Buscar neste blog

domingo, 6 de febreiro de 2022

O equipo feminino do Armenteira C.F. logra o primeiro triunfo da temporada tras superar ao Cultural Areas en O Leixo

                                                                     FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA C.F.-CULTURAL AREAS- 2 - 0
ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Ana; Sara Rey, Alba, Anabel; e Antía. Tamén xogaron Paula Sineiro e Carla.

GOLES: 1-0. Minuto 40. Alba. 2-0. Minuto 44. Alba.

ÁRBITRO: Rey Aguiar. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns vintecinco espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra algo dura e irregular.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou a primeira vitoria da temporada 2021/2022 tras vencer por dous tantos a dous ao Cultural Areas. O cadro que dirixe Marcial Prado sumou os seus primeiros tres puntos da campaña nunha fin de semana intensa de fútbol para as rapazas que lucen as cores verdinegras. O venres, o Armenteira C.F. feminino desprazouse ata Vigo onde, no campo do Complexo Deportivo Armando Cajaraville de Samil, se mediu ao San Roque Casablanca, nun encontro que rematou con empate a cero goles, pero que será lembrado pola grave lesión de Noelia Oubiña. A futbolista verdinegra sufriu unha torcedura de xeonllo cando se dispoñía a rematar a portería ante a presenza da gardamallas local, provocándolle unha forte dor, que a mantivo tendida sobre o terreo de xogo aproximadamente unha hora, tempo que tardou en chegar unha asistencia médica, seguida minutos despois por unha ambulancia medicalizada. Este feito causou unha tremenda indignación tanto na expedición do Armenteira C.F. como do San Roque Casablanca, que telefoneaban unha e outra vez aos números 061 e 112, recibindo como resposta que non había ambulancias dispoñibles nese momento para a área sanitaria de Vigo. A falta das probas que se lle realizarán ao longo desta semana, todo indica que Noelia será baixa durante unhas cantas xornadas.

No referido ao partido do sábado, as rapazas do Armenteira C.F. souberon facer fronte tanto ao cansanzo acumulado nas súas pernas despois do partido disputado o día anterior, como á oposición dun Cultural Areas que trataba de inaugurar o seu casilleiro de puntos na presente temporada. Cun esquema no que Marcial Prado adiantou a posición de Alba á zona de mediocampo, para aproveitar así a pegada da futbolista vilanovesa, o cadro verdinegro tardou en tomarlle o pulso ao encontro. Intentaba combinar e xerar fútbol o Cultural Areas, pero atopábase cun Armenteira C.F. ordenado e sólido en defensa, que de cando en vez buscaba a meta rival nas escasas opcións de contragolpe que puido armar durante a primeira metade. Tras a reanudación, o conxunto local foi encontrándose pouco a pouco máis cómodo sobre o campo, e con Alba como principal referente ofensivo, comezou a inquedar a meta defendida por Miriam González. Os potentes lanzamentos de Alba eran repelidos para gardamallas do cadro de Ponteareas, ata que, no minuto 40, conseguiu empalmar un disparo ante o que nada poido facer a cancerbeira visitante. O coiro foi con tanta forza que rebotou cara o terreo de xogo desde o lateral dereito da rede. Escasos minutos despois, de novo un potente lanzamento desde fóra da área de Alba poñía o dous a cero no marcador. Soubo administrar o Armenteira C.F. esta cómoda vantaxe nos minutos restantes, e nas poucas ocasións que o equipo visitante se presentou ante a meta de Lola, ben a gardamallas de Vilariño, ou ben a defensa, resolveron as situacións con solvencia. O triunfo foi recibido con especial alegría entre as xogadoras, corpo técnico e Xunta Directiva, xa que ademais de representar o primeiro da temporada, serviu para homenaxear a Noelia Oubiña, a cal seguiu con atención desde o seu domicilio o desenvolvemento do encontro, e nada máis coñecer o resultado quixo mostrar a súa satisfacción a través das redes internas de mensaxería. Con esta vitoria a escadra verdinegra colócase na cuarta posición, con catro puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao Club Deportivo Agaela de Cangas do Morrazo, un dos máximos favoritos a optar ao campionato nesta segunda fase da liga.





Ningún comentario:

Publicar un comentario