FICHA TÉCNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. volveuno a conseguir. Se na pasada temporada vencía a un Marín C.F. que chegaba a O Leixo como líder e campión da segunda fase da Liga Feminina de Fútbol-7, este domingo, 20 de novembro, lograba de novo superar ás marinenses, que chegaba a A Armenteira como líderes destacadas do grupo, invictas no que ía de competición, e perfilándose como as máximas favoritas a alzarse cun campionato que na presente campaña constará de unha única fase. As mozas do conxunto verde e negro, moi curto de efectivos este ano, e sempre condicionado polas ausencias que sofre en cada xornada, demostraron unha vez máis que son capaces do mellor e do peor. Tras a contundente derrota da fin de semana anterior ante o Independente C.F. no campo de As Gándaras, en Valadares, o Armenteira C.F. recuperaba a algunha das xogadoras que non puido estar presente fai sete días. Con Cris de regreso tras a súa expulsión ante o Club Peñasco e coa incorporación de Luci, que volve unirse á disciplina da formación verde e negro, o potencial do equipo subía bastantes enteiros.
A vitoria deste domingo foi nun encontro equilibrado, con alternativas por ambos bandos, e no que o triunfo puido caer de calquera dos dous lados. Ao tempo que o Campionato Mundial de Fútbol de Catar daba comezo, ás 17:00, alleas ao gran espectáculo e tamén enorme negocio que supón a Copa Mundial, estas futbolistas de balompé humilde e modesto, medían as súas forzas mentres a néboa se ía facendo dona pouco a pouco da superficie de xogo de O Leixo. A escasa visibilidade que permitían as condicións meteorolóxicas non foi impedimento para que a escasa afección que se desprazou ás instalacións deportivas do lugar de O Busto puidese gozar dunha tarde entretida de fútbol. No primeiro período non houbo moitas ocasións claras de gol. Quizais a de maior claridade estivo nos pés de Dini, que non puido acertar ante a portería da Elena Soto. Ao fío do descanso, un envío en longo que se lle escapa das luvas á gardamallas de Marín, é aproveitado por Cris, moi atenta na presión, para anotar o un a cero a porta baldeira.
No segundo período parecía que o equilibrio se mantía. As futbolistas do Marín C.F. cunha mellor condición física, adiantaron liñas na procura do tanto do empate. Un saque de portería das de A Armenteira, que non levaba a suficiente potencia, caeu no borde da área local, e a Emerly, colocaba a súa punteira para enviar o coiro cara o fondo das mallas defendidas por Lola. O gol da igualada semellaba extender o temor entre a parroquia verdinegra, que temía que supuxese o punto de partida para a remontada do líder do grupo. Pero o esforzo e o sacrificio das locais, unido ás gotas de calidade das súas xogadoras, que marcan a diferenza na categoría, fixo posible a resposta á reacción marinense. Dini, culminando unha xogada individual, adentrábase na área e batía a Elena Soto cun preciso lanzamento co seu pé esquerdo. Apenas uns minutos despois, un erro nun despexe da zaga do Armenteira C.F., remataba co balón en posesión de Emerly que, desde o costado esquerdo do ataque do seu equipo, cruzaba o esférico ante a estirada de Lola e situaba o dous a dous. A partir de entón as ocasións sucedéronse por ambos bandos, e incluso daba a impresión que o tanto caería do lado das de Marín. Non foi así, e unha acción de contragolpe, na que Cris se desfixo das defensoras rivais, permitía que a atacante pontevedresa do Armenteira C.F. se presentase soa ante Elena Soto e situase no marcador o tres a dous que acabaría sendo definitivo. Tratou á desesperada de lograr polo menos o empate o Marín C.F., pero a intensidade defensiva das futbolistas verdinegras e as paradas atindadas de Lola contribuíron a que os tres puntos se quedasen en A Armenteira.
Con este triunfo, o Armenteira C.F. feminino sitúase na sétima posición, con seis, puntos. Na próxima fin de semana o cadro verde e negro deberá visitar o campo de O Cruceiro, na parroquia de San Mateo, en Ponteareas, para medirse ao Sporting Club San Mateo, pechacancelas do grupo e que aínda non sumou ningún punto no que levamos de liga. Para esa xornada, o equipo que dirixe Marcial Prado agarda recuperar a Carla, co cal podería contar co plantel ao completo por primeira vez nun partido desta temporada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario