Buscar neste blog

sábado, 19 de febreiro de 2022

Importante triunfo do Armenteira Veteranos ante o Godos C.F. nun partido de gran intensidade

                                                                 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-GODOS C.F. VETERANOS - 3 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Moncho; Rubén, Javi González, José Pérez, Júnior; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Richi, Marcial, Marcos, Rafa, Manolo, Cacabelos e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 19. Carlos Mella. 1-1. Minuto 34. José Pérez. 2-1. Minuto 61. Jorge Castro. 3-1. Minuto 90. Jorge Castro.

ÁRBITRO: Carballal Pérez. Mostrou cartón amarelo a Luis Manuel Fernández por parte do Godos C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos sacou adiante un dos partidos máis determinantes dos que tiña que afrontar no que resta de temporada. Era un partido clave porque visitaba o campo de O Leixo un dos máis directos rivais do cadro verdinegro, o sempre esixente e correoso Godos C.F. Veteranos. Se no partido de ida o encontro rematara en táboas tras unha intensa batalla futbolística entre os dous equipos, neste caso a vitoria caiu do lado dos de A Armenteira, e tamén foi nun encontro de gran intensidade. A tarde do sábado presentábase soleada no alto de O Busto, nun escenario ideal para disfrutar dunha xornada de fútbol. E o partido non defraudou. Desde o primeiro minuto ambos os dous conxuntos entregáronse ao máximo, cun gran desgaste físico. Con todo, o xogo desenvolvíase nas zonais centrais do campo e as ocasións tardaron en chegar. Tras unhas tímidas aproximacións do Armenteira Veteranos, sería o equipo visitante o que se encargaría de estrear o marcador. Foi tras unha acción de ataque dos de Caldas, na que houbo unha serie de despexes, que deron co coiro nos pés de Carlos Mella que, sen deixar caer o balón, empalmou unha portentosa volea que se colou pola escadra esquerda da meta defendida por Sirra. Abatido polo gol encaixado, custoulle repoñerse ao Armenteira Veteranos pero, guiado por Javi González e José Pérez desde a zona de mediocentros e coa presenza sempre amenazante de Jorge Castro na dianteira, os de O Leixo comezaron a gañar terreo e a deixarse ver polos arredores da portería do Godos C.F. Veteranos. A solidez da defensa visitante rompeuse cando José Pérez, despois de recoller un rexeitamento cara ao interior da área dos de Godos, enganchou un potente disparo ante o que nada puido facer o gardamallas Julián Carballo. O equilibrio no marcador ben o puido romper o veloz atacante Daniel Ospina, se que colocou polo centro da zaga verdinegra e se plantou man a man con Sirra, pero o cancerbeiro de Couso, sobervio unha vez máis, logrou evitar o gol. Tras a reanudación, o equilibrio persistiu no xogo, con alternativas por parte de ambos os dous bandos. Tras avisar por mediación de Jorge Castro e Rubén, con sendas oportunidades, sería o propio Jorge Castro, despois dunha rápida acción colectiva, na que recibiu unha magnífica asistencia de Suso, o que colocaría por diante ao Armenteira Veteranos. A lesión de Moncho, que se uniu á de Víctor, que nin sequera puido saltar ao terreo de xogo, e á de Marcial, que tivo que abandonar o campo tamén con problemas físicos, debilitaron á formación verde e negra, que viu ademais como Sirra, ao que reclamaban as obrigas laborais, tiña que irse do campo, cedendo a testemuña baixo os paus a Javi González. A merma de efectivos, xunto coa presión e as continuas acometidas do Godos C.F. Veteranos fixeron sufrir á defensa local, que tiña que se tiña que multiplicar para parar os ataques rivais. Sen ser capaz de manter a posesión, e en base a un fútbol excesivamente directo, o Armenteira Veteranos trataba de deter as entradas polos costados dun cadro rival máis fino á hora de manexar o balón. Pero, coma sempre, o contragolpe vou ser letal para os de O Leixo e, como non, con Jorge Castro como gran referencia. Houbo que agardar ao tempo engadido, aspecto no que o colexiado Carballal Pérez estivo xeneroso, engadindo aproximadamente uns cinco minutos, para que unha arrancada de Jorge Castro, cos de Godos emborcados sobre a meta local, rematase cunha fantástica definición por parte do dianteiro de Vilar. Unha vitoria por tres tanto a un, ante un rival directo, que permite que o Armenteira Veteranos supere na clasificación ao seu opoñente deste sábado, pero que, debido a que o equipo verdinegro lle correspondeu a xornada de descanso nada máis comezar a segunda volta e que, polo tanto, conta cun partido disputado menos ca a maioría dos equipos do grupo, manteñen aos de A Armenteira na quinta posición, con vinte puntos. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá rendir visita a outro rival directo, como Os Raposos, terceiro clasificado, con vintetrés puntos, de xeito que, de vencer en Noalla, igualarían a puntuación do seu adversario e poderían superalo na clasifación en base ao gol average.



Ningún comentario:

Publicar un comentario