Buscar neste blog

sábado, 12 de febreiro de 2022

Contundente triunfo do Armenteira Veteranos en Baltar de Arriba ante o Dorrón C.F. Veteranos

 

                                                                     FICHA TÉCNICA


DORRÓN C.F. VETERANOS-ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 5
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Óscar Barreiro, Moncho; Rubén, Javi González, José Pérez, Martín; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Júnior, Manolo e Marcial.

GOLES: 0-1. Minuto 2. Jorge Castro. 0-2. Minuto 13. Rubén. 0-3. Minuto 63. Marcial. 0-4. Minuto 71. Jorge Castro, de penalti. 0-5. Minuto 89. Javi González. 

ÁRBITRO: Suárez Méndez. Mostrou cartón amarelo a Benito Rey por parte do Dorrón C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Baltar de Arriba, en Sanxenxo, ante uns quince espectadores, nunha tarde-noite fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou unha contundente vitoria no partido disputado este sábado, 12 de febreiro, no campo de Baltar de Arriba ante o Dorrón C.F. Veteranos. Era o primeiro partido da segunda volta da liga para o equipo verde e negra eante un rival dunha parroquia colindante co que o Armenteira Veteranos sempre tivo unha especial rivalidade. O encontro foi cómodo para os de A Armenteira, que axiña se adiantaron no marcador e que pouco a pouco foron impoñendo a súa autoridade e a superioridade sobre o terreo de xogo. A nota de cor púxoa a enfervorizada afección que desprazou desde Dorrón a Baltar, que en todo momento estivo animando ao seu equipo, a pesares de que o marcador non era favorable aos intereses do conxunto que xogaba como local. Nada máis comezar Jorge Castro, nunha das súas clásicas arrincadas polo centro da defensa rival, quedábase ante o meta José Ramón Burgos, e colocaba en vantaxe ao Armenteira Veteranos. Concentrados e con confianza sobre o terreo de xogo, perfectamente dirixidos desde a zona de creación por Javi González e José Pérez os de A Armenteira fixéronse claros dominadores do xogo. Nunha acción combinativa, Rubén recibe unha asistencia de Jorge Castro desde a liña de fondo para poñer o cero a dous. A vantaxe no marcador provocou unha certa relaxación nos visitantes, que cederon algo de terreo na parte final do primeiro período, permitindo que o Dorrón C.F. Veteranos se aproximase algo ás inmediacións da meta defendida por Sirra, aínda que sen poñer en excesivos apuros ao gardamallas de Couso. No segundo período parecía que os de Dorrón querían asumir o control do xogo, e trataban de inquedar á defensa verdinegra. Ademais, o Armenteira Veteranos xa non contaba coa presenza de José Pérez, ao que as obrigas laborais obrigaron a abandonar o partido no tempo de descanso. As imprecisións e os desaxustes tácticos dos futbolistas visitantes non eran aproveitados por un cadro local bastante falto de pegada que sufría cada vez que os de A Armenteira realizaban unha xogada de contragolpe, nas que a figura de Jorge Castro resultaba tremendamente intimidante para os defensores locais. Tras dispoñer de varias ocasións para ampliar distancia no marcador, Marcial poría o tres a cero nun grave erro da defensa do Dorrón C.F., na que un defensor, despois de interceptar un ataque verdinegro, cedeu o balón a Marcial na área pequena, e o futbolista de O Marco non perdoaría. Os minutos finais foron un auténtico paseo para o Armenteira Veteranos, que incluso se permitiu o luxo de combinar, triangular e de deixar un variados repertorio de recursos técnicos, que non foron do agrado da afección de Dorrón que, ao tempo animaba aos seus xogadores, increpaba e lanzaba algúns apupos aos futbolistas visitantes. Chegarían dous tantos máis para o Armenteira Veteranos na recta final do encontro. Primeiro sería Jorge Castro, ao converter unha pena máxima cometida polo meta José Ramón Burgos sobre Javi González, e despois sería o propio Javi González, xa no minuto 89, o encargado de pechar a conta goleadora verdinegra cun potente lanzamento desde fóra da área, imposible de alcanzar para o cancerbeiro local. Con estes tres puntos o Armenteira Veteranos sitúase na sexta posición da táboa con dezasete puntos. Na próxima fin de semana a escadra verdinegra deberá recibir no campo de O Leixo ao Godos C.F. Veteranos, un equipo que atopa na quinta posición, con dezaito puntos, é dicir, un posto por enriba e cun punto máis que os de A Armenteira, na que será unha cita clave de cara ás súas aspiracións na liga, ante un rival que sempre resultou particularmente complicado para o Armenteira Veteranos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario