A forte choiva que caiu na mañá deste sábado foi o principal adversario ao que tiveron que facer fronte os xóvenes futbolistas dos equipos de categoría benxamín do Moraña C.F. e do Armenteira C.F. O líquido elemento estivo presente en todo momento nun encontro no o cadro que adestran Luis e Alba Barral compareceron coa importante baixa na zona defensiva de Saray. Sobre o anegado céspede artificial de O Buelo o conxunto local saiu coa intención de ter a iniciativa dende os primeiros intres. O Armenteira C.F. trataba de manterse ordenado no seu campo, apoiándose na seguridade que lle outorga Sara Otero baixo paus e buscando a profundidade de Brais Charlín polo costado esquerdo e o pundonor de Ainhoa na punta de ataque. Pero unha serie de erros defensivos, que deixaron desprotexida a zona central da zaga, permitiron aos locais abrir brecha no marcador. Unha bonita combinación entre Brais Charlín e Ainhoa, foi finalizada cun potente disparo do primeiro, o que mantiña as esperanzas da afección que se desprazou dende A Armenteira. Pero a escadra vermella volveuse a mostrarse implacable nos metros finais e encargouse de acabar con estas esperanzas. Cun resultado de cinco a cero ao descanso o encontro estaba practicamente sentenciado. Na segunda metade o terreo de xogo convertiuse nunha auténtica poza, máis axeitada para a práctica de calquera deporte náutico que para o balompé. Con todo o seu ímpetu e tesón os xogadores e xogadoras de ámbolos dous conxuntos procuraban desprazar a duras penas un balón que a auga se empeñaba en frear. Nas poucas ocasións nas que os de Moraña se achegaron á meta que na segunda metade defendeu Borja conseguiron dous novos tantos que fixaron o sete a un co que remataron os cincuenta minutos, un resultado excesivamente abultado tendo en conta o visto sobre as modernas instalacións deportivas de O Buelo. A próxima fin de semana a formación verdinegra recibirá a visita do líder da categoría, o Meaño F.C., no que será un duelo de rivalidade dada a proximidade entre ámbalas dúas localidades, pero con claro favoritismo para o conxunto visitante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario