Buscar neste blog

sábado, 9 de abril de 2022

O Armenteira C.F. pecha a liga cunha goleada ante o Marín C.F., líder e campión do grupo 1B

                                                                      FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.-MARÍN C.F.- 4 - 1

ARMENTEIRA C.F: Lola; Sara Torres, Ana; Anabel, Cris, Carla; e Luci. Tamén xogou Antía.

GOLES: 0-1. Minuto 1. Anabel, en propia meta. 1-1. Minuto 12. Cris. 2-1. Minuto 32. Cris. 3-1. Minuto 42. Cris. 4-1. Minuto 55. Cris. 

ÁRBITRO: Chan Pérez. Non mostrou cartóns ás xogadoras nin ao corpo técnico de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada da segunda fase do grupo 1B Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada e despexada, cunha temperatura temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. pechou a liga 2021/2022 da mellor maneira posible. Tras vencer na xornada do venres ao Cultural Areas por dous goles a seis, nun partido que fora aprazado no seu día debido aos numerosos casos positivos en COVID no conxunto ponteareán, este sábado, sen apenas tempo a descansar, tiña un difícil duelo ante o líder e campión desde fai unhas semanas do grupo 1B da liga feminina de fútbol-7 que organiza a Real Federación Galega de Fútbol. Coas baixas de última hora de Alba e Paula Sineiro, que se unen ás de longa duración de Rocío, Noelia e Sara Rey, todas elas con diversos problemas físicos, o cadro verde e negra tiña ante si un reto tremendamente complicado. Nunha tarde agradable, na que o ambiente e a temperatura acompañaban especialmente, Marín C.F. e Armenteira C.F. ofreceron un bonito espectáculo nun partido entretido no que as locais estiveron bastante máis atinadas. Con todo, non comezaron ben as cousas para o conxunto que dirixe Marcial Prado. No minuto 1, unha internada pola banda dereita do Marín C.F. sorprendía á defensa e á gardamallas Lola, e Emerly, sobre a liña de fondo, enviaba o balón cara a portería, ante o que nada puido facer Anabel, que se lanzou ao chan para evitar o gol, e acabou empurrando o coiro aínda máis cara cara o fondo da rede. Co marcador a favor, todo parecía favorable para as de Marín, que se crían superiores e intentaban plasmar o seu dominio sobre o terreo de xogo. Pero, pouco a pouco, o Armenteira C.F. foi gañando terreo, e comezou a deixarse ver polas proximidades da meta defendida por Elena Soto. A sociedade Cris-Luci, que tantos réditos está dando neste final de temporada ao conxunto verde e negro, non quería pasar tampouco desapercibida neste último partido de liga. E así foi como Cris, no minuto 12, conectaba un certeiro disparo desde o borde da área, co que colocaba o un a un no casilleiro. Houbo que agardar á segunda metade para que o Armenteira C.F. fose marcando distancias. Cando se prevía un final de partido igualado, primeiro Cris, cun potente zapatazo desde a zona de mediocampo, e despois a propia Cris, nunha xogada de contragolpe conducida por ela mesma, ditaron sentenza a un partido, no que tamén Cris, cun lanzamento de media distancia, poría o colofón a unha vitoria contundente e claramente merecida por parte das locais. Un triunfo que puido ser máis abultado, de non ser polas acertadas intervencións da meta marinense Elena Soto, que tivo que repeler en varias ocasións os poderosos disparos de Cris. Nas escasas oportunidades das de Marín, a zaga verdinegra mostrouse sólida e intensa, o que se uniu á seguridade que excibiu este sábado Lola entre os tres paus. Un lanzamento ao traveseiro e un balón que quedou morto tras unha parada de Lola, foron os apretos máis grandes polos que pasaron as de A Armenteira C.F. nunha recta final do partido que foi plácida e relativamente cómoda para un equipo que foi quen de sumar seis puntos na fin de semana na que se escribiu o epílogo na liga 2021/2022. Queda aínda por dilucidar quen finalizará como máxima goleadora do grupo. De momento ten vantaxe Cris nesta clasificación, pois a futbolista do Armenteira C.F. ocupa o primeiro posto, con 25 goles, fronte aos 22 de Carla Sieira, xogadora do C.D. Mosteiro, que este domingo se enfrontará ao C.D. Agaela. Independentemente do resultado final deste duelo, as cifras goleadoras da futbolista do Armenteira C.F. son enormemente meritorias, xa que conseguiu anotar ese número de goles en tan só seis partidos, cunha media de máis de catro tantos por encontro. O rendemento e a calidade da xogadora pontevedresa chamaron a atención dalgún clube da comarca, que a través dalgún representante se puxo en contacto coa propia futbolista, á marxe da Xunta Directiva do Armenteira C.F., un feito que provocou as evidentes molestias no seo da entidade verdinegra, á que lle fai lembrar algún dos episodios máis escuros das últimas temporadas, nas que accións deste tipo, totalmente censurables e reprochables, case levan ao total desmantelamento do clube. Foi este un triunfo, efusivamente celebrado nas horas posteriores ao encontro, tanto no campo de O Leixo, como no Café Bar O`Comercio, un dos principais espónsors do equipo, nunha celebración na que, ademais de festexar a vitoria deste sábado, se aproveitou para despedir a liga e para agasallar á futbolista Sara Torres cun agasallo polo seu aniversario. Finaliza o Armenteira C.F. a liga 2021/2022 na cuarta posición, con desazete puntos. Queda esperar agora a que a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol sortee os grupos da Copa e dea a coñecer os rivais contra os que competirá a escadra verde e negra. Como se estableceu no plan de competición enviado a principio de temporada, conformaranse grupos de tres ou catro equipos, de entre os catorce que participaron na liga de fútbol-7 da delegación viguesa, que se medirán nunha liguiña a partido único, clasificándose os oito mellores para segunda fase, nunha competición que se iniciará a partir da fin de semana do 24 de abril.







Ningún comentario:

Publicar un comentario