Buscar neste blog

domingo, 6 de novembro de 2016

Primeira vitoria da temporada do C.D. Unión ante un desafortunado equipo feminino do Armenteira C.F.

O C.D. Unión estreou o seu casilleiro de vitorias no que levamos de temporada ante o Armenteira C.F. Ámbalas dúas escadras saltaban ao terreo de xogo do campo de As Vilas coa intención de acadar os seus primeiros puntos. Pero axiña a inexperiencia, a falta de contundencia defensiva e os erros nos despexes decantaron o partido para as rianxeiras. Cando se levaban apenas vinte minutos de xogo o cadro local xa levaba unha vantaxe de dous goles a cero. A remontada parecía imposible para un conxunto verdinegro que apenas era capaz de aproximarse á meta defendida por Laura Gómez. No segundo período o once de Rianxo lograría tres tantos máis ata conformar o resultado de cinco goles a cero co que rematarían os noventa minutos. Como nota chamativa para o Armenteira C.F. está o debut na competición ligueira de Séfora, que non acaba de superar os problemas físicos que arrastra dende a pretemporada. A próxima fin de semana as rapazas que adestra Marcial Prado recibirán a visita doutra escadra da comarca da Barbanza, a E.F.M. Concello de Boiro, líder destacada do grupo e que conta todos os seus partidos por vitorias.


Ningún comentario:

Publicar un comentario