No encontro que este sábado disputaron no campo de O Leixo ante o C.D. Mosteiro os nenos e nenas que nesta campaña dirixen Luis e Alba Barral lograron un gran triunfo, non só por ser o primeiro que logran no presente campionato de liga, senón porque vén a ser o merecido premio a días e días de duro traballo en partidos e adestramentos e de resignación ante as continuas derrotas. Ante o escaso público que acudiu ao campo situado no lugar de O Busto os dous conxuntos ofreceron un intenso e emocionante espectáculo. A primeira metade foi de dominio local. O xogo desenvolveuse durante a maior parte do tempo no terreo do xogo no campo defendido polo cadro da capital municipal. Dous contragolpes que pillaron descolocada á defensa verdinegra daban vantaxe ao C.D. Mosteiro. Pero volveu aparecer Brais Charlín, recibindo un balón en profundidade e definindo coa calidade que acostuma este xoven futbolista. A continuación Ainhoa igualaba o marcador aproveitándose dun despexe do meta visitante, pouco antes de que os de O Mosteiro lograsen un novo tanto que os levaba cun triunfo momentáneo ao descanso. Na segunda metade o dominio foi máis alterno. Unha nova aparición de Brais Charlín, resolvendo unha xogada individual, colocaba o tres a tres no marcador, e, cando todo facía pensar que ía producirse finalmente un reparto de puntos, pero a pelexa de Ainhoa en ataque, fixo que se levase un balón e o acabase introducindo no interior das mallas defendidas por Joel Cousido.
O catro a tres que reflectiu o marcador final é unha mostra da igualdade que se observou sobre a superficie de terra de O Leixo, unha igualdade que se exhibiu no terreo de xogo pero que non existe noutros aspectos. Mentres que os rapaces e rapazas de A Armenteira seguen adestrando e xogando nunhas instalacións propias do século pasado, o fútbol base do C.D. Mosteiro, que xa dispón dun moderno complexo na parroquia, o campo Municipal de Zacande, poderá disfrutar dende finais deste ano dun tapete de céspede artificial no campo Municipal de Meis, a aproximadamente un quilómetro das instalacións que vén utilizando nas últimas décadas. O deporte en A Armenteira segue sendo vítima do esquecemento e da xestión pouco equitativa das distintas administracións públicas, que nin en tempos de bonanza e de suculentos investimentos tiveron en conta as peticións dos numerosos afeccionados á práctica deportiva que hai na parroquia, e que tampouco agora, cando os proxectos teñen que ser obrigatoriamente máis modestos, reciben a atención e o apoio que se merecen. Contra todo isto só queda seguir loitanto, e a elo adicaranse os nenos e nenas do equipo benxamín do Armenteira C.F. que a próxima fin de semana se desprazarán ata o campo de O Buelo para medirse á escadra local do Moraña C.F., que se atopa no sexto posto, un por enriba da formación que comandan Luis e Alba Barral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario