A forte choiva que caiu na mañá deste sábado foi o principal adversario ao que tiveron que facer fronte os xóvenes futbolistas dos equipos de categoría benxamín do Moraña C.F. e do Armenteira C.F. O líquido elemento estivo presente en todo momento nun encontro no o cadro que adestran Luis e Alba Barral compareceron coa importante baixa na zona defensiva de Saray. Sobre o anegado céspede artificial de O Buelo o conxunto local saiu coa intención de ter a iniciativa dende os primeiros intres. O Armenteira C.F. trataba de manterse ordenado no seu campo, apoiándose na seguridade que lle outorga Sara Otero baixo paus e buscando a profundidade de Brais Charlín polo costado esquerdo e o pundonor de Ainhoa na punta de ataque. Pero unha serie de erros defensivos, que deixaron desprotexida a zona central da zaga, permitiron aos locais abrir brecha no marcador. Unha bonita combinación entre Brais Charlín e Ainhoa, foi finalizada cun potente disparo do primeiro, o que mantiña as esperanzas da afección que se desprazou dende A Armenteira. Pero a escadra vermella volveuse a mostrarse implacable nos metros finais e encargouse de acabar con estas esperanzas. Cun resultado de cinco a cero ao descanso o encontro estaba practicamente sentenciado. Na segunda metade o terreo de xogo convertiuse nunha auténtica poza, máis axeitada para a práctica de calquera deporte náutico que para o balompé. Con todo o seu ímpetu e tesón os xogadores e xogadoras de ámbolos dous conxuntos procuraban desprazar a duras penas un balón que a auga se empeñaba en frear. Nas poucas ocasións nas que os de Moraña se achegaron á meta que na segunda metade defendeu Borja conseguiron dous novos tantos que fixaron o sete a un co que remataron os cincuenta minutos, un resultado excesivamente abultado tendo en conta o visto sobre as modernas instalacións deportivas de O Buelo. A próxima fin de semana a formación verdinegra recibirá a visita do líder da categoría, o Meaño F.C., no que será un duelo de rivalidade dada a proximidade entre ámbalas dúas localidades, pero con claro favoritismo para o conxunto visitante.
Buscar neste blog
sábado, 12 de novembro de 2016
Triunfo sen paliativos do equipo infantil do C.D. Ribadumia en O Leixo
O C.D. Ribadumia impúxose por un gol a seis no partido que disputou ante o equipo infantil do Armenteira C.F. na mañá deste sábado no campo de O Leixo. O cadro que adestran Pablo Torres e Roberto Pérez, líder destacado do grupo 9, quixo deixar clara dende o inicio o seu maior potencial. Sobre unha superficie do terreo de xogo embarrada, baixo unha intensa chuvia e no medio dunha espesa néboa, feitos que condicionaron e desluciron o espectáculo, a escadra aurinegra logrou ir cunha vantaxe de cero goles a catro ao descanso ante un Armenteira C.F. que non conseguiu entrar no encontro en ningún momento. Nin sequera o gol de Mosteiro avanzada a segunda metade conseguiu sacar da indolencia aos rapaces e rapazas que adestra Valentín Estévez "Tilín", que tiveron que ademais das numerosas adversidades tiveron que facer fronte ás sensibles baixas de Xoán e Migui, que debilitaron aínda máis a zona defensiva. A próxima fin de semana o equipo verdinegro terá outra difícil cita. Será no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F., outro dos conxuntos chamados a loitas polos postos de privilexio e ante o que buscará aumentar a cifra de dez puntos cos que conta na actualidade.
domingo, 6 de novembro de 2016
Primeira vitoria da temporada do C.D. Unión ante un desafortunado equipo feminino do Armenteira C.F.
O C.D. Unión estreou o seu casilleiro de vitorias no que levamos de temporada ante o Armenteira C.F. Ámbalas dúas escadras saltaban ao terreo de xogo do campo de As Vilas coa intención de acadar os seus primeiros puntos. Pero axiña a inexperiencia, a falta de contundencia defensiva e os erros nos despexes decantaron o partido para as rianxeiras. Cando se levaban apenas vinte minutos de xogo o cadro local xa levaba unha vantaxe de dous goles a cero. A remontada parecía imposible para un conxunto verdinegro que apenas era capaz de aproximarse á meta defendida por Laura Gómez. No segundo período o once de Rianxo lograría tres tantos máis ata conformar o resultado de cinco goles a cero co que rematarían os noventa minutos. Como nota chamativa para o Armenteira C.F. está o debut na competición ligueira de Séfora, que non acaba de superar os problemas físicos que arrastra dende a pretemporada. A próxima fin de semana as rapazas que adestra Marcial Prado recibirán a visita doutra escadra da comarca da Barbanza, a E.F.M. Concello de Boiro, líder destacada do grupo e que conta todos os seus partidos por vitorias.
Arrolladora vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. en Berdón
O campo de Berdón foi o escenario da segunda vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. na presente temporada. O cadro que adestra Valentín Estévez "Tilín" impúxose na mañá deste domingo de forma clara á A.D. Arousa F-7. O encontro, que se convertiu nun clásico das categorías de fútbol base comarcal, viña aderezado pola boa relación que tradicionalmente manteñen as dúas entidades e pola presenza nas filas da escadra amarela de Rubén García, xogador durante as tres últimas temporadas do Armenteira C.F. A superioridade que facía agardar a diferenza na clasificación entre ámbolos dous conxuntos comezouse a mostrar xa dende a primeira metade. Piñeiro e Jose Otero poñían en vantaxe aos verdinegros antes de chegarse ao descanso. No segundo período a formación de O Leixo seguiu ampliando o marcador. Santi cun disparo dende fóra da área, Álex Ruel resolvendo na área unha xogada iniciada por el mesmo, Hugo recollendo un rexeitamento do longueiro, Sebas cunha volea dende a frontal da área e Kevin en dúas ocasións, a última delas cun lanzamento dende a zona do córner, puxeron o resultado final de cero goles a oito. Esta vitoria coloca aos de Tilín no oitavo posto con dez puntos. A visita do líder, o C.D. Ribadumia na próxima xornada porá a proba aos rapaces e rapazas da entidade verdinegra, que este ano parten cunhas expectativas moderadamente elevadas, e que deberán confirmar ante o potente equipo aurinegro.
O vendaval ofensivo do equipo alevín do Armenteira C.F. sentenza na primeira metade en O Pombal
O equipo alevín conseguiu unha abultada vitoria no partido disputado na mañá deste domingo no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados. Un cero a sete que deixa ben ás claras a superioridade que exhibiron os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral. Seis deses goles foron anotados nunha primeira metade na que os de A Armenteira mostraron maior intensidade e maior fortaleza física. Manu Meixús, que volveu ser un auténtico pesadelo para os rivais pola banda dereita, inauguraba o marcador ao culminar unha xogada individual. Logo virían os catro tantos de Adri, que foi letal neste primeiro período ocupando a posición de dianteiro centro, o bonito gol de Javi, colocando un lanzamento con rosca pegado ao pau esquero da meta defendida por Roi Pena. No segundo tempo Luis Barral aproveitou a vantaxe no marcador para facer probas e profundizar no traballo táctico do equipo, e non sería ata os intres finais cando Manu Meixús, de novo tras unha xogada individual, pechaba o marcador. Este triunfo sitúa ao equipo verdinegro na sexta posición con seis puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana, no campo de O Leixo, á Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, unha entidade deportiva que leva traballando dende fai uns anos na localidade de Portonovo, centrada fundamentalmente ata agora no fútbol-sala, e que esta temporada decidiu ampliar o seu proxecto e adentrarse no mundo do fútbol-base.
sábado, 5 de novembro de 2016
Goleada do Armenteira Veteranos en As Lombas
O Armenteira Veteranos logrou unha clara e contundente vitoria no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de As Lombas ante o Fonte da Garza-Catoira Veteranos. Cun plantel case ao completo, coa única baixa do central Óscar, o cadro que capitanea José Luis Galiñanes presentouse en terras viquingas cun once inicial formado por Joserra baixo paus, con Moncho, Marcos, Portas e Jorge Dávila na liña defensiva, con Cacabelos, Martín e Javi na zona central do mediocampo e con Marcial, Pellejo e Manueliño en ataque. Dende os primeiros minutos o encontro tivo clara cor verdinegra. O dominio do balón correspondía ao Armenteira Veteranos e o xogo desenvolvíase no terreo de xogo dos de Catoira. Pero a falta de fluidez na circulación do balón e de acerto nos metros finais comezaban a extender o nerviosismo entre os visitantes, que vían como o seu dominio non era suficiente para tomar vantaxe no marcador. Unha combinación en ataque que saiu das botas de Pellejo e acabou nun centro dende a banda esquerda de Manueliño, era culminada por Javi e poñía por diante ao Armenteira Veteranos. Cacabelos, que segue exhibindo un excelente estado de forma, colaba no fondo da rede un potente disparo dende fóra da área. Parecía que se abría camiño á sentenza do partido, pero nunha aproximación dos locais, un lanzamento dende o costado esquerdo botaba diante das luvas de Joserra e apretaba o marcador. Antes do descanso Jorge Castro encargábase de facer retornar a tranquilidade aos corazóns verdinegros e, xa na segunda metade dous novos goles do dianteiro de Vilar, un de Moncho, nunha espléndida cabezada tras un saque de córner, outros de Manueliño e Galiñanes, sumaban os oito que acabaron figurando no marcador final. Entre medias, o Fonte da Garza- Catoira Veteranos, lograba un segundo tanto da honra ante a relaxación da defensa visitante. Esta vitoria mantén ao Armenteira Veteranos na sexta posición con dezaséis puntos. O próximo sábado a escadra verdinegra deberá recibir a visita do Cafetería Vilariño-Cambados, quinto clasificado con dezasete puntos.
Un triunfo que sabe a gloria para o equipo benxamín do Armenteira C.F.
A pasada temporada foi unha temporada dura para os rapaces e rapazas que formaron parte do equipo benxamín do Armenteira C.F. A inexperiencia, a xuventude e a crueldade dun campionato de liga no que foron emparellados con conxuntos con máis recursos e potencial, provocaban que partido a partido a derrota fose a tónica habitual daquel grupo que estaba nas mans de Valentín Estévez "Tilín". Había rivais que incluso lles endosaban escandasolas goleadas, dando lugar a resultados humillantes, nunha mostra do pouco respecto que se segue observando en moitos campos e que cada vez máis voces denuncian por ir en contra do carácter formativo que debe primar no fútbol base. Nesta temporada o panorama non parecía moi distinto. Cun plantel no que volvía predominar a inexperiencia, con catro xogadores de categoría prebenxamín e coas dificultades ás que tradicionalmente deben enfrontarse os equipos das categorías iniciais do Armenteira C.F. o feito de conseguir puntuar antollábase un reto máis ca compricado. Pero co paso dos partidos a sufrida afección que o segue cada fin de semana comezaba a observar detalles que parecían abrir a porta á esperanza.
No encontro que este sábado disputaron no campo de O Leixo ante o C.D. Mosteiro os nenos e nenas que nesta campaña dirixen Luis e Alba Barral lograron un gran triunfo, non só por ser o primeiro que logran no presente campionato de liga, senón porque vén a ser o merecido premio a días e días de duro traballo en partidos e adestramentos e de resignación ante as continuas derrotas. Ante o escaso público que acudiu ao campo situado no lugar de O Busto os dous conxuntos ofreceron un intenso e emocionante espectáculo. A primeira metade foi de dominio local. O xogo desenvolveuse durante a maior parte do tempo no terreo do xogo no campo defendido polo cadro da capital municipal. Dous contragolpes que pillaron descolocada á defensa verdinegra daban vantaxe ao C.D. Mosteiro. Pero volveu aparecer Brais Charlín, recibindo un balón en profundidade e definindo coa calidade que acostuma este xoven futbolista. A continuación Ainhoa igualaba o marcador aproveitándose dun despexe do meta visitante, pouco antes de que os de O Mosteiro lograsen un novo tanto que os levaba cun triunfo momentáneo ao descanso. Na segunda metade o dominio foi máis alterno. Unha nova aparición de Brais Charlín, resolvendo unha xogada individual, colocaba o tres a tres no marcador, e, cando todo facía pensar que ía producirse finalmente un reparto de puntos, pero a pelexa de Ainhoa en ataque, fixo que se levase un balón e o acabase introducindo no interior das mallas defendidas por Joel Cousido.
O catro a tres que reflectiu o marcador final é unha mostra da igualdade que se observou sobre a superficie de terra de O Leixo, unha igualdade que se exhibiu no terreo de xogo pero que non existe noutros aspectos. Mentres que os rapaces e rapazas de A Armenteira seguen adestrando e xogando nunhas instalacións propias do século pasado, o fútbol base do C.D. Mosteiro, que xa dispón dun moderno complexo na parroquia, o campo Municipal de Zacande, poderá disfrutar dende finais deste ano dun tapete de céspede artificial no campo Municipal de Meis, a aproximadamente un quilómetro das instalacións que vén utilizando nas últimas décadas. O deporte en A Armenteira segue sendo vítima do esquecemento e da xestión pouco equitativa das distintas administracións públicas, que nin en tempos de bonanza e de suculentos investimentos tiveron en conta as peticións dos numerosos afeccionados á práctica deportiva que hai na parroquia, e que tampouco agora, cando os proxectos teñen que ser obrigatoriamente máis modestos, reciben a atención e o apoio que se merecen. Contra todo isto só queda seguir loitanto, e a elo adicaranse os nenos e nenas do equipo benxamín do Armenteira C.F. que a próxima fin de semana se desprazarán ata o campo de O Buelo para medirse á escadra local do Moraña C.F., que se atopa no sexto posto, un por enriba da formación que comandan Luis e Alba Barral.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






