Buscar neste blog

sábado, 29 de abril de 2023

Triunfo axustado do Armenteira Veteranos ante o Castrelo C.F. Veteranos para despedir oficialmente a temporada en O Leixo

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - CASTRELO C.F. VETERANOS - 2 - 1


ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro; Galiñanes, Javi, Junior, Víctor; Rubén e Suso. Tamén xogou Carlos Muñiz.

GOLES: 1-0. Minuto 25. Rubén. 1-1. Minuto 40. Óscar Chaves. 2-1. Minuto 50. Rubén.

ÁRBITRO: Carballal Pérez. Non mostrou cartóns amarelos aos xogadores de ambos os dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da vixésimo quinta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns trinta espectadores, nunha tarde co ceo cuberto, con néboa, e lixeiramente calorosa e sobre un terreo de xogo de terra nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira C.F. Veteranos continúa nunha boa xeira de resultados. Dúas vitorias consecutivas encadea o cadro verde e negro. Tras a vitoria da pasada fin de semana en As Chans, ante a S.D. Puentearnelas, este sábado volveron repètir triunfo, e de novo ante un equipo veciño e sobradamente o coñecido, o Castrelo C.F. Veteranos. E, como nas últimas xornadas o triunfo verdinegro ten un nome propio: Rubén. O atacante de Caroi atópase nun espléndido momento de forma e tras a baixa pòr lesión de Jorge Castro, principal referencia ofensiva do Armenteira Veteranos nas últimas temporadas, decidiu asumir os galóns de líder no ataque do equipo. Ao igual que na pasada xornada, Rubén foi o autor dos dous tantos que permitiron que os tres puntos se quedaran en A Armenteira. Foron dous tantos, que ben puideron ser máis de ter a fortuna de cara nas diversas ocasións das que gozou, nun encontro que foi en xeral equilibrado e no que a diferenza a marcou a mordente nos metros finais de Rubén.

Desde o inicio xa se auguraba un partido igualado. O Castrelo C.F. Veteranos quería apostar por un fútbol máis combinativo, aínda que pecaba de falta de profundidade en ataque. Pola contra, o Armenteira Veteranos agardaba a presión tras perda para armar accións de contragolpe que conectasen coa velocidade e coa capacidade de desborde de Rubén nas proximidades da área rival. No medio deste equilibrio, ningún dos dous conxuntos non era quen de xerar ocasións claras de gol. Pero unha acción puido variar o rumbo do encontro. Nun penalti sinalizado por Carballal Pérez, Dioni, tantas veces verdugo do Armenteira Veteranos cando se atopaban cos de Castrelo, enviou o coiro por fóra, á dereita do pau da meta defendida por Sirra. O erro de Dioni na pena máxima supuxo un alivio para os locais, que viviron uns momentos de desconcerto, que lograron superar tras unha combinación polo costado dereito, no que unha precisa asistencia de Galiñanes permitiu a Rubén recibir en carreira e bater ao gardamallas Juan Carlos Insua. Cando parecía que os verde e negros encarrilaban o encontro, nunha falta colgada na área dos de A Armenteira, sen aparente perigo, o despite na marcaxe, facilitou que Óscar Chaves controlase o balón, se xirase e enviase un preciso disparo contra a rede da portería local. Restaban apenas cinco minutos para o descanso e non houbo tempo de reacción para o Armenteira Veteranos.

Houbo que agardar ao comezo do segundo período para que os de O Leixo tomasen de novo vantaxe. Unha rápida transición en ataque fixo chegar o coiro a Rubén, que empalmou un potente lanzamento que colocou no fondo da portería do Castrelo C.F. Veteranos. De novo nunha situación favorable, o Armenteira Veteranos non podía permitirse errar. Con todo, os locais non acababan de facerse co control do xogo no mediocampo e recurrían con exceso aos balóns e elevados e a un fútbol directo. Nesas circunstancias, as xogadas que atopaban a Rubén en ataque non acadaban a precisión necesaria, xa que, ademais, o dianteiro de Caroi tiña que facer fronte a solidez dos defensores cambadeses nos envíos frontais. Si podía superalos en velocidade, pero faltaba conexión entre a liña de creación e a punta de ataque. Tampouco inquedaron demasiado os de Castrelo neste segundo período, e os principais apuros para os verdinegros estiveron nos lanzamentos a balón parado, nos que as dúbidas á hora de despexar posibilitaron que o rival tivese algunha opción de empatar. Tamén dispuxo de ocasións para ampliar vantaxe o Armenteira Veteranos, pero nin Galiñanes, nin sobre todo Rubén, tiveron o acerto suficiente para lograr o que sería o tanto da igualada. Un choque no que o centrocampista dos de Castrelo Miguel Pazo caeu desvanecido sobre o terreo de xogo, causándolles dificultades para respirar durante uns intres, xa nos últimos minutos, foi o acontecemento máis reseñable da recta final dun partido no que o Armenteira Veteranos volvía alcanzar os tres puntos en O Leixo, despois de varios meses sen conseguilo.

Con esta vitoria, a escadra verde e negra sitúase na décima posición, con dezaoito puntos. Á espera do que ocorra cos corenta e cinco minutos que faltarían por disputar do encontro ante o Salud S.D. Veteranos, que fora suspendido debido á lesión do colexiado, e que, en principio ía xogarse este luns, 1 de maio, quedaría unicamente un partido en xogo. Se finalmente non se disputa o partido do próximo luns, o Armenteira Veteranos poñería o colofón á liga 2022/2023, tamén ante o Salud S.D. Veteranos, pero neste caso visitando o campo Municipal de Campaña, en Valga, a onde os verdinegros deberán desprazarse na xornada do sábado, 6 de maio, para medirse de novo a un rival directo, ao que superarían na táboa que traer os tres puntos das terras do Ulla.



Ningún comentario:

Publicar un comentario