Buscar neste blog

sábado, 23 de abril de 2022

O Armenteira Veteranos empata en As Chans e cede a cuarta posición na táboa

 FICHA TÉCNICA

S.D. PUENTEARNELAS-ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 0

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Marcos, Richi; Rubén, José Pérez, Javi González, Júnior, Galiñanes; e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Manolo, Víctor e Suso.

ÁRBITRO: Corredera Blanco. Non mostrou ningún cartón durante o partido.

INCIDENCIAS: Partido da vixésimo primeira xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de As Chans, en Pontearnelas, ante uns quince espectadores, nunha tarde temperada, con nubes e claros, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou un empate con sabor amargo no campo de As Chans. O cadro de O Leixo, que partía antes de iniciarse a xornada na cuarta posición, que dá acceso a disputar a promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos, viu como ese posto de privilexio pasaba a mans do Castrelo C.F. Veteranos. Xa non depende de si mesmo o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes, pois, pese a que tanto os de Castrelo como os de Armenteira contan ambos os dous con trinta puntos, o golavage é favorable aos da parroquia cambadesa, xa que venceron por dous tantos a cero no seu feudo, mentres que en O Leixo foron derrotados por un tanto a cero. Foi o partido deste sábado en As Chans un partido espeso, con escasa calidade futbolística, pero equilibrado e con bastante emoción. Se ben é certo que a igualada ten para o Armenteira Veteranos un sabor a derrota, o resultado aínda puido ser peor, posto que nos minutos finais os locais dispuxeron das que quizais foron as dúas ocasións máis claras do encontro. Segue coa mala xeira o cadro verde e negro, que suma tres xornadas consecutivas con derrota e sen ser quen de anotar ningún gol neses tres últimos partidos. A seca goleadora, sumada á falta de fluidez e confianza no seu xogo, están lastrando a un equipo que parecía que tiña todo a favor para finalizar a liga entre os catro primeiros clasificados, pero que agora ve como esta opción se complica de forma notable. Con todo, nos primeiros minutos do partido daba a impresión de que o Armenteira Veteranos ía retornar á súa mellor versión, esa que mantivo durante varias xornadas, con triunfos de mérito, como o logrado ante o Zacande-Terras de Curro, pero, co paso dos minutos, esas esperanzas foron esmorecéndose. Cunha S.D. Puentearnelas asentada en bloque baixo, que trataba de non deixar espazos ás costas da liña defensiva e que cedía a iniciativa do xogo aos de  A Armenteira, os visitantes asumían a posesión do coiro, aínda que non eran quen de utilizala dun xeito práctico. Apenas descolgaban futbolistas en ataque os locais, centrados máis en taponar as entradas polos costados, en cubrir as entradas de José Pérez desde a zona de mediocampo e, sobre todo, en neutralizar as accións ofensivas de Jorge Castro. O dianteiro de Vilar, principal referencia en ataque dos verdinegros, vixiado moi de preto polos zagueiros vermellos, case non tivo marxe de maniobra ao longo dos noventa minutos. Pola contra, máis aló dalgún saque de curruncho e dalgunha xogada a balón parado, case non pasou apuros en defensa o Armenteira Veteranos neste primeiro período, a pesar de que o vento sopraba a favor da S.D. Puentearnelas. As ocasións de maior claridade estiveron nos pés dos xogadores do equipo de A Armenteira. Suso, mediante unha veloz arrincada polo extremo esquerdo, na que o seu envío non atopou a Jorge Castro no interior da área e pasou rozando o pau dereito da meta local, e José Pérez, cun disparo desde o borde da área, ao que respondeu o meta Julio Cores cunha gran parada, dispuxeron das mellores oportunidades dos primeiros corenta e cinco minutos. Tras a reanudación, o Armenteira Veteranos, xa co vento a favor, foi caendo pouco a pouco na espesura. O seu fútbol, falto de fluidez, alternaba intentos de combinacións en curto e de triangulacións por banda con pelotazos sen moito sentido que non chegaban a inquedar á sólida zaga local. Sen espazos na liña do mediocampo e sen os metros necesarios para avanzar cara a portería dos de Puentearnelas, o Armenteira Veteranos non daba coa solución para lograr o gol que lle abrise o camiño do triunfo. José Pérez, Jorge Castro e Manolo polo extremo dereito, mostrábanse como os futbolistas máis activos dos de O Leixo. Pero co paso dos minutos, o cadro local foi deixando a un lado a timidez inicial e comezou a achegarse con maior frecuencia polas inmediacións da meta defendida por Sirra. Unha veloz acción pola banda esquerda do ataque da S.D. Puentearnelas, na que o atacante local quedou só diante do gardamallas de Couso, aínda que bastante escorado, fixo que cundise o pánico entre os futbolistas verdinegros. Por fortuna para os visitantes o dianteiro da S.D. Puentearnelas enviou o balón por fóra. O mesmo ocorreu noutro desaxuste da defensa verdinegra, despois dunha perda na liña defensiva, que deixou de novo a un atacante local ante Sirra. Tampouco acertou neste caso o futbolista da S.D. Puentearnelas. Tratou de reactivarse nos últimos minutos o Armenteira Veteranos, ao tempo que o partido se abría, e os locais ían atopaban cada vez máis vías para chegar ata a meta de Sirra. Ante as protestas dos futbolistas de ambos os dous conxuntos, que reclamaban un maior tempo engadido, debido a que o encontro tivo que interromperse polas lesións sufridas por dous xogadores locais, o colexiado Corredera Blanco decretou o final do encontro, engadindo unicamente dous minutos aos corenta e cinco de rigor. Con este empate o Armenteira Veteranos descende ata a quinta posición. Na próxima fin de semana o conxunto verde e negro recibirá no campo de O Leixo ao Bar Madia Leva-Arousa F7, sexto clasificado con vintecinco puntos. Estarán moi pendentes os verdinegros do que ocorra no Municipal de Zacande, onde se medirán Zacande-Terras de Curro e Castrelo C.F. Veteranos. Os de Zacande, segundos na clasificación, parten a priori como favoritos, pero atoparanse cun Castrelo C.F.-Veteranos ultramotivado, que ven de vecer a Os Raposos, terceiro clasificado, cun gol de Dioni no minuto 90. Para recuperar a cuarta praza, o Armenteira Veteranos deberá sumar un punto máis do que sumen os de Castrelo en Zacande, e para elo tratará de facer valer o factor campo e demostrar a súa fortaleza como local, pois unicamente a E.F.B. Vilanova-Caleiro, líder e campión de grupo, e o Noalla Veteranos lograron levarse este temporada os tres puntos de O Leixo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario