Buscar neste blog

mércores, 20 de abril de 2022

O Armenteira C.F. feminino prepara xa a competición de Copa 2022

O equipo feminino do Armenteira C.F. afrontará nas próximas semanas a recta final da temporada 2021/2022. Na mañá deste martes, 19 de abril, a Real Federación Galega de Fútbol, deu a coñecer os grupos e o calendario da competición de Copa da modalidade de fútbol-7 que disputarán os equipos encadrados na delegación de Vigo. Os trece equipos participantes repartíronse en catro grupos, un formado por catro equipo e os tres grupos restantes con tres equipos. No caso do cadro verde e negro a sorte foi desigual. O conxunto que dirixe Marcial Prado figura no grupo GD, xunto ao Chapela C.F. e o Cultural Areas. Son dous rivais, a priori, dun potencial moi desigual. O Chapela C.F. vén de proclamarse campión do grupo 1A, no que tivo unha traxectoria impecable, con dez vitorias, un empate e unha derrota, sumando un total de 31 puntos. Na primeira fase da liga, disputaba a unha soa volta, o Chapela C.F. xa visitara o campo de O Leixo, onde vencera por un contundente cero a seis. Pola contra, o Cultural Areas, que compartiu liga co Armenteira C.F. na segunda fase da competición, no grupo 1B, finalizou o campionato na última posición, con dous puntos. Nos partidos nos que se mediron a formación verde e negra e o conxunto ponteareán o triunfo correspondeu ás de  A Armenteira. No encontro da primeira volta o Armenteira C.F. venceu por dous tantos a cero, mentres que na cita da segunda volta o resultado foi de dous tantos a seis a favor das verdinegras. Esta competición de Copa disputarase en sistema de liguiña, a unha soa volta, e comezará a próxima fin de semana, na que, curiosamente ao Armenteira C.F. lle tocará descansar. Será na seguinte xornada cando a formación verdinegra debute no torneo, visitando o feudo do Cultural Areas. Na última xornada as mozas do Armenteira C.F. terán que recibir en O Leixo ao teórico "coco" do grupo e principal favorito para alzarse co título de Copa, o equipo redondelano do Chapela C.F. As aspiracións das rapazas que adestran Marcial Prado e Júnior Tirado pasan por acceder á seguinte eliminatoria que, segundo as bases aprobadas pola delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, para o cal terán estar entre os oito conxuntos que máis puntos sumen na liguiña. A partir de entón terán lugar as elimatorias, que se establecerán mediante sorteo, con cabezas de serie, e que se disputarán a partido único, que se desenvolverán ata que o 12 de xuño se celebre a gran final. Para a entidade verdinegra a Copa representa unha oportunidade para refrendar a progresión que o equipo feminino leva experimentando desde que se iniciou a liga e para, ao mesmo tempo, relanzar e revitalizar o proxecto de cara a próxima temporada.



Ningún comentario:

Publicar un comentario