FICHA TÉCNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. estivo a piques de traer os tres puntos da súa visita ao campo Municipal de Meis. Pouco lle faltou ao cadro que dirixe Marcial Prado para alcanzar un triunfo que, ao tenor do visto sobre o campo de fútbol de O Mosteiro, podería facer xustiza ao ocorrido ao longo dos sesenta minutos de xogo. Nunha tarde de sábado soleada e cun excelente ambiente de fútbol no Municipal de Meis, e coa música de fondo das comparsas do desfile de Entroido que tiña lugar ao mesmo tempo polas rúas da capital do Concello de Meis, os equipos femininos da liga de fútbol-7 do C.D. Mosteiro e do Armenteira C.F. víanse as caras nun partido por terceira ocasión na temporada. Nas anteriores ocasións o triunfo caera do lado das de O Mosteiro, que de novo partían como claras favoritas, tendo en conta ademais as importantes ausencias coas que se presentaban as visitantes. Sen Alba por motivos laborais, e Rocío, Noelia, Sara Rey e Paula Padín por diversos problemas de saúde, parecía agardarse un triunfo cómodo para o cadro local. Nos primeiros minutos o C.D. Mosteiro decidiu asumir esa condición de favorito e fíxose coa posesión do balón e co control do xogo, aínda que non atopaba a forma de facer dano á defensa verdinegra. Pero, as mozas do Armenteira C.F., que este sábado estreaban a segunda equipación, unha vistosa camisola celeste patrocinada, ao igual que a equipación titular, pola empresa Desguaces Leiro, comezaron a deixarse ver polas inmediacións da meta local. A sociedade formada por Cris e Luci, dúas rapazas incorporadas recentemente ás filas da entidade verdinegra, cunha calidade que sobresae sobre o nivel medio da liga, eran a principal fonte de perigo das de A Armenteira. Os primeiros disparos a porta do partido correron a cargo de Cris, aínda que sería o C.D. Mosteiro o que se adiantaría no marcador. Foi tras unha combinación ofensiva local, no que Inés Nieto se atopa co balón na área e, case tropezando, arrastra o pé para enviar o coiro ao fondo das mallas defendidas por Lola. Non tardou en reaccionar o Armenteira C.F. e, nunha nova combinación entre Cris e Luci, esta última e derrubada na área por unha defensora do C.D. Mosteiro. A perfecta execución da pena máxima por parte de Cris servía para igualar o encontro. Na segunda metade a situación de equilibrio mantívose. Como na primeira metade, o C.D. Mosteiro dominaba a posesión, mentres que o Armenteira C.F. era quen armaba accións de maior perigo. Valeria Oliveira, tras recibir soa ante Lola, situaba de novo por diante ás locais pero, pouco despois, unha nova creación da sociedade Cris-Luci volver poñer o equilibrio no marcador. Unha excepcional asistencia de Cris deixaba soa a Luci ante Nuria Cores, para que a de Poio definise cunha gran mestría. Eran os mellores minutos do Armenteira C.F., que se vía con posibilidades de levarse os tres puntos e así, pouco despois, tras unha falta cometida sobre Antía, cando esta gañara unha disputa a unha rival nun envío en profundidade, Cris colocaba en vantaxe ás visitantes. A potencia do lanzamento foi tal que o coiro saiu rebotado cara o terreo de xogo, de xeito que entre o público houbo quen creu que o disparo non foi entre os tres paus. O pánico extendíase entre as xogadoras e a afección local, que se vían sorprendidos por un rival ao que venceran con facilidade nas dúas anteriores ocasións nas que se enfrontaran nesta campaña, e que, de saír derrotadas neste sábado de Entroido, perderían case todas as opcións de achegar ao título desta segunda fase da liga. Pero desta volta a fortuna aliaríase co cadro de O Mosteiro. Nunha xogada desgraciada, un balón sen apenas complicacións esvaraba das mans e colábase entre as pernas de Lola, permitindo que unha atenta Valeira Oliveira lograse o tres a tres. Xa cando o encontro chegaba á súa fin, un pelotazo cara a área do Armenteira C.F. que as zagueiras verdinegras non logran despexar de primeiras, e que acaba coa pelota botando na área, entre sucesivos despexes, permite que novamente Valeria Oliveira, que se asomaba libre de marca polo costado esquerdo, batese a Lola para culminar a remontada local. Aínda que as de A Armenteira trataron á desesperada de alcanzar canto menos o empate nas últimas accións, isto non foi posible, e o triunfo quedaría en O Mosteiro. A boa imaxe deixada polas verdinegras no Municipal de Meis contrastaba coa decepción dun resultado adverso, que consideraban inxusto. Pagou moi caros os seus erros o Armenteira C.F., que queda na quinta posición, con cinco puntos. Na próxima xornada a formación verdinegra deberá recibir no campo de O Leixo ao Tyde F.C. "B", que ocupa a cuarta posición, con nove puntos.