Buscar neste blog

sábado, 19 de novembro de 2022

Un Armenteira Veteranos moi mermado cae ante en O Buelo ante un rival máis completo e que exhibe máis recursos

                                                        FICHA TÉCNICA

MORAÑA C.F. - ARMENTEIRA VETERANOS - 4 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Javi, Óscar Barreiro; Rubén, Martín, Júnior, Víctor; Suso e Jorge Castro. Tamén xogaron Marcial e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 5. Carlos Muñiz, en propia meta. 2-0. Minuto 18. Antón Gamallo.  3-0. Minuto 20. Adrián González. 3-1. Minuto 54. Rubén. 4-1. Minuto 57. Adrián González. 

ÁRBITRO: Veiga Gómez. Non mostrou ningún cartón neste partido.

INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos, da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Buelo, en Moraña, ante uns cincuenta espectadores, nunha tarde temperada e baixo unha choiva fina por momentos, e sobre un terreo de xogo de terra nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos sumou unha nova derrota no que vai de temporada 2022/2023. E xa van tres en cinco partidos. Cun plantel moi mermado, a causa das importantes ausencias de Carlos Castro, Fernando, Richi e Moncho, que minan aínda máis a un cadro que nesta campaña presenta un número reducido de efectivos en relación coa pasada, o conxunto de O Leixo presentábase en O Buelo sendo consciente da difícil misión que lle agardaba. O rival, o Moraña C.F., é un dos equipos con maior potencial do grupo e figura entre os grandes favoritos a lograr o campionato de liga. Ademais, as ausencias do Armenteira Veteranos afectaban especialmente á liña defensiva, quizais a máis endeble dos verdinegros, que nesta temporada están botando especialmente en falta a Marcos, un dos grandes referentes na retagarda dos de A Armenteira nos últimos anos, e que, por motivos laborais, non pode competir nesta campaña. O partido deste sábado foi de claro dominio dos locais, que ademais axiña marcaron distancias no marcador, pois no minuto 20 xa levaban unha vantaxe de tres tantos, polo que puideron dedicarse a xestionar esta bagaxe no resto dos minutos.

Desde o inicio o control do xogo estivo do lado morañés. A relativa xuventude dos membros do seu plantel, que quedaba plasmada nunha condición física bastante por enriba da que mostraban os seus contricantes, permitía que os de Moraña puidesen exercer un nivel de presión e imprimir un ritmo de fútbol impropia destas categorías da liga de veteranos. Ante a presión adiantada dos futbolistas do Moraña C.F. o Armenteira Veteranos atopábase con notables dificultades na saída do balón. Nesas circunstancias, ao ter tapados os ocos para iniciar as xogadas, o recurso fácil era buscar a Sirra, para que o gardamallas de Couso, sempre hábil no xogo cos pés, fose quen se encargase de contruír o xogo desde atrás cun envío en longo. Nunha desas accións, un balón cedido cara atrás polos futbolistas verdinegros, que Carlos Muñiz tocou de forma forzada, pillou a contrapé a Sirra cando se dispoñía a abandonar a área, e foi directo cara o fondo das mallas. O tanto en propia meta, aos cinco minutos de partido, significou unha dura lousa para os visitantes. Pero apenas uns minutos despois, unha rápida combinación do Moraña C.F. remataba co coiro nos pés de Antón Gamallo, que se abriu camiño polo medio da defensa para plantarse ante Sirra e colocar o dous a cero. Non conseguía reaccionar o Armenteira Veteranos, atenazado polo mal comezo de partido e a presión rival, e, aínda que Jorge Castro dispuxo dunha clara ocasión, na que acabou desequilibrado tras regatear ao meta adversario e acabou enviando o coiro por fóra, a escasos centímetros do pau dereito morañés, pouco despois, Adrián González, en posición dubidosa, recibe un envío por alto, que controla e, tras acomodarse, empalma un disparo que bate a Sirra. Trataron de repoñerse os visitantes, que aproveitaron a relativa relaxación local para intentar acurtar distancias. Unha magnífica xogada de Rubén polo extremo dereito, na que se desfixo do seu rival xunto ao bandeirín de córner e centrou cara a área, finalizou cun remate pouco claro dun compañeiro. Foi quizais esta a mellor acción dos verdinegros neste primeiro período, no que apenas conseguiron probar as facultades do cancerbeiro local.

No segundo período, todo parecía indicar que o Moraña C.F. ía camiño dunha vitoria abultada. Pero, os de A Armenteira, botaron man da súa habitual coraxe e puideron ir maquillando un resultado que tal como se desenvolveu o encontro nos primeiros minutos semellaba que ía ser moito máis desfavorable para o conxunto verde e negro. Unha acción de transición pola banda dereita, na que Jorge Castro recibe no costado dereito e consigue avanzar por este carril ata a área, onde un adversario o derruba, pero na que o colexiado decreta a lei da vantaxe, remata co balón nos pés de Rubén que, desde a liña da área bate a Diego Cabanelas, o meta local. Con todo, pouco durou a posibilidade de remontada, pois Adrián González, tras un rápido desmarque, escapábase da defensa verdinegra e ante Sirra, mandaba o coiro ao fondo da rede para anotar o catro a un que acabaría sendo definitivo. Puido o Armenteira Veteranos lograr algún tanto no resto de encontro, con ocasión de bastante claridade, como un lanzamento de Víctor desde o costado esquerdo que impacto na parte interna do pau e volveu cara á área, cunha cabezada de Jorge Castro ante a que reaccionou cunha soberbia estirada o cancerbeiro local, ou con algunha outra ocasión máis,  pero o marcador non se movería. Cun partido moi aberto, con moitos espazos para correr, o que favorecía a mellor condición física dos xogadores do Moraña C.F., os últimos minutos disputáronse a un ritmo notable e as chegadas a ambas as porterías eran frecuentes. 

Con esta derrota, o Armenteira Veteranos descende á novena posición, con seis puntos. Na próxima xornada, o cadro verde e negro recibirá a visita do Campañó Veteranos, outro dos conxuntos que a priori parte como un dos favoritos a ocupar os postos altos da táboa, e no que milita Valentín Sartal, que no seu día ocupara o posto adestrador do Armenteira C.F. na que era a primeira temporada na historia do clube de O Leixo na Terceira Autonómica, aló polo ano 2005. Prevese por tanto un partido intenso, de rivalidade, no que os de A Armenteira buscarán encauzar o rumbo tras as derrotas das dúas últimas xornadas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario