Buscar neste blog

sábado, 22 de abril de 2023

Dous goles de Rubén dan o triunfo ao Armenteira Veteranos en As Chans nun partido condicionado polo intenso vento

 FICHA TÉCNICA

 S.D. PUENTEARNELAS - ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 2


ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro; Manuel, Javi, Carlos Muñiz, Víctor; Rubén e Suso. Tamén xogou Galiñanes.

GOLES: 0-1. Minuto 5. Rubén. 0-2. Minuto 38. Rubén. 

ÁRBITRO: Padierna Quintero. Mostrou cartón amarelo a Rafa Barreiro, Sergio Blanco e Manuel Mouriño por parte da S.D. Puentearnelas e a Carlos Castro por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da vixésimo cuarta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo de As Chans, en Pontearnelas, ante uns vinte espectadores, nunha tarde con nubes e claros e lixeiramente calorosa, e sobre un terreo de xogo de céspede artificial notablemente desgastado e bastante seco e lento para a circulación do balón.

  CRÓNICA

Por fin se atopou de novo co triunfo o Armenteira Veteranos. Desde finais do pasado mes de febreiro o cadro verde e negro non lograba levarse os tres puntos. Daquela fora a domicilio, no campo de A Lanzada, en Noalla, e neste caso tamén foi lonxe de O Leixo, no campo de As Chans, en Pontearnelas. A localidade na que conflúen os municipios de Ribadumia, Cambados e Vilanova de Arousa estivo de actualidade ao longo desta semana polo estado da denominada Ponte de Santa Marta que, quince anos despois da súa contrución presenta graves danos estruturais que poñían en perigo a circulación rodada e obrigaron a que as administracións competentes procederan a pechala. Pero máis aló do suceso da ponte, en Pontearnelas a noticia desta fin de semana, polo menos para o Armenteira Veteranos, foi o logro dunha tan ansiada vitoria. Foi un triunfo baseado no esforzo, compromiso e na entrega colectiva dun equipo que se presentou de novo tremendamente mermado en canto a efectivos, e que tivo a Rubén, novamente cunha actuación estelar, como o seu principal estilete. O forte vento que soprou durante os noventa minutos do partido condicionou en gran medida o fútbol que puideron practicar ambas as dúas escadras.

A fortuna deparou que no primeiro período o Armenteira Veteranos tivese o vento a favor. Nun encontro a priori tan equilibrado, entre dúas formacións cun potencial e cuns recursos similares, as condicións meteorolóxicas resultaron decisivas. Trataba de contruír desde a defensa a S.D. Puentearnelas, pero os de A Armenteira, ben plantados no seu campo, e aproveitando as imprecisións que propiciaba o vento no xogo combinativo que pretendían os locais, agardaban a recuperar o coiro para desenvolver a estratexia que mellor dominan, o fútbol de contragolpe. Foi nunha acción deste tipo na que Rubén, tras recibir en carreira, se presentou ante o meta Julio Cores para empalmar unha volea cara ao fondo da rede. Levábanse unicamente cinco minutos de xogo e o Armenteira Veteranos víase nunha situación favorable das que poucas veces puido gozar esta temporada. Coa axuda do vento, o Armenteira Veteranos confiaba incluso en poder ampliar a vantaxe. O talento de Javi na zona de creación e a velocidade e o remate de Rubén en ataque eran fortalezas que máis confianza lles podían transmitir. Fronte a elo, o control e a calidade de Pablo Arosa, eixo fundamental do fútbol dos de Pontearnelas, constitúan a ameaza de maior seriedade para os verdinegros. Tras uns minutos de desconcerto, sobre a media hora de xogo, na que a S.D. Puentearnelas estivo preto de igualar o encontro e no que os de As Chans viron como o colexiado Padierna Quintero lles anulaba un tanto por fóra de xogo, nun libre directo, desde o borde esquerdo da área rival, Rubén exhibía por enésima vez a que quizais sexa a máis destacadas das súas numerosas virtudes: o lanzamento a balón parado. O atacante de Caroi imprimiulle tanta forza ao balón que, pese a que o chegou a tocar o gardamallas Julio Cores e chegou a impactar contra os postes da portería, o balón acabou adentrándose no fondo das mallas do conxunto vermello.

O dous a cero era un valioso botín para que o Armenteira Veteranos puidese afrontar a segunda metade, á que saíron os verdinegros con certo descontrol. Agora o vento sopraba en contra e impedía trenzar xogadas, sobre todo se se elevaba o coiro, práctica moi habitual no fútbol dos verde e negros. As dificultades para manter a posesión e os desaxustes tácticos permitiron que a S.D. Puentearnelas apretase aos de Armenteira cara a meta de Sirra. Pero tampouco estaban demasiado precisos os locais, que vían dificultados os pases, os controis e os disparos a portería pola intervención dun vento que en teoría ía resultar favorable neste segundo período. Ordenados, e tratando de manter a intensidade na presión e a disposición táctica, os futbolistas do Armenteira Veteranos souberon resistir. Só algunha acción illada, como un tiro de Jorge Carballo ao lateral do pau dereito da meta verdinegra e algunha cabezada Carlos Millán nos saques de curuncho fixeron sufrir en momentos concretos a un equipo que se mostrou cohesionado e deu mostras dun espíritu solidario e dun compromiso colectivo que o conduciron a unha vitoria que era moi necesaria para o moral do conxunto de cara ao final da presente campaña para os plans de futuro en relación coa próxima temporada.

Cos tres puntos do partido deste sábado, o Armenteira Veteranos sitúase na décima posición, con quince puntos. Restan dúas xornadas para finalizar a liga, e na próxima fin de semana o equipo verde e negro recibe no campo de O Leixo ao Castrelo C.F. Veteranos, un conxunto que actualmente ocupa o último posto da táboa, pero que sempre se mostra como un esixente adversario cando se mide aos de Armenteira. Será outro enfrontamento clásico das ligas de veteranos da comarca de O Salnés, entre dúas formacións que se coñecen ben e sempre adoitan ofrecer duelos entretidos nos partidos nos que se ven as caras.




Ningún comentario:

Publicar un comentario