A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer na tarde do xoves, 13 de abril, a composición e o calendario dos grupos da edición 2023 da Copa Rías Baixas. No caso do equipo feminino do Armenteira C.F, o conxunto foi encadrado no grupo dous, xunto co Tyde F.C., co C.D. Mosteiro e co Sporting Club San Mateo. A renuncia a participar na competición por parte do Marín C.F. e do C. Juventud Cambados, obrigou a reformular a composición e o formato de competición previsto iniciamente. Despois de contactar con todos os clubes que participaran na liga regular de fútbol-7 feminino nas área de Vigo e Pontevedra, para coñecer a intención de cada un deles de cara a parte final da temporada, o delegado da Federación en Pontevedra, Jaime Otero, estivo traballando intensamente nos últimos días para configurar o campionato, que deseñou baseándose fundamentalmente en criterios como a clasificación na primeira fase da liga e a proximidade entre os equipos participantes. O Armenteira C.F., que sempre manifestou a súa disposición de continuar participando na competición oficial que se establecese ata final de temporada, parte coas máximas aspiracións nun torneo que dará comezo a fin de semana do 22 de abril e que finalizará a fin de semana do 27 de maio, coincindo curiosamente coa celebración das eleccións municipais. A primeira cita para as mozas que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado será ante o cadro ponteareán do Sporting Club San Mateo, a priori o rival de menor potencial do grupo, mentres o último partido da competición para o conxunto verdinegro será en Tui, onde se medirán ao que, en principio, parece como o adversario máis complicado, o Tyde F.C. Con todo, aínda que os pronósticos poden situar ao Armenteira C.F. como o principal favorito a alzarse co título, desde a entidade de A Armenteira apelan á prudencia e á cautela, dado que a inactividade das últimas semanas e os problemas físicos que arrastra algunha das xogadoras poden condicionar o rendemento do equipo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario