Buscar neste blog

sábado, 12 de febreiro de 2022

Un reforzado Armenteira C.F. feminino empata ante o Club Deportivo Agaela e suma tres xornadas consecutivas sen perder

                                                                      FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.-CLUB DEPORTIVO AGAELA- 2 - 2
ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Ana; Luci, Alba, Sara Rey; e Cris. Tamén xogaron Paula Sineiro, Anabel, Antía e Carla.

GOLES: 0-1. Minuto 11. Olalla Corbo. 1-1. Minuto 18. Cris. 2-1. Minuto 45. Cris. 1-1. Minuto 47. Sarai Sobral.

ÁRBITRO: Crespo Trujillo. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns vinte espectadores, nunha noite fresca e despexada, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra nunhas condicións aceptables.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. encadena xa tres partidos consecutivos sen coñecer a derrota. Tras o empate do pasado venres ante o San Roque Casablanca e a vitoria do sábado ante o Cultural Areas, nesta xornada, tamén en horario nocturno e novamente en venres, o cadro verdinegro logrou un valioso empate ante un dos rivais máis poderosos do grupo, o Club Deportivo Agaela. As de Cangas do Morrazo, que venceran claramente por cero goles a cinco no partido da primeira fase que tivera lugar no campo de O Leixo, atopáronse na noite deste venres, 11 de febreiro, Armenteira C.F. cambiado, máis potente, cunha convocatoria de once xogadores, pese ás baixas por motivos médicos de Rocío, Paula Padín e Noelia Oubiña, e reforzado coas incorporación de Luci e Cris, dúas fichaxes incorporadas recentememte e que contribuíron a dar un importante salto de calidade ao equipo. O encontro foi entretido, con alternativas por parte de ambos os dous bandos, no que aínda que quizais as locais dispuxeron de máis oportunidades de gol, o resultado final de empate pode considerarse como xusto. Tras uns primeiros minutos de tanteo, Olalla Corbo conseguía adiantar ao Club Deportivo Agaela cun disparo desde a zona dereita do costado de ataque das de Cangas. Non se amilaron as verdinegras, e seguiron buscando a portería visitante. Con Cris como futbolista máis adiantada, o Armenteira C.F. era quen de poñer en apuros a liña defensiva do Club Deportivo Agaela. Froito dese traballo, unha acción de Cris, na que se colou polo centro da zaga canguesa, servía para poñer a igualada. Tras a reanudación a tónica do partido continou sendo a mesma. Un potente disparo de Cris desde fóra da área, ante o que nada puido facer a gardamallas Elena Alves, colocaba por diante ás futbolista do clube e negro. Pouco lle durou a alegría ás locais, xa que tras unha acción de ataque na que deixaron a defensa desguarnecida, unicamente con Ana protexendo a zona, Sarai Sobral iniciaba unha arrancada e plantábase soa ante Lola para situar o dous a dous no marcador. Na recta final do encontro houbo ocasións para ambos os dous equipos, pero tanto Lola como a meta visitante Elena Alves interviron con éxito ante as acometidas rivais. A intensidade dos minutos finais deixou minadas ás xogadoras locais, pois tanto Sara Rey como Cris tiveron que retirarse mancadas do terreo de xogo, debido aos fortes golpes que sufriron na disputas de balón coas futbolistas do Club Deportivo Agaela, moito máis experimentadas e acostumadas ao fútbol de contacto. Con este empate o Armenteira C.F. feminino sitúase no quinto posto da táboa clasificatoria, con cinco puntos, á espera de rendir visita na próxima fin de semana ao Campo de San Pedro para medirse ao Marín C.F., segundo clasificado, con dez puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario