Buscar neste blog

domingo, 17 de abril de 2022

O Noalla Veteranos sorprente ao Armenteira Veteranos en O Leixo

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-NOALLA VETERANOS - 0 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Javi González, Richi; Manolo, José Pérez, Júnior, Marcial; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Rubén, Óscar Barreiro, Víctor, Joseíño, Jorge Dávila e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 31. Javier Lima. 

ÁRBITRO: Leirós Brea. Mostrou cartón amarelo a Moncho por parte do Armenteira Veteranos e a Sergio Padín e Daniel Durán por parte do Noalla Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da vixésima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns trinta espectadores, nunha tarde soleada e bastante cálida, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos perdeu a oportunidade de asegurar a cuarta posición na liga, e polo tanto a última praza da promoción de ascenso que falta por adxudicar no grupo A da Terceira de Veteranos da delegaciñon de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol. Nun partido que debía terse disputado na pasada fin de semana, e que foi aprazada a petición de conxunto rival, o Noalla Veteranos, o cadro de O Leixo puido sentenciar o seu pase á fase de ascenso. Foi unha semana complicada para o Armenteira Veteranos, que o mércores tivo que medirse no campo de O Terrón, ao equipo que lidera con solvencia o campionato desde o inicio, a E.F.B. Vilanova-Caleiro, xa matemicamente campión, nun encontro que tamén fora aprazado, neste caso a petición dos de A Armenteira. A clara e contundente derrota en Vilanova de Arousa, por outro lado agardada, non debía afectar á moral dos xogadores verdinegros, que sabían que o partido clave para consolidar o cuarto posto era o que medía este sábado ao Noalla Veteranos. Pero do que non puideron librarse os futbolistas locais foi do cansanzo aínda presente nas súas pernas tras enfrontarse a unha sucesión de partidos propia da Champions League, xogando mércores e sábado, algo á que non están demasiado acostumados os corpos destes deportistas afeccionados. Ademais, o ambiente festivo que estes días se vive na parroquia de A Armenteira, que celebra a popular e multitudinaria Romaría da Virxe das Cabezas, puido distraer a mente duns futbolistas que comparten o seu gusto polo deporte co apego á festa e a celebracións de gran arraigo nesta terra como a Romaría das Cabezas. A tenor da traxectoria na liga, todo parecía indicar que se daría un triunfo cómodo para o Armenteira Veteranos. O Noalla Veteranos, pechacancelas do campionato, apenas fora quen de gañar dous partidos no que vai de temporada e, no encontro de ida, os de A Armenteira lograran unha vitoria abultada, pese a presentarse no campo de A Lanzada unicamente con once futbolistas. A vitoria dos de Sanxenxo na última xornada fronte ao Bar Madia Leva-Arousa F7, un equipo da zona media alta da táboa, debeu servir de advertencia ao Armenteira Veteranos. Tardou en reunir once xogadores o Noalla Veteranos, o que fixo retrasar o inicio do encontro uns minutos, ante a exasperación do sempre estricto colexiado Leirós Brea. Con todo, esa actitude relaxada dos de Noalla, con moito menos en xogo ca os locais, non lles afectou en exceso durante os noventa minutos. Desde o pitido inicial víanse claramente as intencións de cada un dos conxuntos. Mentres o Armenteira Veteranos trataba de facerse co control do xogo, e debatíase entre o dilema de apostar por un fútbol máis combinativo ou por un fútbol máis directo, o Noalla Veteranos tiña ben decidido cal sería o seu papel en O Leixo. Os visitantes agardaban no seu campo, ao tempo que o Armenteira Veteranos se ía consumindo pola ansiedade ao comprobar o tanto que abriría a lata non daba chegado. E ese nerviosismo, que impedía que asumisen o control e plasmasen a diferenza de calidade entre os dous equipos foi o que provocou que nunha acción de ataque dos de Noalla, aproveitando a falta de contundencia defensiva dos locais, Javier Lima puxese por diante aos seus cun gol de bonita factura. A partir de entón o Armenteira Veteranos xa non xogaba só en contra da ansiedade, dos nervios, do cansanzo nas pernas e dos múltiples factores que aparecían no camiño, senón que tiña que xogar tamén en contra do marcador. Intentando elaborar un fútbol máis directo, que atopase a velocidade e o desborde de Manolo ou Rubén por banda, ou a presenza sempre intimidatoria en ataque para os rivais de Jorge Castro, os de O Leixo tiñan a percepción de que o tempo discorría demasiado rápido. Entretanto as continuas acometidas locais non se materialiaban en ocasións claras. Non tiñan o día os futbolistas verdinegros. Coa defensa plantada na área e coas liñas moi xuntas, o Noalla Veteranos non sufría en exceso ante os balóns frontais enviados polos defensas e centrocampistas dos de A Armenteira. Tampouco José Pérez e José Castro, posiblemente os dous xogadores máis desequilibrantes dos verdinegros, non parecían moi inspirados este sábado. Un potente disparo de José Pérez, que sacou da escadra o gardamallas Cristian Otero, moi atinado ao longo do partido, e varias ocasións de Jorge Castro, entre elas un posible penalti sobre o dianteiro de Vilar, que Carlos Leiros sancionou cunha falta desde o borde da área, foron o principal repertorio ofensivo do Armenteira Veteranos. Pero o asedio local non deu os seus froitos, e incluso algunha acción de contragolpe dos de Noalla fixo extender o susto entre a afección verde e negra. Ante a desesperación dos futbolistas verdinegros Leirós Brea daba por finalizado o encontro, e na primeira das tres finais que terá o Armenteira Veteranos no que resta de liga, os tres puntos fuxían de O Leixo. Ademais do moito que había en xogo, o partido era unha cita especial para os locais, pois supoñía o regreso á competición oficial de José López "Joseíño", un dos poucos superviventes daquel equipo do Armenteira Veteranos que comezara a súa aventura na liga fai máis de quince anos. Catro anos levaba sen calzar as botas o extremo de O Busto. Circuntancias laborais, que o obrigaron a residir lonxe da súa terra, impediran que puidese disfrutar do deporte do balompé cos seus compañeiros. Unicamente Galiñanes, Moncho, Rafa e Cacabelos resisten actualmente como representantes daquel equipo inicial. Tras esta derrota o Armenteira Veteranos mantense na cuarta posición, con vintenove puntos, dous de vantaxe sobre o Castrelo C.F. Veteranos, e catro sobre o Bar Madia Leva-Arousa F7 e o Salud S.D. Veteranos, os seus principais rivais na loita pola cuarta praza. Na próxima xornada o cadro de O Leixo deberá desprazarse ata o campo de A Chan, en Pontearnelas, para enfrontarse á S.D. Puentearnelas, noveno clasificado, con dezanove puntos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario