FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - GODOS C.F. VETERANOS - 2 - 5
O Armenteira Veteranos non termina de levantar cabeza. Moitas son as dificultades ás que ten que facer fronte nesta temporada, principalmente ás importantes e numerosas ausencias, un feito que se ve claramente reflectido na clasificación do equipo. Se a temporada pasada o cadro de O Leixo estaba a estas alturas da campaña loitando por meterse nas prazas que daban acceso á promoción de ascenso, na actualidade atópase na parte baixa da táboa, afundido na clasificación, sen mostrar practicamente ningún atisbo de reacción. No encontro deste sábado, ante o Godos C.F. Veteranos, a situación non variou respecto das anteriores citas. O equipo tratou de manter o tipo, cunha actitude digna e resistiu ata que as dificultades fixeron imposible seguir competindo por obter un resultado postivo. Nin sequera o acerto ofensivo de Rubén, principal referencia dos verdinegros en ataque esta temporada, serviu para conservar polo menos algún punto.
Desde o inicio, o Godos C.F. Veteranos asumiu a súa condición de favorito. Fíxose co control da posesión, mentres o Armenteira Veteranos agardaba agazapado no seu campo, coa esperanza de artellar unha acción de contragolpe que contactase coa velocidade e a pegada de Rubén na zona de vangarda. Non houbo ocasións claras de gol ata que, nun balón perdido polos verdinegros ao realizar un saque de banda, Álvaro Abalo irrumpe polo centro da defensa local para presentarse ante Sirra e bater ao gardamallas de Couso. Tratou de sobrepoñerse a este mazazo o cadro verdinegro, pero as súas debilidades impedían modificar a disposición táctica e o plantexamento, polo que de novo fiaba o seu porvir no encontro ao éxito dalgunha acción de contragolpe. Só en accións illadas, ou en xogadas a balón parado puido poñer en apretos aos caldenses, que tampouco dispuxeron de oportunidades de certo perigo nos minutos restantes deste primeiro período.
Tras o descanso, a coxuntura complicábanse tremendamente para o Armenteira Veteranos. As obrigas laborais e de índole persoal obrigaban a Sirra e a Fernando a abandonar o encontro, deixando desguarnecido ao seu equipo para a segunda metade. Óscar Muñiz poñía as luvas e colocábase baixo paus, unha improvisada defensa de tres, con Javi como líbero e Moncho e Óscar Barreiro como marcadores, eran o parapeto ao que un conxunto con dez futbolistas sobre o campo confiaba a súa sorte para os últimos corenta e cinco minutos. Con todo, a capacidade de resistencia do Armenteira Veteranos púxose de manifesto nada máis comezar o segundo período. Unha recuperación de balón cando os de Godos intentaban iniciar o xogo pola zona do lateral esquerdo rematou co coiro nos pés de Rubén, que recibiu en velocidade e empalmou un potente disparo desde o lado dereito do ataque ante o que nada puido facer o meta Manuel González. O empate non era un mal resultado para o Armenteira Veteranos, que intentaba contemporizar e manter polo menos o punto. Pero nunha acción na que os locais mostraron certa endebleza defensiva, un atacante do Godos caía na área tras recortar a Óscar Barreiro. Por fortuna para os verdinegros a pena máxima decretaba polo colexiado grovense Cacabelos Iglesias impactaba co pau dereito da meta defendida por Óscar Muñiz. Pero a resistencia dos de A Armenteira, en inferioridade numérica e afectados polo cansanzo nunha tarde no que o sol apretaba con bastante intensidade, viuse abaixo cando Álvaro Abalo aproveitou a falta de contundencia en defensa dos locais para colocar o un a dous. De novo en accións similares, o propio Álvaro Abalo anotaría dous tantos máis, que deixaban sentenciado o partido. Rubén, nunha xogada individual, na que se desfixo de varios adversarios, e na que se atopou cunha parada do cancerbeiro Manuel González en primeira instancia, remachaba o esférico cara ao fondo da rede para situar o dous a catro. Non había apenas opcións de remontada para un Armenteira Veteranos que administraban as escasas forzas que lle quedaban para tratar de maquillar o máis posible o resultado. Pero co equipo envorcado sobre a área rival, novamente Álvaro Abalo recibía en profundidade, e rompendo a liña do fora de xogo dos locais, emprendía unha carreira cara a meta de Óscar Muñiz, ao superaba con medido lanzamento que poñía o dous a cinco que resultaría definitivo.
Esta derrota deixa o Armenteira Veteranos na undécima posición, con doce puntos. Na próxima fin de semana a escadra verde e negra deberá visitar o campo de As Chans, para medirse á S.D. Puentearnelas, no que será un novo duelo de rivalidade entre dous conxuntos veciños e sobradamente coñecidos, no que de os de A Armenteira tratarán de recuperar algún efectivo para poder competir nas mellores condicións posibles ante os da ribeira do río Umia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario