Buscar neste blog

sábado, 12 de novembro de 2022

O Armenteira Veteranos paga a falta de ritmo e sucumbe en O Leixo ante un C.D. Mosteiro superior

                                               FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - NOALLA V. PORTAREDONDA - 4 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi; Rubén, Martín, Carlos Muñiz, Junior, Víctor; e Jorge Castro. Tamén xogaron Fernando, Javi, Galiñanes e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 10. Adrián Oubiña. 1-1. Minuto 18. Carlos Muñiz.  1-2. Minuto 22. Adrián Oubiña. 1-3. Minuto 55. Francisco Martínez. 1-4. Minuto 74. David Lópèz. 2-4. Minuto 81. Rubén. 

ÁRBITRO: Arís Arribas. Mostrou cartón amarelo a Sirra por parte do Armenteira Veteranos e a Pablo Nine por parte do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos, da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo de terra nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos caeu derrotado na tarde deste sábado, 12 de novembro, no derbi municipal do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos ante o C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego. O conxunto de O Leixo, que disputaba o que era o seu cuarto partido da temporada, mostrouse moi espeso e impreciso, pagando quizais a falta de ritmo tras dúas semanas sen competición, unha polo obligado descanso pola retirada da competición do rival que lle correspondía, o Verducido Veteranos C.F., e outra porque o calendario establecido pola Real Federación Galega de Fútbol decretou unha fin de semana sen competición na categoría na que militan os verdinegros. Á falta de ritmo derivada do escaso número de partidos disputados no que vai de liga hai que sumar que a nula preparación durante a pretemporada, na que o Armenteira Veteranos non puido participar en ningún encontro.

Aínda que nos primeiros minutos o Armenteira Veteranos parecía querer tomar o control do xogo, en base ao seu fútbol máis directo e de transicións rápidas, axiña os visitantes foron facéndose co dominio. Cun xogo máis combinativo, dirixido por David Pérez desde a zona de mediocentros e que buscaba principalmente a mobilidade do correoso Adrián Oubiña en ataque, o C.D. Mosteiro ía gañando metros, ante un cadro local cada vez máis impreciso e vítima dos numerosos desaxustes tácticos que mostrou na tarde deste sábado. Un erro na saída de balón polo costado esquerdo, permitiu que os de O Mosteiro armasen rapidamente unha xogada na que Adrián Oubiña enviaba un tiro cruzado que se colaba preto do pau dereito da meta defendida por Sirra. Recurriu á garra o Armenteira Veteranos, que trataba de atopar desesperadamente a presenza de Jorge Castro en ataque. Unha falta cometida sobre o dianteiro de Vilar, que el mesmo se encargou de executar, impactou no pau longueiro, e, un moi atento Carlos Muñiz, colocaba a súa cabeza para enviar suavemente o coiro ao fondo das mallas. Sen estar realizando un fútbol especialmente brillante, o equipo de A Armenteira lograba igualar o marcador, pero, de novo os desaxustes tácticos acabarían condenándoo. Nunha acción de contragolpe dos visitantes, Adrián Oubiña, ao límite do fóra de xogo, recibe en velocidade polo centro da defensa e, ante a saída de Sirra, traza unha vaselina que acaba no fondo da rede. Buscaron reaccionar de novo con rapidez os locais, que tiveron algunha oportunidadade para igualar, con disparos desde media distancia de Júnior ou Martín, aínda que a máis clara estivo nos pés de Jorge Castro.

Tras o descanso, a tónica continuo sendo a mesma. O C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego, sen levar a cabo un dominio abafante, sentíase cómodo e dominador do encontro. Mantiña a posesión e combinaba, sen xerar demasiadas ocasións de gol, mentres que o conxunto verde e negro, sufría ante a presión alta do adversario, e era présa das súas continuas imprecisións no toque, que se unía á máis que evidente falta de ritmo físico. Un despiste na marcaxe deixaría só ante Sirra a Francisco Martínez, que non perdoaría e situaría o un a tres no marcador. Todo parecía poñerse costa arriba para a formación local, que vía como Fernando tiña que deixar o terreo de xogo por problemas físicos, o que, unido á lesión de Carlos Castro nos primeiros minutos do encontro e á de Carlos Muñiz apenas uns momentos despois, deixaba o centro da defensa tremendamente desguarnecido. Moi poucos argumentos espuxo o Armenteira Veteranos na última media hora de xogo. Os erros ían extendendo a desesperación e a sensación de que non era o día dos futbolistas verdinegros. De novo unha perda de balón, cando este chegaba ao pé de Sirra nun pase sen aparente risco, acaba co pelota en poder de David López, que só tivo que empurrar o balón a portería baldeira. No medio da apatía dos minutos finais houbo tempo para que os de Armenteira puidesen maquillar minimamente o resultado. Rubén, o mellor especialista dos locais a balón parado, empalmaba un potente zapatado nun libre directo, ante o que nada puido facer o cancerbeiro José Luis Piñeiro, que se estirou, pero só puido ver como o esférico se introducía pola escadra dereita. Non houbo tempo nin posibilidades de reacción nos intres finais e o Armenteira Veteranos tivo que resignarse ante os tres primeiros puntos que se escapan de O Leixo no que vai de liga.

Esta derrota deixa ao Armenteira Veteranos na séptima posición, con seis puntos. A próxima fin de semana, o equipo verdinegro deberá rendir visita ao campo de O Buelo para medirse ao Moraña C.F., outro dos conxunto que parte entre os favoritos a ocupar as prazas de ascenso. Será unha proba de gran esixencia para un Armenteira Veteranos mermado polos problemas físicos dalgúns dos seus xogadores, e que, tratará de compensar as previsibles baixas na liña defensiva co regreso aos terreos de xogo de Óscar Muñiz que, tras pasar por unha operación de xeonllo, volverá vestir a elástica verde e negra case tres anos despois.


Ningún comentario:

Publicar un comentario