisión, que este martes, 28 de decembro, atenderá aos medios de comunicación e dará a coñecer oficialmente a noticia, afirmaba que “a experiencia móstranos que na época de verán a incidencia do virus soe ser menor, ou iso é que é a información que nos dan as autoridades sanitarias”. Por este motivo, considera este representante que “sen ter coñecementos médicos avanzados, podo asegurar que o interese por recuperar as actividades festivas dos meses estivais fará que os datos que nos proporcionen nesas datas mostrarán un acusado descenso do número de contaxiados”. En relación coa decisión do cambio indicou: “dado que este ano o luns, 18 de abril, día no que tería lugar a Romaría das Cabezas, é posible que volva chover, aproveitamos, tendo en conta as circunstancias da pandemia, para trasladar as celebración ao verán, unha época do ano no que o tempo acostuma a ser máis benigno e no que a presenza de turistas procedentes de Madrid e doutras partes da Península, permitirá aumentar o nivel de ingresos dos locais de hostalaría e dos dos vendedores ambulantes”. En canto á data escollida finalmente sinalou: “Barallamos varias opcións. Nun principio pensamos no 25 de xullo, que este ano cae en luns, pero como a nosa intención era non restarlle afluencia ás celebracións do Apóstolo que por eses días teñen lugar en Santiago de Compostela, decidimos trasladar finalmente os actos festivos para o 15 de agosto, que tamén coincide en luns”.”Cremos que esa data é a idónea, tanto por cuestións meteorolóxicas, pois é moi raro que chova un 15 de agosto en A Armenteira, como pola numerosa afluencia de visitantes que se agardan nesa época, xa que coincidirá a presenza dun importante número de turistas coas semanas de vacacións de boa parte da xente da zona”. Segundo este representante das festas “o feito de celebrar a Romaría das Cabezas no verán permitiranos celebrar as misas ao aire libre e tamén nos permitirá reforzar o programa festivo con actuacións de maior renome. O 15 de agosto é o día no que máis festas hai en toda Galicia, e A Armenteira non se pode quedar atrás. Porque o que queremos é que ben sexa na Semana Santa ou ben sexa no verán, o día das Cabezas siga sendo o mellor luns do ano". E continuou: "Conseguiremos incrementar a asignación que nos dan o Concello e a Deputación e estableceremos unha cota mínima por domicilio, que estamos estudando situar en 50 euros, ou iso, ou subir os importos, a xente decide.”. Proseguiu: “Deste xeito podemos confirmar que a famosa orquestra Panorama volverá actuar na parroquia e que seguro que algún artista de renome internacional se porá ao alcance. Por que non Tanxugueiras?”, indicou para finalizar a súa intervención. Xa en privado, e para concluír, este representantes, xunto con outros responsables cos que compartía mesa na terraza dun dos bares da zona, afirmou que coa celebración da Romaría das Cabezas o 15 de agosto a parroquia de A Armenteira tería tres semanas de festa ininterrompida, pois teñen xa apalabrado coa organización do Armenteira Jazz a celebración deste festival na fin de semana do venres, día 12, ao domingo, 14 de agosto, é dicir, nos días anteriores áo día das Cabezas, e o sábado 20, unha semana despois, como sempre ocorría na Semana Santa. tería lugar a verbena na honra da Virxe dos Dolores, e o domingo habería misas ao longo de todo día. Na semana seguinte, o sábado 27 sería a verbena na honra de San Ero, o día 30 as celebracións relixiosas, e xa no mes de setembro, o xoves 8 a misa e a procesión na honra da Divina Pastora e o sábado 10 a verbena na honra desta santa.





Continúa sen desvelarse a identidade do compoñente do plantel do Armenteira Veteranos agraciado co premio gordo da Lotaría Nacional

O sorteo extraordinario do pasado 22 de decembro repartiu este ano 2.408 millóns de euros. Nesta ocasión, ao contrario que o ocorrido en 2020, os grandes premios non repartiron sorte en Galicia, pero si caeron, e de forma moi repartida, os dous cuartos premios. O número 91.197 deixou 15,7 millóns de euros en A Illa e máis de 7,5 millóns en Caldas de Reis. En Galicia tamén caíron catro quintos premios. Do 92.052 vendeuse unha serie en A Coruña e tamén unha pequena parte en O Porriño, do 26.711 vendeuse unha parte en Baiona, do 24.198 en Laxe, e do 89.109 en Carballo, O Porriño e Santiago de Compostela. En canto ao primeiro premio, este estivo moi repartido por toda España. Na estación de Atocha de Madrid vendéronse 129 series do número gañador, o 86.148. Tamén se venderon décimos dese número nas provincias de Las Palmas, Cantabria ou Huelva. Eses 400.000 euros por décimo premiado non pasaron de longo tampouco por Galicia. Un grupo do plantel de traballadores da empresa de supermercados Froiz, en concreto das instalacións que a esta compañía posúe en Lourido (Poio), foi agraciado co premio gordo da Lotaría de Nadal. De feito, segundo se comenta, un dos agraciados resultou ata cinco veces premiado, xa que encargara cinco décimos do número 86.148, e parece ser que polo menos un décimo máis repartiuse entre máis de dez persoas. Os décimos premiados proceden da Comunidade de Madrid, e segundo apuntan algúns empregados, foron emitidos na administración de lotarías da estación de Atocha.

Parece ser que a parroquia de A Armenteira non foi allea a este reparto de premios. Ao longo dos últimos días circulan rumores de que unha persoa relacionada co Armenteira C.F. resultou agraciada cun décimo premiado. Nun principio especulábase con que se trataba dunha persoa relacionada ben co equipo feminino ou ben co equipo de veteranos. As noticias parecen confirmar que finalmente o agraciado é un membro do plantel de xogadores do Armenteira Veteranos. Aínda que as primeiras noticias indicaban que posuía un décimo do cuarto premio que adquirira nas administracións de lotaría da Illa de Arousa ou de Caldas de Reis, os últimos rumores sinalan que este boleto correspondía ao 86.148, é dicir, ao premio gordo. Sobre a procedencia do décimo hai varias teorías. Hai quen afirma que puido adquirilo a través dalgún dos empregados da empresa de supermercados Froiz, co que tería unha relación próxima, pero tamén hai quen cre que puido adquirilo a través dalgún achegado que se desprazou ata a capital do Estado ou mesmo que o mercou nunha viaxe na que fixo parada na estación ferroviaria de Atocha. Independentemente da orixe do décimo premiado, o que parece confirmarse é que a persoa agraciada está intentando sacar a maior rendabilidade posible ao premio. Existen testemuñas que indican que andivo percorrendo varias oficinas de entidades bancarias que hai na comarca acompañado dun maletín de cor café do que incluso puido desprenderse algún billete a causa dun problema no peche da cremallera. Tamén circulan rumores que afirman telo visto nunha das inmobiliarias da zona, nalgún dos concesionarios de alta gama que existen na provincia ou que xa se dirixiu aos responsables do Concello de Meis manifestándolle o seu interese por facerse coa concesión do bar situado na Ruta da Pedra e da Auga. Os esforzos desta persoa non permanecer no anonimato parecen deberse non só a que trata de preservar a intimidade e a motivos de seguridade, senón tamén a que, con toda certeza, puido ter vendido o décimo a un importante capo do narcotráfico da comarca, o que explicaría o elevado nivel de vida que estaría levando nos últimos días e a iso respondería a súa intención, manifestada nos círculos máis cercanos, de convidar aos seus compañeiros do Armenteira Veteranos a disfrutar dunha fin de semana nun hotel de cinco estrelas con todos os gastos pagados, incluída a mariscada, a sesión de spa e a limusina que pasaría a recoller a cada un deles nos seus domicilios.  




sábado, 18 de decembro de 2021

Un Armenteira Veteranos moi mermado roza a posibilidade de puntuar en Castrelo

                                                              FICHA TÉCNICA


CASTRELO C.F. VETERANOS-ARMENTEIRA VETERANOS - 2 - 0

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Marcos, Óscar Barreiro, Moncho; Cacabelos, Junior; Marcial, Bebeto, Víctor; e Suso. Tamén xogaron Martín e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 60. Dioni. 2-0. Minuto 87. Dioni. 3-0. 

ÁRBITRO: Núñez Veget. Non mostrou cartóns aos xogadores do Castrelo C.F. Veteranos e do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Castrelo, en Cambados, ante uns trinta espectadores, nunha tarde soleada e algo fresca, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos non puido encadear dúas vitorias seguidas na parte que leva disputada da liga 2021/2022. Tras vencer a fin de semana pasada ao Salud S.D. Veteranos, o conxunto de O Leixo afrontaba un díficil reto en Castrelo. Ás baixas por sanción tras as expulsión na xornada anterior de Carlos Castro, Jorge Castro e Rubén, uníanse as de futbolistas tan relevantes como Javi, José Pérez, Carlos Muñiz,  Richi ou Manolo, que por diversos motivos non puideron estar este sábado ante o Castrelo C.F. Veteranos. Ao longo da semana, ante a posibilidade de non dar reunido como mínimo once xogadores, o Armenteira Veteranos tratou de negociar un aprazamento do partido, petición á que non quixo acceder o conxunto de Castrelo. Nunhas circuntancias complicadas, con Moncho, Martín, Cacabelos e Víctor con molestias físicas, o equipo verdinegro presentouse no terreo de xogo da parroquia cambadesa disposto a superar o difícil reto que lle agardaba. Ben plantado sobre o campo, con orde e seriedade, o Armenteira Veteranos apenas pasou apuros nos primeiros minutos. Con Marcos imperial na liña defensiva, perfectamente acompañado por un Óscar Barreiro de novo moi práctico e correcto, con Júnior gobernardo e creando con éxito na liña do medio campo e con Bebeto deixando constantes destellos da súa enorme calidade na media punta e, sobre todo, cun excelente traballo e sacrificio colectivo, o cadro de A Armenteira contrarrestaba unha e outra vez as acometidas dos locais, que no primeiro período disfrutaron da mellor ocasión nunha acción no que o balón acabou impactando contra o pau da meta defendida por Sirra. Tras a reanudación o Armenteira Veteranos parecía sentirse aínda máis cómodo sobre a superficie de terra do campo de Castrelo, facéndose dono da posesión do balón e obrigando ao cadro local a retroceder cara a súa portería. As combinacións entre Martín, Júnior, Galiñanes, Marcial ou Bebeto que, principalmente na segunda metade, volveu vestir o traxe de "mago" e a exhibir gran parte de seu variado repertorio de recursos técnicos, facían crer que vitoria visitante, pese ao que se podía pensar ao principio, non era unha utopía. Pero nunha acción iniciada tras un saque de banda no costado esquerdo do Castrelo C.F. Veteranos, un envío ao centro da área caeu nos pés de Dioni, que non errou ante Sirra. O atacante local volveu a ser, como ocorreu nos últimos enfrontamentos entre estes dous equipos, un enorme pesadelo para a defensa verdinegra. A súa tremenda mobilidade e a súa punta de velocidade convertíano na gran referencin ataque dos de Castrelo. Coa desvantaxe no marcador o Armenteira Veteranos non se amilanou e foi na procura do empate. Unha internada na área de Marcial foi detida cando un defensor local derrobou ao extremo de O Marco. Núñez Veget, bastante acertado neste partido, decretou penalti, pero Martín non logrou imprimirlle a forza suficiente ao lanzamento desde os once metros, permitindo que as luvas do meta Juan Carlos Insua alcanzasen o balón. Foi, sen dúbida, o momento clave, que puido facer variar o rumbo do encontro. O mazazo moral que supuxo desperdiciar esta magnífica oportunidade unido aos problemas físicos que cada vez eran máis visibles nalgúns futbolistas verdinegros deron impulso ao Castrelo C.F. Veteranos, que aproveitou os espazos que os de A Armenteira ían deixando e, nun contragolpe, Dioni recibiu en velocidade e cruzou o balón ante a saída de Sirra para poñer o dous a cero e ditar a sentenza definitiva. Xa non puido repoñerse o Armenteira Veteranos, que incluso finalizaría con dez futbolistas sobre o campo, ao ter que retirarse Moncho, dado que as molestias que arrastraba nos xemelgos case non lle permitían andar. Con esta derrota a escadra verde e negra colócase na oitava posición, con oito puntos. Tras o parón de Nadal, agárdalle unha das citas máis complicadas da temporada. O 8 de xaneiro visitará o campo de O Leixo a E.F.B. Vilanova-Caleiro, líder destacado do grupo, que conta os seus partidos por vitorias e que literalmente se está "paseando" no que levamos de liga. No seu plantel conta con futbolistas de traxectoria tan reputada no mundo do fútbol como Adrián Camiño, o xogador que máis partidos disputou coa camisola do Arosa S.C. na Terceira División, e ademais vestiu a elástica de equipos como o C.D. Ribadumia e do Umia C.F., no que recentemente colgou as botas como futbolista nas categorías de fútbol afeccionado. Ao seu carón figuran nomes como o de Melchor Lemiña, futbolista natural da parroquia meañesa de Dena, e que militou no Portonovo S.D. ou no Vilalonga C.F. na Terceira División ou na Preferente Galicia, e que tamén abandonou recentemente as categorías de afeccionado para embarcarse agora no ambicioso proxecto que esta temporada emprendeu a E.F.B. Vilanova-Caleiro na liga de veteranos. Con dúas semanas por diante, e intentando recuperar efectivos tras a celebración das festas navideñas, o Armenteira Veteranos tratará de facer valer a súa forza en O Leixo ante un opoñente de tal envergadura.

sábado, 11 de decembro de 2021

O Armenteira Veteranos revive ante o Salud S.D. nun partido no que finaliza con oito xogadores

                                                                       FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-SALUD S.D. VETERANOS - 3 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Richi; Rubén, Carlos Muñiz, Javi González, Rafa; Suso e Jorge Castro. Tamén xogaron Marcial, Óscar Barreiro, Víctor, Bebeto, Manolo, Moncho, Galiñanes e Júnior.

GOLES: 1-0. Minuto 52. Jorge Castro. 2-0. Minuto 59. Bebeto. 3-0. Minuto 84. Suso. 3-1. Minuto 88. Javier Lago.

ÁRBITRO: García Luis. Mostrou cartóns amarelos a Marcos e a Moncho por parte do Armenteira Veteranos, dobre cartón amarelo a Jorge Castro por parte do Armenteira Veteranos, e sendos cartóns vermellos a Carlos Castro e a Rubén tamén por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde nublada e fresca, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos volveu a retomar a senda da vitoria tras vencer na tarde deste sábado, 11 de decembro, ao Salud S.D. Veteranos. Tras tres xornadas sen coñecer o triunfo e, sobre todo tras a derrota da pasada fin de semana ante o Zacande-Terras de Curro no campo Municipal de Zacande, o conxunto verdinegro necesitaba saborear de novo as meles do triunfo. Foi nun partido non demasiado brillante nin demasiado intenso, pero no que o cadro de O Leixo se mostrou superior a un rival que tratou de apostar por un fútbol combinativo, fronte ao fútbol sempre máis directo do Armenteira Veteranos. Pero, se hai que mencionar a un protagonista do encontro, ese foi sen dúbida o colexiado García Luis. O trencilla, cunhas notables carencias a nivel de estado físico, o que lle impedía seguir de preto as xogadas, cometeu diversas equivocacións ao longo dos noventa minutos, e acabou por exasperar aos locais. Nun partido no que apenas se produciron xogadas de certa violencia, o equipo verde e negro finalizou con oito xogadores, tras as expulsións de Jorge Castro por dobre cartón amarelo e de Castro Castro e Rubén por cartón vermello directo. Custoulle ao Armenteira Veteranos tomarlle o pulso ao partido. Gañaban os balóns divididos, impoñíanse nos un contra un e demostraban maior poderío físico os locais, pero quen movía o balón con máis sentido era o Salud S.D. Veteranos. Con todo, pese a dominar a posesión do coiro, os de Valga, non eran quen de poñer en apuros a meta defendida con Sirra. Co paso dos minutos o cadro de A Armenteira foise sentindo cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo, aínda que non sería ata a segunda metade cando lograría abrir a lata. O encargado de facelo, como de costume, sería Jorge Castro, que culminaba coa súa habitual mestría unha acción colectiva. Pouco despois, Bebeto, tras unha xogada individual, colocaba maxistralmente o balón a dereita do gardamallas visitante. O futbolista de Cabeza de Boi, un dos maiores talentos que saiu da canteira de O Leixo, volveu a lembrar a aquel xogador que fai unha década deslumbraba polos campos da Terceira Autonómica naquel equipo afeccionado do Armenteira C.F. e que despois continuaría deixando destellos da súa calidade no C.D. Mosteiro. Fintas, pisadas de balón, recortes... o "mago" de Cabeza de Boi sacou parte do seu variado repertorio. Co dous a cero no marcador todo parecía máis sinxelo para o Armenteira Veteranos, pero nun ataque visitante no que Carlos Castro corta con contundencia o balón cando o dianteiro ía encarar a Sirra, o colexiado decidiu sinalar falta e sancionar con cartón vermello directo ao defensor de Vilar. Uns minutos despois, noutro ataque polo costado esquerdo do Salud S.D. Veteranos, Moncho derruba a un rival. Ante a sorpresa dos locais, o árbitro decreta penalti. As protestas dos futbolistas verdinegros, indicando que a infracción se producira fóra da área, non serviron de nada, e incluso acabaron provocando o segundo cartón amarelo para Jorge Castro. Erraría a pena máxima o lanzador valgués, enviando o coiro a esquerda da portería custodiada por Sirra. Con nove xogadores sobre o campo aínda foi capaz o Armenteira Veteranos de ampliar a súa vantaxe, tras unha falta de entendemento entre o porteiro e un defensor visitante, que tocou o balón cara a súa propia meta,  na que Suso, sempre atento nos metros finais, emprendeu unha veloz carreira para remachar o esférico contra as redes. Axiña se apresurou o atacante de Couso a ensinar o dorsal 28 que lucía nas costas ao árbitro para que este non se confundise nas súas anotacións. Con superioridade numérica sobre o campo, os de Valga trataron de apurar as súas opcións nos últimos minutos, e un disparo desde fóra da área Javier Lago esvarou das mans de Sirra e colouse por entre as pernas do gardamallas de Couso en dirección ao fondo da rede. Xa co partido case finiquitado, unha caída de Rubén na pugna cun defensa do Salud S.D. Veteranos, cando o dianteiro de Caroi corría cara a área rival, non foi sinalada con falta por parte do colexiado, e as airadas protestas de Rubén foron sancionadas con cartón vermello directo por García Luis. Estes tres novos puntos permiten que o Armenteira Veteranos se sitúe na quinta posición, con oito puntos. O próximo sábado, a escadra verde e negra deberá visitar o campo de Castrelo, con superficie de terra, como o de O Leixo, para medirse ao Castrelo C.F. Veteranos, co que se volverá a disputar o que é outro dos partidos clásicos da liga local de veteranos ao longo das últimas temporadas.

sábado, 27 de novembro de 2021

Armenteira Veteranos e Os Raposos repártense os puntos en O Leixo

  FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-OS RAPOSOS - 2 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Marcos, Moncho; Rubén, Martín, José Pérez, Marcial; Júnior e Jorge Castro. Tamén xogaron Carlos Muñiz, Carlos Castro, Javi González, Óscar Barreiro, Rafa, Víctor, Cacabelos, Bebeto e Suso.

GOLES: 1-0. Minuto 13. Jorge Castro. 1-1. Minuto 19. Ignacio Montes.

ÁRBITRO: García Pérez. Mostrou cartóns amarelos a Carlos Castro, Óscar Barreiro e José Pérez por parte do Armenteira Veteranos e a Óscar Rodiño e a Cesáreo Domínguez por parte de Os Raposos.

INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

Armenteira Veteranos e Os Raposos repartíronse os puntos no encontro que disputaron na tarde deste sábado, 27 de novembro, no campo de O Leixo. O conxunto visitante, cun nome curioso, que nos lembra a unha especie da fauna salvaxe que é moi frecuente atopar nos arredores ou incluso sobre o propio terreo de xogo do campo de O Leixo, logrou levarse un punto do seu paso por A Armenteira, tras un partido reñido, equilibrado, non demasiado vistoso, pero que mantivo a emoción ata os momentos finais. De entre o máis reseñable do encontro estivo a actuación do colexiado García Pérez, moi estricto na aplicación do regulamento, e que asubiou numerosas faltas tanto por saques incorrectos de banda como nos contactos na disputa do balón. Saiu o Armenteira Veteranos coa intención de impoñer o seu xogo. Cunha intensa presión sobre o balón e buscando rapidamente a presenza do seu futbolista referencia Jorge Castro en ataque, os locais foron claramente dominantes durante os primeiros minutos. Froito dese dominio chegou o primeiro gol, despois dunha xogada na que Jorge Castro recibe na área e resolve con gran habilidade ante o meta Sergio Viñas. Pero, co paso dos minutos, as imprecisións e os desaxustes tácticos do Armenteira Veteranos, permitiron que Os Raposos, mellor situados sobre o campo, fosen gañando terreo. Nunha acción iniciada na banda esquerda do ataque dos de Noalla, o balón acaba chegando a Ignacio Montes que no segundo pau, libre de marca, envía o coiro ao fondo das mallas defendidas por Sirra. Custoulle ao Armenteira Veteranos repoñerse deste golpe e non era quen de facerse co control do xogo no medio campo. As combinación raramente superaban os tres ou catro toques e as ocasións eran escasas. Na segunda metade a tónica continuou sendo a mesma, aínda que os locais pouco a pouco empurrando a Os Raposos cara a súa portería. Jorge Castro, José Pérez ou Júnior tiveron nos seus pés a oportunidade de poñer por diante aos seus, pero estaba claro que non era o día dos atacantes verdinegros. O meta sanxenxino Sergio Méndez, que logo sería substituído por lesión, apenas tivo que intervir. Si o tivo que facer Sirra, xa no tempo engandido, cando tras a lesión de Rafa, este abandonou o terreo de xogo, e aproveitando o descontrol que provocou o cambio de posicións a causa da retirada do centrocampista de A Escusa, unha veloz acción dos visitantes puxo a proba ao gardamallas de Couso, que de novo volveu estar moi atinado no man a man. O empate final, que pode considerarse xusto a tenor do observado na tarde deste sábado en O Leixo, deixa ao Armenteira Veteranos na oitava posición, con cinco puntos. O conxunto verdinegro, que aínda se mantén invicto no que levamos de liga, deberá visitar a próxima fin de semana o campo municipal de Zacande, para medirse, no primeiro derbi da temporada nas categorías de veteranos ao Zacande-Terras de Curro, un equipo situado xa na parte alta da táboa e que parte como un dos grandes favoritos a optar a unha das prazas de ascenso.

sábado, 20 de novembro de 2021

Os goles de Richi e Suso permiten sacar un punto para o Armenteira Veteranos en As Corticeiras

 FICHA TÉCNICA


GODOS C.F. VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 2 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Óscar Muñiz, Richi; José Pérez, Carlos Muñiz, Cacabelos; Rubén, Jorge Castro e Martín Tamén xogaron Jorge Dávila, Javi González, Marcial, Galiñanes, Júnior, Víctor, Rafa e Suso.

GOLES: 1-0. Minuto 19. Daniel Ospina. 1-1. Minuto 40. Richi. 1-2. Minuto 60. Suso. 2-2. Minuto 70. Álvaro Abalo.

ÁRBITRO: Castrelo Dabouza. Mostrou cartóns amarelos a Roberto Sanmarco e Manuel Rodríguez por parte do Godos C.F. Veteranos e a Richi, Víctor e Carlos Castro por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da terceira xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, ante uns trinta espectadores, nunha noite fresca, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou sumar un punto da súa visita ao campo de As Corticeiras, de Caldas de Reis, onde se mediu ao Godos C.F. Veteranos. O conxunto caldense, que esta temporada cambiou o seu campo parroquial, con superficie de terra, como o de O Leixo, polas renovadas instalacións de As Corticeiras, que nos últimos tempos sufriron un importante lavado de cara que vai desde a substitución do tapete de céspede artificial ata a construción dunhas novas bancadas. Foi nun partido intenso, cun ritmo acelerado e impropio destas categorías de fútbol veterano, no que, aínda que o resultado máis xusto puido ser o empate, calquera dos dous equipos puido levarse o triunfo final. Xa antes de saltar ao terreo de xogo, cando o colexiado Castrelo Dabouza departía amigablemente cos membros de ambos os dous planteis, ao tempo que ía pasando listaxe e incidía nas dificultades de visión que supoñía arbitrar un encontro a unha hora tan tardía como as 20:00 horas, a tensión que se palpaba era evidente. O Godos C.F. tratou de imprimir desde os primeiros minutos un alto ritmo de xogo. Apoiándose nas súas boas condicións físicas, os locais combinaban e buscaban rapidamente penetracións por banda que desaborlaban a unha nerviosa zona defensiva do Armenteira C.F. Un man a man dun dianteiro local no que Sirra evitou o gol local facía prever que ía ser unha noite complicada para os de A Armenteira. Esas sensacións plasmáronse cando Daniel Ospina recibiu un balón en profundidade e, tras gañar as costas á defensa verdinegra, enviaba o coiro ao fondo das mallas visitantes. Custoulle repoñerse ao Armenteira Veteranos, que non lograba tomar o pulso ao partido. Con todo, un feito cambiaría o rumbo do encontro. Unha internada de Richi polo carril esquerdo, na que conseguiu burlar a varios rivais, finalizou cun zapatazo desde máis de vinte metros de distancia do lateral de Valboa, ante o que nada  puido facer o meta Diego Pérez. Un auténtico golazo do futbolista oriundo da ourensana comarca de Monterrei e desde fai anos xa plenamente integrado no clube e na vida social de A Armenteira, que deu un soplo de aire ao seu equipo, que tras a reanudación deu outra imaxe sobre As Corticeiras. Con Carlos Muñiz no centro da defensa, perfectamente acompañado por un contundente e expeditivo Carlos Castro, e con José Pérez, dirixindo maxistralmente a zona de creación, o clube de O Leixo foi tomando o dominio do xogo e comezou a achegarse con máis frecuencia polas inmediacións da portería do Godos C.F. Veteranos. Nun deses achegamentos, Suso plantouse cara a cara fronte ao meta local, e o atacante de Couso, resolveu con gran destreza, para poñer por diante ao Armenteira Veteranos. O atacante de Couso, recentemente incorporado á disciplina verdinegra, volveu a ser un dos futbolistas que máis enerxía e efusividade transmitiron de entre os que compareceron sobre o terreo de xogo. Coa vantaxe no marcador o Armenteira Veteranos parecía sentirse máis cómodo e con máis confianza, e incluso puido sentenciar se Suso ou Galiñanes conseguiran materializar as claras ocasións das que dispuxeron. Pero un erro en cadea dos futbolistas verdinegros, no que se sumaron as imprecisións e a falta de intensidade, rematou nun centro á área dos locais que Álvaro Abalo aproveitou para colocar o empate no marcador. Pouca historia tivo a partir de entón o encontro e chegaríase a asubío final cun empate que, a tenor do observado en As Corticeiras, foi considerado como xusto por parte de ambas as dúas escadras. Con este empate o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición na táboa, con catro puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao conxunto de Os Raposos, de Noalla, segundo clasificado, con sete puntos.



sábado, 13 de novembro de 2021

Regreso triunfal do Armenteira Veteranos

FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - DORRÓN C.F. VETERANOS - 4 - 0

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Óscar Muñiz, Marcos, Richi; Martín, Carlos Muñiz, Javi González; Rubén, Jorge Castro e Júnior. Tamén xogaron Cacabelos, Óscar Barreiro, Carlos Castro, Marcial, Galiñanes, Jorge Dávila, Bebeto, Rafa e Suso.

GOLES: 1-0. Minuto 20. Jorge Castro. 2-0. Minuto 63. Jorge Castro. 3-0. Minuto 80. Jorge Castro. 4-0. Minuto 83. Javi González.

ÁRBITRO: Carballal Pérez. Mostrou cartóns amarelos a Cacabelos por parte do Armenteira Veteranos e Nicolás Visconti e Manuel Vázquez por parte do Dorrón C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, da A Armenteira, ante uns trinta espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos regresou de forma triunfal á competición oficial. Desde marzo de 2020 non disputaba un partido de liga o equipo de veteranos de A Armenteira. Fora daquela no campo de Godos, ante o Godos C.F. Veteranos, xusto antes de que os efectos da terrible pandemia da COVID-19 se fixesen sentir, e as competicións de fútbol, ao igual que moitas outras actividades, se viran obrigadas a paralizarse. Un ano e oito meses despois, e ante o Dorrón C.F. Veteranos, un clube veciño co que o Armenteira Veteranos sempre tivo unha especial rivalidade, dada a proximidade entre as dúas parroquias e os escasos quilómetros que separan o campo de O Leixo do campo de O Cruceiro, este último agora en desuso á espera de que se fagan realidade as promesas electorais para instalarlle céspede artificial. Nunhas instalacións deportivas de O Leixo perfectamente acondicionado para recibir de novo os partidos de competición oficial, o Armenteira Veteranos saiu ao campo cunha ilusión que fai tempo que non se lembraba nas filas do conxunto verdinegro. Non hai máis que ver a ampla afluencia de futbolistas. Ata dezanove tiña na tarde deste sábado dispoñibles a escadra que preside José Luis Galiñanes. Con todo, as expectativas que espertou o encontro non se acabaron cumprindo sobre o terreo de xogo. Foi un partido falto de ritmo, con moitas imprecisións, e no que o Armenteira Veteranos demostrou que áinda debe realizar moitos axustes tácticos. Os desaxustes na colocación e a descoordinación nos movementos poderanse ir pulindo co paso dos partidos, así como a integración no esquema táctico das novas incorporacións para esta nova temporada. Júnior, Bebeto, Suso e o reincorporado Cacabelos eran as principais novidades que presentaba a formación verde e negra. Desde o asubío inicial o Armenteira Veteranos asumiu o control do xogo. Ante un rival moi mermado de efectivos a posesión foi un monopolio case absoluto dos locais, aínda que este dominio non se plasmaba en ocasións de gol. Rubén ou Galiñanes dispuxeron de oportunidades para inaugurar o marcador antes de que Jorge Castro, tras unha perfecta asistencia de Rubén, lograse o tanto que poñía por diante ao Armenteira Veteranos. Coa tranquilidade que daba a vantaxe no marcador, o cadro local trataba de realizar un fútbol máis combinativo, pero sen demasiado éxito. Na segunda metade o dominio local fíxose máis acusado. Non obstante, os de A Armenteira seguiron demostrando unha máis que evidente falta de pegada. Dúas accións individuais de Jorge Castro, en ambos casos tras ser asistido por Rubén, deron a tranquilidade definitiva aos locais. Co tres a cero no marcador, os minutos finais foron moi cómodos para os verdinegros, que aínda tiveron tempo para ampliar o marcador cun cuarto e definitivo tanto. Foi tras un saque de curruncho, magníficamente executado por Rubén, que Javi González enviou ao fondo das mallas mediante un certeiro testarazo. Con esta vitoria o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con tres puntos, cun partido menos ca os seus rivais. Na próxima xornada a escadra verdinegra deberá visitar o campo de Godos, cunha superficie de terra como a de O Leixo, onde se medirá ao conxunto local do Godos C.F. Veteranos, no que se rememorará outro encontro que nas últimas temporadas se convertiu nun dos clásicos da liga de veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol.




martes, 7 de setembro de 2021

Na Casiña da Moura

Na actualidade na parroquia da A Armenteira habitan algo máis de 700 persoas, pero os seus antepasados e antepasadas máis antigas remóntanse á época do Neolítico, que en Galicia se desenvolveu entre o 5000 e o 3000 a.C. É posible que nesa época habitasen estas terras unhas decenas de persoas, que a pesar de ser un número reducido deixaron unha pegada que permaneceu imborrable ao longo dos séculos. Os primeiros indicios de poboamento desta zona atopámolos na ladeira sur do monte Castrove, nos arredores da cima, nuns terreos que pertencen á Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte. Na beira da estrada que conduce desde o lugar de O Busto cara o de A Escusa, nunha área popularmente coñecida como o “viveiro”, atopamos a necrópole da Pedra do Lagarto. Trátase dun conxunto funerario construído en tempos do Neolítico, formado por varias mámoas ou túmulos, algúns deles nun deficiente estado de conservación e noutros casos posiblemente destruídos ou aínda por atopar. Coas pedras extraídas das canteiras próximas, sempre abondosas neste tipo de recursos, como observamos coa construción do mosteiro cisterciense de A Armenteira ou das casas labregas tradicionais que vemos espalladas polas aldeas da parroquia, elaboráronse unha serie de tumbas prehistóricas que, xunto cos petróglifos do Outeiro do Cribo ou os dos Outeiro do Tronco, constitúen un interesante complexo rupestre. De entre os elementos que se poden observar hoxe en día que, desgraciadamente xa non son moitos, chama especialmente a atención a mámoa coñecida como a “Casiña da Moura” que, xunto coa de Chan da Gorita, situada na parroquia de Bordóns, no municipio de Sanxenxo, quizais sexa a máis grande das que se localizan na comarca de O Salnés. Aínda que o seu estado de conservación non é óptimo, poden apreciarse, sempre que a maleza o permita, seis ou sete ortóstatos ou bloques de pedra colocados de forma vertical, que compoñían a cámara funeraria e o corredor, que está orientado cara ao leste. Con todo, esta construción aparece seccionada ou partida pola metade, faltándolle varias pezas, probablemente a causa dos espolios que sufriu. A catalogación deste monumento é relativamente recente, xa que concretamente o 8 de abril de 2011 foi incorporado ao Rexistro de Bens de Interese Cultural, estando inventariado no catálogo da Xunta de Galicia coa referencia GA 36028014, co nome de Mámoa nº1 da Fonte do Lagarto. Era este un tipo de construcións formadas por un túmulo de terras e pedra e por un dolmen ou anta interior. A idea construtiva fundamental era clara, a defensa, protección e illamento do espazo interior mediante o túmulo exterior, para o cal empregaban unha capa de terra e pedras de dimensións non moi grandes, de entre 10 e 30 metros de diámetro, de forma circular e aparentando crear un pequeno montiño. No seu interior acubillaban os sepulcros nos que se realizaban os enterramentos. As mámoas forman parte da denominada cultura megalítica ou megalitismo, un fenómeno cultural que se desenvolveu durante o terceiro milenio a.C., e que tivo unha particular difusión nas zonas costeiras do Occidente europeo. O denominador común da cultura megalítica foi a construción de enormes monumentos de pedra, de carácter fundamentalmente funerario, e que poden ser de diferentes tipos: círculos líticos ou crómlechs, menhires, aos que en Galicia se denominan “pedras fitas” e sepulcros, que sen dúbida son os que máis abundan, e que reciben diversas denominacións: mámoas, modias, medorras... Son miles as mámoas que se atoparon en Galicia, e seguramente existan moitas máis que, ou ben foron destruídas polas actividades humanas ou ben estean aínda por atopar. Isto indícanos que existía un poboamento denso e disperso, que se extendía de xeito relativamente uniforme por todo o noroeste peninsular. Foi a época do Neolítico unha etapa de cambios trascendentais para a historia da humanidade, de feito, hai quen a considera como unha auténtica revolución. O nacemento da agricultura e da domesticación de animais, así como da cerámica, marcaron un cambio radical na evolución humana. O clima fíxose máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Entre as especies arbóreas que predominaban estaban os carballos, as sobreiras, os ulmos, os freixos ou as abeleiras. Ao cultivar os alimentos e ao criar animais, a alimentación e as condicións de vida melloraron, co que se produciu un aumento da poboación. Os habitantes da Galicia desta época ocuparon preferentemente as zonas altas, por teres unha vexetación menos frondosa, e por seres a terra menos dura para traballala. A súa economía centrábase nunha agricultura dotada dunhas técnicas que foran chegando a estas terras procedentes do sur da Península Ibérica, que combinaban con actividades de pastoreo e gandaría. No caso dos habitantes do entorno da necrópole da Pedra do Lagarto, é posible que, co paso do tempo e o avance das técnicas agrarias, fosen abandonando pouco a pouco as zonas máis altas en torno ao cumio do monte Castrove para trasladarse a zonas máis baixas, cunha climatoloxía máis benigna, como evidencian os restos de castros dos que se ten constancia en zonas como San Martiño, Gondes ou Fofán. En xeral, a sociedade megalítica galega considérase que era moi relixiosa e relativamente igualitaria, como amosan os enterramentos colectivos e os enxovais uniformes dos sepulcros. Pouco teñen que ver as interpretacións históricas, de base científica, de como eran e como vivían as xentes do Neolítico que desenvolveron a cultura megalítica coas historias que se foron creando a través do folclore popular. Segundo este, foron os mouros os que erixiron e habitaron estes monumentos, ao igual que ocorría con calquera outra construción de carácter arqueolóxico. Todo o que consideraban grande e antigo, ben sexan castros, dolmes ou castelos, e de calquera época, prehistórica, romana ou medieval, era atribuído a esa especie de seres miticos. Hai historias que contan que algunha mámoa foi construída por unha moura xigante que cargaba as pedras sobre a súa cabeza, e que despois as ía colocando ata culminar a obra. Evidentemente, estas historias nada teñen que ver co rigor dos estudos arqueolóxicos ou coas interpretacións historiográficas, pero achegan unha curiosa visión vencellada coa cultura e o saber popular e coa antropoloxía cultural. A “Casiña da Moura” é sen lugar a dubidas, xunto co conxunto rupestre do Outeiro do Cribo, realizado xa nunha época posterior, na Idade de Bronce, en torno ao ano 1000 a.C., nos que ademais do famoso labirinto, podemos observar cérvidos, coviñas ou unha escea de monta, un dos máis elementos patrimoniais da antigüidade non só a nivel local na parroquia de A Armenteira e no municipio de Meis, senón tamén a nivel provincial e galego. Por este motivo, desde fai uns meses, o goberno municipal do Concello de Meis está levando a cabo un proxecto de rexistro, catalogación, protección, conservación e divulgación do patrimonio histórico-artístico. Ao frente do mesmo atópase o concelleiro responsable da área de Patrimonio, José Ramón Vidal Juviño, que xunto co resto do equipo de goberno estase implicando profundamente neste proxecto. A recente visita do arqueólogo da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Rodríguez Martínez, que ademais da necrópole da Pedra do Lagarto visitou os petróglifos da zona do Outeiro do Tronco, enmárcase dentro deste proxecto no que a institución municipal trata de embarcar a outras administracións, unha colaboración que se fai moi necesaria para acometer unha serie de plans dunha trascendencia e dunha envergadura superior ás que se poderían acadar cos recursos e as competencias dun Concello. Para moitos veciños e veciñas a existencia da “Casiña da Moura”, así como doutras mámoas e elementos patrimoniais como petróglifos e castros que se localizan no territorio de A Armenteira son absolutamente descoñecidos, polo que é absolutamente urxente que se leven a cabo políticas e campañas que favorezan o seu coidado e conservación, e que as poñan en valor, tanto pola súa importancia na cultura e na historia local, como polo seu enorme potencial para o aproveitando cultural e turístico, tendo en conta ademais que se atopan no entorno dun espazo de enorme importancia medioambiental como é o monte Castrove, a escasa distancia do mosteiro cisterciense de A Armenteira e xusto á beira da ruta pola que discorre a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

luns, 30 de agosto de 2021

O Armenteira C.F. formaliza a volta á competición para a temporada 2021-2022

"La solicitud de incrición del equipo ARMENTEIRA C.F. ha sido ACEPTADA". Así reza o comunicado que a Real Federación Galega de Fútbol remitiu ao Armenteira C.F. na mañá do pasado venres, 27 de agosto. Con este xesto culminaban uns meses de traballo e reflexión por parte dos responsables da entidade de O Leixo, que se viron complementados nos últimos días coa rolda de contactos e reunións co plantel de xogadoras e co corpo técnico do equipo verdinegro. Ao longo de todo este tempo a supervivencia do Armenteira C.F. estivo en perigo e incluso había quen cría que os efectos da pandemia global da COVID-19 suporían a estocada final a un proxecto que con tanto esforzo e ilusión se mantiña en pé desde 1995. Pero, cunha fe inquebrantable e cunha capacidade de resistencia verdadeiramente abrumadora, e dando mostra dun auténtico amor por unhas cores, os dirixentes, as xogadoras e o corpo técnico decidiron non rendirse e continuar paseando o nome da parroquia polos campos de balompé de Galicia. Desde o 7 de marzo de 2020, cando o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. vencía ao Colegio Apóstol vigués por catro goles a un, cun recital goleador de Sara Rey, autora dos catro tantos, a entidade de O Leixo permaneceu inactiva en canto a competición se refire. Un ano e medio despois, o conxunto verde e negro retornará á competición oficial, participando na liga feminina de fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, coa intención de defender con dignidade a bandeira do clube e de contribuír a promoción do deporte feminino. Pioneira no fútbol feminino a nivel comarcal, o Armenteira C.F. foi o primeiro clube do municipio de Meis en contar con equipo de fútbol feminino, no que se iniciou na modalidade de fútbol-11 na temporada 2016-2017. A partir da temporada 2018-2019 o clube pasou a competir na liga feminina de fútbol-7, nunha experiencia que se viu truncada cando en marzo de 2020 esta competición se viu paralizada a causa dos efectos da pandemia. Asegurada a continuidade da práctica totalidade do plantel, os esforzos da dirección deportiva céntrase en completar e incrementar o número de xogadoras coa vista posta no 24 de outubro, data fixada para o inicio da competición. Ao mesmo tempo, xa se levaron a cabo contactos co Concello de Meis para adecuar as instalacións do campo de O Leixo ás duras esixencias que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Real Federación Galega de Fútbol estableceron nos protocolos que elaboraron fronte á COVID. O primeiro paso xa se deu a semana pasada, cando a maquinaria municipal estivo adecentando a superficie do terreo de xogo do campo de O Leixo, no que se agarda que, aparte do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. dispute tamén os seus encontros o Armenteira Veteranos, que debe formalizar a súa inscrición durante o próximo mes de setembro.



venres, 4 de xuño de 2021

A Armenteira acolle este sábado un roteiro mediombiental

 O Concello de Meis estase implicando de forma moi activa na celebración do Día Internacional do Medio Ambiente. Actividades formativas, obradoiros, charlas, concursos, certames artísticos e, loxicamente tamén, tendo en conta as características e a rico patrimonio natural do termo municipal, roteiros mediombientais. Será precisamente o sábado, 5 xuño, data na que se conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente, cando teñan lugar unha serie de roteiiros. Como antesala destas saídas, o xoves, 3 de xuño, tivo lugar un obradoiro no que se abordou a problema das plantas invasoras e no que se organizaron os últimos detalles dos percorridos que se levarán a cabo ao longo da mañá do sábado. O acto correu a cargo de Camilo Ojea, profesor de Bioloxía no CEIP de Mosteiro-Meis, gran coñecedor do entorno natural do Concello, e que deu a coñecer ás persoas asistentes as características das plantas invasoras e as principais especies deste tipo que podemos atopar na nosa área. A tradescantia fluminensis, máis coñecida como tradescantia ou enredadera, o arundo donax, coñecida como cana ou canela, a cortaderia selloana, coñecida como herba da pampa ou plumacho, a phyllostachys aurea ou phyllostachys nigra, comunmente coñecida como bambú, a robinia pseudoacacia, coñecida como robinia ou falsa acacia, a crocosmia, a phytolacca americana, coñecida como tintoreira ou mexacán ou a zantesdeschia aethiopica, coñecida como cala ou cartucho, son algunhas das especies invasoras que máis abundan por este territorio. Cabe lembrar que denominamos plantas invasoras ou especies exóticas invasoras a aquelas especies que se establecen en ecosistemas nos que causan cambios e ameazas para a diversidade biolóxica autóctona e propia do lugar. Son especies vexetais que carecen de inimigos naturais, xa que estos só existen nos seus ecosistemas de orixe, teñen ademais un rápido crecemento e unhas altas taxas de reprodución. A súa capacidade de adaptación é moi elevada, as súas sementes adoitan ser moi lonxevas e poden xerminar incluso despois de varios anos e nalgún caso incluso poden producir substancias que inhiben o crecemento doutras especies, principalmente das de carácter autóctono. En xeral, moitas das denominadas popularmente como malas herbas son consideradas plantas invasoras, e a súa proliferación constitúe unha grave ameaza para o equilibrio natural, ademais de para os cultivos e a fauna dos lugares nos que se asentan. 

Partindo dunha forte concienciación respecto do coidado e conservación do medio ambiente, a organización dos roteiros procederá a identificar e clasificar as especies vexetais invasoras que se atopen durante o percorrido. Asimesmo, tamén se procederá á retirada do lixo que apareza nos treitos a percorrer. O lixo que se recolla será trasladado aos almacéns municipais, para despois seres utilizado como material para a elaboración dunha peza artística. No caso do roteiro que se desenvolvera pola parroquia de A Armenteira, este partirá do entorno do mosteiro cisterciense ás 10.30 horas do sábado e será coordinado por Martín Casais, concelleiro responsable da área de Medio Ambiente no Consistorio Municipal e natural da parroquia. Como lembran desde a institución municipal as persoas interesadas en participar nesta interesante iniciativa aínda poden anotarse, e para elo só teñen que poñerse en contacto coas oficinas do Concello, ou co propio Martín Casais.






mércores, 2 de xuño de 2021

A presenza dun niño de vespa velutina pon en alerta ás xentes do lugar de Caroi

 A vespa velutina é actualmente un das especies que máis problemas está causando a nivel ecolóxico en Galicia. Esta especie invasora, que chegou a Europa procedente de Asia, é considerado un insecto violento e voraz, e destaca polo seu considerable tamaño. A súa fama débese principalmente áo perigo das súas picadas, que poden chegar a provocar a morte das persoas que as sofren, especialmente se se trata de poboación enferma ou alérxica. A un ritmo de 50 quilómetros ao ano, a vespa velutina foi invadindo non só Galicia, senón boa parte do territorio no norte da Península Ibérica. As terras da comarca de O Salnés, e concretamente a parroquia de A Armenteira, non son unha excepción. Ao longo dos últimos anos tense denunciado a presenza de numerosos niños deste insecto, e algúns veciños e veciñas foron vítimas das súas picadas. É precisamente a partir da primavera cando as vespas velutinas comezan a ser máis visibles. Ao chegar o mes de marzo, as avespas fundadoras emerxen e fundan o niño primario, para o cal adoitan escoller lugares protexidos. Nas semanas posteriores é cando se constrúen os niños secundarios, acadándose a poboación máxima desta especie nos meses de verán.

En épocas do ano como a que nos atopamos, coa primavera chegando á súa fin, resulta común xa atoparse con especies de velutina nas proximidades dos núcleos de poboación. Foi o que ocorreu este martes, 1 de xuño, cando un veciño da parroquia de A Armenteira, que realizaba tarefas de desbroce no lugar do Caroi foi atacado por un grupo de avespas velutinas. No denominado Camiño Real, que parte desde o lugar de Caroi cara o recinto no que se ubica o Café Bar A'Fonte, preto da zona onde se atopaba traballando este veciño, detectouse a presenza do niño do que procedían as avespas agresoras. Curiosamente non se trataba nun niño elevado, senón que se situaba á altura do chan, agochado entre a maleza, co cal era máis dificil de divisar. Alarmadas pola noticia, as xentes do vecindario puxéronse axiña en contacto co Concello de Meis e procederon a sinalizar a zona na que se sitúa o niño, rodeándoa cunha cinta. Agardando que os operarios da Mancomunidade de O Salnés, encargados de loitar contra esta praga, se despracen ata Caroi para retirar o niño, a veciñanza xa se encargou de colocar tamén uns carteis informando do perigo. Trátase dun lugar especialmente concorrido, xa que ademais estar nas proximidades do mosteiro cisterciense de A Armenteira, e de dous locais de hostalaría que adoitan ter moito ambiente, atópase a escasos metros dunha ruta da Variante Espitirual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Por este motivo, a presenza deste niño de velutina, e a posibilidade de que existan ou poidan formarse algúns máis, constitúe un serio perigo, non só para o ecosistema do entorno, senón para a sáude das numerosas persoas que, principalmente a partir desta época, e aproveitando a redución das medidas de restrición fronte á pandemia da COVID-19, se congregan neste enclave para disfrutar da natureza, da paisaxe ou do rico patrimonio histórico-artístico deste monumento de orixe medieval.


domingo, 4 de abril de 2021

A Romaría das Cabezas resiste sen oficios litúrxicos nin actos festivos

Un cartel que colga tanto á entrada do adro como á entrada da igrexa do mosteiro cisterciense de A Armenteira indica claramente cal é a situación que se vive este ano nestas datas tan sinaladas para este enclave do interior da comarca do Salnés. "DEBIDO A LA ACTUAL SITUACIÓN DE ALERTA SANITARIA (COVID-19) Y CON EL FIN DE EVITAR INCUMPLIMIENTOS DE LA NORMATIVA VIGENTE, QUEDAN SUSPENDIDAS LAS MISAS DE LOS DÍAS: DOMMINGO, 4 DE ABRIL, LUNES, 5 DE ABRIL, DOMINGO, 11 DE ABRIL". As limitacións impostas polos efectos da pandemia da COVID-19 e a ausencia por motivos de saúde do cura párroco Don Ramón Fernández, fixeron que os actos litúrxicos da Semana Santa en A Armenteira se limitasen á misa de domingo de Ramos, aínda que sen a tradicional bendición, e aos oficios relixiosos que tiveron lugar na tarde de xoves santo e de venres santo. As razóns esgrimidas polos responsables dos actos litúrxicos resultan lóxicas e comprensibles, ao tratarse dunha das romarías que máis aglomeracións de fregueses rexistra de entre as que teñen lugar en toda Galicia. Evidentemente tampouco terá lugar ningún tipo de acto festivo, co cal A Armenteira se ve condenada por segundo ano consecutivo a renunciar ás que, sen lugar a dúbidas, viñan sendo as súas festas máis multitudinarias. Pero este feito non impediu que, xa desde os primeiros días da Semana Santa, un bo número de persoas se deixase ver polas inmediacións do mosteiro cisterciense. Oracións, ofrendas, incluso coas portas da igrexa pechadas, complementábanse con viños, cervexas, refrescos e tapas nos locais de hostalaría ou coas "rosquillas" e o churros que se podían mercar no posto situado a entrada do adro. Unha estampa que se repetiu ao longo de boa parte dos días da Semana Santa, e que probablemente volveremos a ver durante o luns de Pascua, o verdadeiro día grande destas festas, no que, a pesar das restricións, se agarda un importante número de visitas. Cumprindo as normas recomendadas polas autoridades sanitarias, os locais de hostalaría da zona permanecerán abertos, co que a copa, o pincho, ou incluso a tapa de "pulpo", estarán aseguradas nunha data tan especial como o luns das Cabezas, ao cal un grupo de mozas e mozas bautizou fai anos cun slogan, que mesmo en tempos de pandemia, perdura, porque aínda sen misas, sen procesión, sen actuacións musicais, sen chiriguitos, sen carpas e postos de comida, sen tendas de campaña, o luns de Pascua en A Armenteira, para moitos e moitas, na memoria e no presente, seguirá sendo, "o mellor luns do ano".





mércores, 20 de xaneiro de 2021

Unha avaría na rede de subministro eléctrico volve deixar sen luz a varios lugares de A Armenteira

O paso da cicloxénese explosiva Gaetan deixou pegada no territorio de A Armenteira. O forte temporal de chuvia e vento que azotou Galicia na noite e na mañá do mércores, 20 de xaneiro, causou, entre outros efectos, unha avaría na rede de subministro eléctrico que surte a varios lugares da parroquia, e que procede da central eléctrica situada na parroquia sanxenxina de Vilalonga. Fofán, Castiñeira, Couso, Silván ou O Batán, lugares pertencentes a A Armenteira ou á veciña parroquia de San Salvador de Meis sufriron desde a madrugada do mércores un corte de luz que, segundo os responsables, da empresa Naturgy, tivo a súa orixe na caída dunha árbore sobre o tendido do cableado de media tensión. De feito, xa de madrugada, segundo testemuñas dalgúns veciños e veciñas, os operarios da compañía desprazáronse á zona afectada para tratar de poñer solución ao problema. En torno ás dez da mañá restableceuse o subministro pero, pouco despois das tres da tarde, outra árbore volveu danar o tendido eléctrico, e non sería ata as cinco e media cando o subministro se restableceu de forma definitiva. Segundo indicou Javier González Neira, responsable da empresa Naturgy na zona, estas caídas de árbores próximos á liña de media tensión débense a unha enfermidade que afecta ás especies de eucaliptos, que as debilita ante a forza do vento, provocando unha fractura sobre a metade do talo. Por este motivo, ao longo do día deste xoves, operarios da compañía procederán a unha nova corta dos eucaliptos que poidan supoñer un perigo para a liña de corrente, co cal se tratará de evitar interrupcións do subministro eléctrico a uns veciños e veciñas que, por outra parte, están acostumados a esta situación. Sen ir máis lonxe, en decembro de 2019, unha avaría similar mantivo durante quince horas sen luz ás xentes destes mesmos lugares. Nunha sociedade na que a electricidade constitúe un ben básico e imprescindible na vida cotiá e na actividade económica, incidencias deste tipo provocan graves prexuízos nas familias e nas empresas, unhas familias e unhas empresas que axiña viran os seus ollos cara ás autoridades e ás compañías subministradoras dun ben cun prezo cada vez máis á alza e cun servizo, especialmente en determinadas zonas de A Armenteira, aínda moi deficiente para as esixencias do século XXI.

sábado, 16 de xaneiro de 2021

A Armenteira celebra un San Antonio Abad condicionado polas restricións provocadas pola COVID-19

A parroquia de A Armenteira vive o domingo, 17, e o luns, 18 de xaneiro, unha das celebracións máis tradicionais das que teñen lugar no seu territorio. Trátase do San Antón ou San Antonio Abad, unha festas de máis arraigo e polas que máis fervor se sente na parroquia. Na pequena capela situada no lugar de San Amedio, a pé de estrada que conduce desde Barrantes ao mosteiro cisterciense, do que dista aproximadamente un quilómetro, vén celebrándose ano tras ano, e desde fai décadas, unha celebración na que os veciños e veciñas, e xentes dos arredores, honran a un santo que, entre outras atribucións, ten a de ser patrón dos animais domésticos. No lugar de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Gondes, As Pereiras, As Congostras ou Cabeza de Boi, lugares todos eles nos que o San Antón é considerado o patrón, os días 17 e 18 de xaneiro sempre se viviron dunha forma especial. Pero este ano, as condicións cambiaron de forma substancial. As circusntancias derivadas da expansión da pandemia da COVID-19 obrigaron a cambiar algúns aspectos deste tradicional evento. O cambio máis significativo quizais sexa o espazo no que se desenvolverán os oficios relixiosos. En lugar da pequena capela ubicada en San Amedio, a misa terá por escenario a igrexa do mosteiro cisterciense, moito máis ampla e espaciosa, e máis adaptada ás medidas de prevención fronte ao coronavirus. Ademais, o feito de coincidir en domingo, no que se adoita concentrar un número importante de fregueses na misa das 12 do mediodía, fixo que se aproveitase para facer coincidir os actos relixiosos dominicais coa misa na honra de San Antonio Abad, evitando o desprazamento ata a capela para realizar unha segunda celebración. Tras a misa, que será oficiada polo cura párroco Don Ramón Fernández Ramos, non faltará a habitual procesión, así como as poxas de diversos produtos agrarios, que os devotos acostuman ofrecer ao santo, e que por enésima ocasión, correrán a cargo de Argimiro Torres. Agárdase tamén a presenza de músicas e foguetes, antes de que os festeiros e festeiras regresen aos seus fogares, onde continuarán cos festexos. Seguindo tamén a tradición, o día 17 volverá a ser un ano máis o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos" por ser estes manxares tan típicos da gastronomía galega os protagonistas principais nas mesas dos veciños e veciñas de A Armenteira durante estas festas. A pesar das dificultades que impoñen estas circunstancias tan excepcionais, cun índice de contaxios á alza en toda a área circundante, e coa entrada en vigor desde o pasado venres dunhas limitacións máis restritivas, o San Antonio Abad poderá ser honrado, agardando que para 2022 os actos xa poidan desenvolverse nunhas condicións de relativa normalidade.



xoves, 7 de xaneiro de 2021

O Armenteira C.F. reparte case 8.000 euros en premios coa Lotería do Neno

 O Sorteo Extraordinario de Neno de 2021 non pasou de longo por A Armenteira. No acto celebrado na mañá deste mércores, 6 de xaneiro, no Salón de Sorteos da Sociedad Estatal de Loterías y Apuestas del Estado (SELAE), en Madrid, e no que o primeiro premio correspondeu ao 19.570, o número que xogou o Armenteira C.F. levouse un pequeno petisco do reparto de premios. O 15.000 foi agasallado con 1.000 euros á serie, é dicir, 100 euros por cada décimo, ao que se unen os 20 euros do reintegro, por coincidir coa cifra na que rematou o premio gordo. Polo tanto, cada décimo deste número reportou ás persoas que o mercaron 120 euros, e que, sumando a cantidade total de décimos vendidos, o montante final de premios repartidos ascende a 7.920 euros, unha cifra nada desdeñable e que representa unha importante axuda para afrontar unha costa de xaneiro que este ano se presenta especialmente compricada, xa que aos gastos propios das datas de Nadal se engaden as consecuencias que a nivel económico e laboral está provocando a expansión da pandemia do COVID-19. Un ano máis, o clube verdinegro confiou a distribución dos boletos, tanto para a Sorteo de Extraordinario de Nadal como para o Sorteo Extraordinario do Neno, á Administración de Loterías nº 1 de Barrantes, O Conxuro de Meigha, que desde fai dous anos rexenta unha parella de A Illa de Arousa. Da venda ocupáronse os representantes do Armenteira C.F., aínda que, como ven sendo habitual nos últimos anos, foi o Café Bar O´Comercio o encargado de distribuír a maior parte dos números dos que posiblemente sexan os dous sorteos que con máis ilusión se viven por parte das persoas acostumadas a participar neste tipo de apostas e por parte da poboación en xeral.