O Armenteira Veteranos logrou unha clara e contundente vitoria no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de As Lombas ante o Fonte da Garza-Catoira Veteranos. Cun plantel case ao completo, coa única baixa do central Óscar, o cadro que capitanea José Luis Galiñanes presentouse en terras viquingas cun once inicial formado por Joserra baixo paus, con Moncho, Marcos, Portas e Jorge Dávila na liña defensiva, con Cacabelos, Martín e Javi na zona central do mediocampo e con Marcial, Pellejo e Manueliño en ataque. Dende os primeiros minutos o encontro tivo clara cor verdinegra. O dominio do balón correspondía ao Armenteira Veteranos e o xogo desenvolvíase no terreo de xogo dos de Catoira. Pero a falta de fluidez na circulación do balón e de acerto nos metros finais comezaban a extender o nerviosismo entre os visitantes, que vían como o seu dominio non era suficiente para tomar vantaxe no marcador. Unha combinación en ataque que saiu das botas de Pellejo e acabou nun centro dende a banda esquerda de Manueliño, era culminada por Javi e poñía por diante ao Armenteira Veteranos. Cacabelos, que segue exhibindo un excelente estado de forma, colaba no fondo da rede un potente disparo dende fóra da área. Parecía que se abría camiño á sentenza do partido, pero nunha aproximación dos locais, un lanzamento dende o costado esquerdo botaba diante das luvas de Joserra e apretaba o marcador. Antes do descanso Jorge Castro encargábase de facer retornar a tranquilidade aos corazóns verdinegros e, xa na segunda metade dous novos goles do dianteiro de Vilar, un de Moncho, nunha espléndida cabezada tras un saque de córner, outros de Manueliño e Galiñanes, sumaban os oito que acabaron figurando no marcador final. Entre medias, o Fonte da Garza- Catoira Veteranos, lograba un segundo tanto da honra ante a relaxación da defensa visitante. Esta vitoria mantén ao Armenteira Veteranos na sexta posición con dezaséis puntos. O próximo sábado a escadra verdinegra deberá recibir a visita do Cafetería Vilariño-Cambados, quinto clasificado con dezasete puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario