Buscar neste blog

mércores, 31 de agosto de 2016

Esperanzador debut do equipo feminino do Armenteira C.F.

O campo de O Pombal acolleu na tarde deste mércores o primeiro partido do equipo feminino do Armenteira C.F ante o C. Xuventude Cambados.  O evento, que tanta expectación levantou nos últimos días, reuniu nas instalacións deportivas cambadesas a un numeroso público desexoso de ver a posta en escena destes dous conxuntos. O nerviosismo típico dunha cita como esta notouse nos minutos iniciais, nos que as locais tiveron o control do xogo ante un Armenteira C.F. que trataba de manterse ordeado e alonxar o balón das inmediacións da meta defendida por Uxía, recurrindo sobre todo aos balóns longos enviados dende a zona defensiva por Aless, que buscaban unha e outra vez a velocidade na punta de ataque de Ana Martínez. A lesión de Uxía permitiu dar a oportunidade baixo os paus a Karla, a cal tampouco conseguiu evitar que o C. Xuventude Cambados fose tomando vantaxe no marcador. Na segunda metade o cadro verdinegro adiantou liñas e foi logrando que o xogo se desenvolvese durante máis tempo na parcela do campo defendida polas xogadoras amarelas. Chegaron as ocasións, pero a mala fortuna impediu que Ana Martínez, a futbolista máis incisiva das visitantes, conseguise perforar a meta cambadesa. O resultado final, de oito tantos a cero, non é máis ca unha anécdota neste punto de partida dun proxecto que augura grandes éxitos á entidade de O Leixo. O traballo e a ilusión deste grupo de rapazas de seguro que non tardará en dar os seus froitos. E non haberá que agardar moito para elo, xa que o próximo domingo teñen outra importante cita, o Torneo Feminino Fútbol-11 - Fundación S.C.D. Salcedo, no que compartirán competición coa S.C.D. Pontecaldelas e co conxunto local da S.C.D. Salcedo.


martes, 30 de agosto de 2016

O Pombal acolle o debut do equipo feminino do Armenteira C.F.

O campo de O Pombal-2, en Cambados, acolle este mércores 31 de agosto, a partires das 21 horas, o debut do equipo feminino do Armenteira C.F. O rival, o C. Xuventude Cambados, é un conxunto que, ao igual que a escadra verdinegra, se estrea na competición ligueira, na que compartirá grupo coas de A Armenteira. A diferenza das visitantes, as cambadesas levan xa disputado algún partido amigable durante esta pretemporada, polo que de seguro serán un duro opoñente para as rapazas que adestran Marcial Prado e Iván Borrageiros. A expectación que está levantando a creación do equipo feminino da entidade de O Leixo fará que sexan moitos os afeccionados e afeccionadas que acudan ao Pombal para apoiar a este grupo de xóvenes futbolistas.


luns, 29 de agosto de 2016

En A Armenteira o fútbol tamén é cousa de mulleres

Dunha conversa de cafetería, da mente sempre bulideira de Iván, da iniciativa dunha renovada e atrevida Xunta Directiva e, sobre todo, da proposta dun grupo de rapazas da parroquia e da contorna, así é como naceu a interesante e innovadora idea que o Armenteira Club de Fútbol vai levar a cabo esta temporada: a creación dun equipo feminino. Elas son Aida, Alba, Aless, Ana, Azahara, Carla, Laura, Mar, María, Naomi, Nerea, Patricia, Raquel, Séfora ou Uxía, todas elas baixo a coordinación doutra muller, Nuria. Con idades comprendidas os catorce e os vinteséis anos, a xuventude é unhas das notas característas deste grupo de xogadoras. Algunhas delas xa militaron noutros clubes, pero para a maioría delas o partido deste mércores 31 de agosto no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados será a súa primeira experiencia sobre un terreo de xogo. Á fronte do grupo está Marcial Prado, adestrador do equipo cadete do Armenteira C.F. durante os últimos anos e que agora lidera un corpo técnico do que tamén forman parte Iván Borrageiros e Junior Tirado.  A ilusión, as gañas por aprender e por descubrir os moitos segredos que garda o mundo do balompé, así como a súa actitude positiva e construtiva e a súa implicación co clube ao que representan fan do Armenteira C.F. Féminas un proxecto no que a Xunta Directiva, a masa social e, en xeral, a gran familia que é este clube, teña depositadas moitas esperanzas para lograr que o auxe de o fútbol feminino se extenda tamén por unha parroquia que emerxeu oficialmente para o fútbol aló por 1995 e que na súa historia tivo futbolistas do nivel de Eva López, internacional coa selección galega en varias ocasións, e que na actualidade conta nas súas categorías de fútbol base con rapazas como Ainoha, Sara Otero, Sabela, Sara Rey ou Anabel, ás que esta temporada se uniron outras nenas que nos permiten afirmar que o futuro do fútbol feminino en A Armenteira está máis que asegurado.


sábado, 27 de agosto de 2016

A orde e o sacrificio colectivo levan ao triunfo ao Armenteira Veteranos

Nun partido no que o rival partía co claro cartel de favorito e cuns numerosas e importantes baixas o Armenteira Veteranos conseguiu impoñerse, contra todo pronóstico, no campo de A Senra ao Sisán Veteranos. Apoiados na solvencia baixo os paus unha vez máis de Joserra, na contundencia en defensa dun Óscar Portas que vía como no cadro contrario figuraba o seu irmán, no criterio na distribución do xogo no mediocampo de Martín, na eficacia e na capacidade de definición en ataque de Jorge Castro e Manueliño, dous dos dianteiros máis determinantes das ligas de veteranos e, sobre todo, nunha severa orde táctica e nun enorme traballo e sacrificio a nivel colectivo, o Armenteira Veteranos logrou romper os pronósticos e lograr unha vitoria que, a tenor do visto sobre o terreo de xogo de Ribadumia, se pode considerar como merecida. Despois duns minutos iniciais de tanteo con alternativas por ambos bandos, os de Sisán adiantábanse no marcador ao recoller un dos seus atacantes un rexeitamento no interior da área e colocalo pegado ao pau esquerdo, lonxe do alcance das garras de Joserra. Non tardou en respostar o equipo verde e negro, e foi por mediación de Manueliño, ao aproveitar un balón que recibiu ante a saída do meta local. Na segunda metade o Sisán Veteranos tratou de dar a volta a situación dirixido dende a zona medular por Piscis, un mítico xogador cunha traxectoria plagada de éxitos na que militou en clubes de tanta solera como o Vilalonga F.C., o Portonovo S.D. o C. Xuventude Sanxenxo ou incluso o Pontevedra C.F. Piscis e Rubén, o dianteiro máis perigoso dos locais, víanse desesperados unha e outra vez ante a imposibilidade de perforar a sólida defensa dun Armenteira Veteranos que foi facendo valer a súa mellor condición física e acabou resolvendo ao seu favor o encontro con dous novos tantos obra de novo de Manueliño e de Jorge Castro. Este marcador de tres a un final contribúe a reforzar a moral dun conxunto que debe afrontar en dúas semanas o inicio dun campionato ligueiro que se presenta moi esixente e no que terá que enfrontarse a rivais de gran potencial, entre os que se atopa o Sisán Veteranos.


Convincente estreno de pretemporada para o equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. tivo un estreno convincente no primeiro partido da pretemporada 2016 que disputou este sábado no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F. Así o sinalou ao remate do encontro o adestrador  Valentín Estévez "Tilín", que este ano asume o cargo neste equipo, e que valorou positivamente o traballo que realizaron os seus xogadores e xogadoras. Tras uns minutos iniciais de tanteo, o conxunto de O Leixo adiantouse axiña no marcador cun tanto do dianteiro Piñeiro tras unha asistencia de Íñigo. Rapidamente se puxeron mans á obra os locais e conseguiron igualar o marcador, anotando dous tantos máis nos minutos finais da primeira metade ata conformar o tres a un co que se chegaría ao descanso. No segundo período, o técnico cambadés do Armenteira C.F. tratou de afinar un pouco máis as liñas do seu equipo, aínda que o maior potencial físico e a maior experiencia do rival fixo que as aproximacións a unha portería na que Sergio dera paso a Anabel foran cada vez máis frecuentes. Nese período produciuse o agardado debut coa camisola verdinegra do atacante Enilson Jesús que, de todos xeitos, non puido evitar a derrota final por cinco goles a un. A próxima fin de semana a escadra infantil continuará coa súa preparación, e a cita será no partido que o mida o sábado no campo de O Revel ao Vilalonga F.C.


venres, 26 de agosto de 2016

Sisán Veteranos e Armenteira Veteranos vense as caras en A Senra

O campo de A Senra será o escenario no que este sábado, a partires das 20 horas, se vexan as caras o Sisán Veteranos e o Armenteira Veteranos. Ámbolos dous conxuntos compartirán campionato na Segunda Categoría da liga de veteranos que a partires desta temporada organiza a Federación Galega de Fútbol, polo que non perderán a ocasión de tomarse a medida de cara ao próximo duelo ligueiro. O conxunto de Sisán parte a priori como claro favorito, dado o seu maior potencial e a súa experiencia durante os últimos anos en categorias superiores ás dos seus veciños de A Armenteira. As numerosas baixas coas que vai acudir o cadro verdinegro supoñerán unha dificultade engadida para afrontar unha cita na que, como eles mesmos afirman, máis ca o resultado, o importante son as sensacións e a preparación para unha temporada que dará comezo dentro de dúas semanas.


Primeira cita de pretemporada para o novo proxecto de Tilín

O equipo infantil do Armenteira C.F. afronta este sábado, a partires das 12 horas, no campo de As Cachizas, o seu primeiro partido da pretemporada 2016. Será ante o cadro local, o Unión Dena C.F., un conxunto que na pasada temporada contaba cunha ampla nómina de xogadores e xogadoras nesta categoría, o que obrigou ao clube meañés a competir con dous equipos. Valentín Estévez "Tilín", que na pasada campaña dirixiu ao conxunto benxamín da entidade de O Leixo, asume a partires deste verán o mando da formación infantil. O técnico cambadés, sempre fiel ao traballo colectivo e ao xogo combinativo, aproveitará esta cita para facer as probaturas necesarias de cara a unha temporada que de novo se presenta esixente. Durante a semana, "Tilín" insistiu especialmente na preparación física e na disciplina táctica do equipo e agarda que ese traballo comece a dar os seus froitos xa no encontro deste sábado. A escasa amplitude do plantel obrigou ao adestrador de San Tomé a convocar a Íñigo, Adri e Junior, tres xogadores de categoría alevín, pero que xa participaron con relativa frecuencia co equipo infantil durante a pasada temporada.


martes, 23 de agosto de 2016

Pisa non queda tan lonxe

Se máis de 2.000 quilómetros separan a parroquia de A Armenteira da cidade italiana de Pisa, se son moitas as diferenzas entre esta pequena poboación do noroeste da Península Ibérica e a urbe da rexión da Toscana, atopamos algún elemento que nos permite atopar algún lazo en común. Ámbolos dous lugares son importantes centros relixiosos, cun rico pasado e un valioso patrimonio artístico, representado nos dous casos polo estilo románico. O descomunal edificio da catedral da cidade de Pisa, destaca pola brancura do mármore co que foi construido, pola profusión na utilización de columnas e, sobre todo, polo seu campanario. Era característico no románico italiano construír os campanario ou campanile, como se denomina por aqueles lares, como unha estructura independente do edificio principal, tal e como podemos observar en Pisa. Moitos crerán que a torre que alberga as campás desta catedral xa foi construída de forma inclinada, pensando en convertila por aquel entón no importantísimo reclamo turístico que é hoxe en día. Aínda que non foi así, o certo é que a súa inclinación produciuse pouco despois da súa construción no século XII. A inestabilidade do solo no que se asenta, a debilidade dos cimentos e a imperfección coa que foi deseñada déronlle dende fai século esa imaxe tan característica.

Salvando as moitas distancias que nos separan, ás que antes fixemos referencia, en A Armenteira temos un caso similar. Na entrada do lugar de Castiñeira, na estrada que conduce dende o noso famoso mosteiro cisterciense cara a parroquia meañesa de Covas, á man esquerda podemos atopar un cruceiro cunha pose comparable á célebre Torre de Pisa. Os cruceiros son uns dos elementos máis populares e representativos da arte popular galega, e na nosa parroquia están destacan pola súa abundancia e polo seu valor artístico. Adoitaban situarse en encrucilladas e en recintos sagrados e, en A Armenteira, todos os lugares contan polo menos cun cruceiro, algún deles tan peculiar e chamativo como é o caso do de Castiñeira. A inclinación, que o dota deste particular atractivo e que, ao mesmo tempo, fainos pensar en que poida acabar derrubándose, distingue das demais e emparenta a esta modesta construción cun edificio tan coñecido e tan visitado como é a torre do campanario da catedral de Pisa. O cruceiro de Castiñeira, un dos dous que existen nesta aldea, forma parte do conxunto de cruces de pedra que aparecen de forma dispersa por A Armenteira e que, ademais de ser un símbolo da profunda devoción dos nosos devanceiros e da excepcional pericia e habilidade dos nosos canteiros, supoñen un enorme potencial a explotar a nivel cultural e turístico. Unha correcta sinalización, a creación dunha ruta, ben deportiva, ben doutro tipo, que os dea a coñecer, en definitiva, a súa posta en valor de maneira conxunta, deben ser o camiño a seguir para convertir aos cruceiros de A Armenteira, dunha forma similar ao que ocorre en Pisa, nun punto de encontro da arte, da cultura, da relixión, do ocio, do deporte e do turismo.







sábado, 20 de agosto de 2016

Manueliño define no primeiro test de pretemporada para o Armenteira Veteranos

Tres goles de Manueliño marcaron as diferenzas no primeiro partido da pretemporada 2016 para o Armenteira Veteranos. O dianteiro de O Busto volveu ser decisivo e impuxo as súas excelentes condicións físicas para derrotar a un Mourente Veteranos que en todo momento se mostrou inferior, pese a que o conxunto local rendiu a un nivel bastante inferior ao seu potencial. Nun encontro típico de pretemporada, cun ritmo lento e con moitas imprecisións, os de O Leixo lograron adiantarse no marcador, pero, un despiste na saída do balón permitiu aos visitantes acadar a igualada coa que se chegaría ao descanso. No segundo período o cadro verdinegro seguiu levando o control do xogo ante un rival que pouco a pouco sucumbía ante un Armenteira Veteranos superior física e tecnicamente. O cambio de ritmo de Manueliño nos metros finais, moi difícil de contrarrestar polos defensas pontevedreses, serviu para marcar distancias e fixar o resultado de tres a un co que rematou o partido. Durante as próximas fins de semana o equipo verde e negro continuará coa súa preparación para a esixente temporada que se presenta e que xa dará comezo o 10 de setembro.


venres, 19 de agosto de 2016

Primeiro test da pretemporada 2016 para o Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos afronta este sábado 20 de agosto, no campo de O Leixo, a partires das 19 horas o que será o seu primeiro test da pretemporada 2016. O rival será o Mourente Veteranos, un conxunto co que xa se ten enfrontado en diversas ocasións e que a pasada temporada militou no grupo 4B da zona de Pontevedra. Esta campaña terá importantes novidades para o cadro que capitanea José Luis Galiñanes, que decidiu integrarse finalmente na liga que para o fútbol veterano emprendeu a Federación Galega de Fútbol. Agárdase unha temporada esixente, na que o cadro verdinegro compartirá grupo na Segunda Categoría xunto con equipos da zona, algúns deles de gran potencial e de sobra coñecidos polos de A Armenteira como o Boa Vila-Umia C.F., o Café Bar O Santiaguiño ou o Café Bar Impacto. Por iso, os de O Leixo consideran que dar unha boa imaxe e acadar un resultado positivo é primordial para iniciar da mellor maneira unha temporada como a que se presenta.


martes, 16 de agosto de 2016

Valdedeus, un lugar de lenda

Ben sabido é que A Armenteira é unha terra de lendas, pero se hai un lugar na nosa parroquia máxico e lexendario, ese é, sen dúbida, Valdedeus. A un quilómetro escaso do conxunto monacal cisterciense, Valdedeus móstrase hoxe en día como unha aldea deshabitada, na que unha restauración de dubidoso gusto convertiu as vivendas dos antigos poboadores en residencias vacacionais. Conta a lenda que Ero, un noble galego do século XII, canso e aburrido dos aconteceres da vida mundana, decidiu retirarse ás ladeiras do Monte Castrove para entregar a súa vida á oración. Ero pediu a San Bernardo que lle enviara catro monxes da súa orde relixiosa, a do Císter, para lograr o seu propósito de fundar un mosteiro naquela paraxe tan idílica. Tras conseguir ser nomeado abade do novo mosteiro non tardaron en chegar multitude de doazóns e privilexios dos nobres e dos monarcas de Galicia e de Castela. Era Don Ero unha persoa piadosa e de profunda devoción, en especial á Virxe María, á que rogaba encarecidamente que lle mostrase o que no Paraíso estaba reservado para aquelas xentes que eran merecedoras de acceder a el. Entregado á meditación, poucas veces adoitaba pasear polo bosque que rodeaba o mosteiro. Segundo relata na cantiga 103 das famosas Cantigas de Santa María que o rei de Castela Alfonso X o Sabio decidiu regalar á lírica galego-portuguesa, ao abade Ero, xa na idade anciá, déuselle un día por adentrarse nunha horta, atopando nela unha fonte de agua clara e luminosa baixo a sombra dunha frondosa árbore. Era un lugar máis que axeitado para o descanso, e entón Ero pechou os ollos e comezou a escoitar o son do canto dun paxariño. Este harmonioso canto deixou embelesado a Ero, que perdeu a noción do tempo e permaneceu sentado sobre un manto de verde herba contemplando tan agradable estampa sen darse de conta que os días, os meses, os anos e os séculos ían pasando. Ata trescentos anos transcurriron ao pé daquela fonte de auga clara, trescentos anos que a Don Ero non lle pareceron máis ca un intre. Ao espertar deste marabilloso sono, o noso abade dirixiuse ao mosteiro. Na entrada atopouse un gran pórtico que xamais tivera visto, e un convento e un mosteiro moito máis grande e moderno que o que el deixara. Despois de chamar á porta, as súas explicacións non lograban que os monxes o recoñeceran. A insistencia de Ero fixo que se reclamara a presenza do Prior, o cal acabou sacando un libro no que leu “Santo Ero de Armenteira, nobre e piadoso varón, fundador e abade de este mosteiro, quen nunca foi visto despois de saír a meditar ao Monte Castrove”. Comprendendo entón que foran trescentos anos os que pasaran e que por obra de Santa María obrárase a miragre que permitira a Ero coñecer o Paraíso este desplomouse e deixou que a súa vida se esfumase ao pé dos sorprendidos monxes.

Esta é unha das versións dunha lenda que se engloba dentro da tradición de contos celtas que, ademais de en Galicia, aínda se conserva tamén en lugares de Bretaña, Cornualles, Gales ou Irlanda. O friso de entrada ao adro e a imaxe dun fraile cun paxariño no ombreiro no interior da igrexa son das poucas testemuñas que se convervan desta tenra e emocionante historia. En Valdedeus, o escenario principal deste trascendental acontecemento, todo isto parece pasar inadvertido. Nada, nin unha placa, nin un sinal, ningún rastro que indique o carácter máxico e lexendario deste lugar. Un cruceiro a carón do camino que se abre paso entre a maleza e leva ao espléndido conxunto de petroglifos do Outeiro do Cribo é a única pista dun momento no que o tempo alí se detivo para que un monxe puidese cumprir o seu soño de coñecer o Paraíso. A necesidade dunha completa musealización do entorno do mosteiro cirterciense de Armenteira, na que se debe incluír de forma obrigada a Valdedeus, debe levar ao recoñecemento e á promoción dun lugar no que a presenza da maxia e a lenda nunca deberon ser esquecidas. Unha placa, un monolito, unha estatua, a programación dalgún acto ou evento cultural, deben recordar aos visitantes aqueles trescentos anos nos que Don Ero nos descubriu que o Paraíso se pode atopar en A Armenteira.


luns, 15 de agosto de 2016

ARMENTEIRA, con voz propia cumpre un ano

O 9 de agosto de 2015 nacía ARMENTEIRA, con voz propia. Como se definía naquel entón nacía como un medio de difusión de noticias e aspectos de interese da parroquia de A Armenteira e arredores. Un ano despois ARMENTEIRA, con voz propia segue con máis vida ca nunca, alentado polo entusiasmo co que os seguidores e seguidoras len as súas publicacións. O equipo de redacción deste medio sente paixón polo fútbol e, por elo, as noticias relacionadas cos equipos de fútbol locais ocupan boa parte das crónicas, pero tamén o fan outras noticias de interese sobre a parroquia, o concello de Meis e o resto da contorna. O noso interese é que os sucesos, as festas e calquera outra noticia ou evento que aquí ocorra non quede á marxe das nosas publicacións. A elo queremos engadir unha serie de artigos que poidan dar a coñecer e sirvan para difundir aspectos sobre a historia, a arte, as costumes, as tradicións e outros aspectos da cultura dunha parroquia que dende fai un ano conta cun medio de difusión propio, nacido en A Armenteira para A Armenteira e para o mundo.



O Armenteira C.F. presenta oficialmente os seus equipos para a temporada 2016/2017

O Armenteira C.F. presentou na mañá deste luns, no campo de O Leixo, os seus equipos para a temporada 2016/2017. Nas instalacións deportivas, propiedade da Comunidade de Montes Chan da Fonte, pero de titularidade municipal, congregáronse unhas 200 persoas, que puideron presentación como se ían dando a coñecer un a un os compoñentes do plantel de futbolistas para a temporada que está a piques de comezar. A pesares dalgunhas notables ausencias o acto foi calificado como un éxito pola remodelada Xunta Directiva, que agora encabeza Martín Casais, que destaca o bo ambiente no que se desenvolveu o acto, no que a música e o pincho con produtos da zona e refrescos e albariño que se serviu contribuiu a animar aínda máis aos asistentes. Entre as principais novidades que se deron a coñecer está a creación dun escola de iniciación ao deporte e ao fútbol para nenos e nenas de categoría biberón, a incorporación de Luis Barral como responsable dos equipos de fútbol-8 e a aposta por unha escadra feminina. Os conxuntos da entidade verdinegra comezarán a rodar este mércores co equipo de féminas, mentres que o xoves o farán os equipos de categoría prebenxamín, benxamín, alevín e infantil, e o martes da semana próxima o farán os equipos de categoría cadete e xuvenil. A escola de iniciación para rapaces de categoría biberón terá que agardar ao mes de setembro para dar inicio aos seus adestramentos.





domingo, 14 de agosto de 2016

A Xunta Directiva do Armenteira C.F. convida a todos ao acto de presentación dos seus equipos

A Xunta Directiva do Armenteira C.F. convida a todas as persoas que o desexen ao acto de presentación dos seus equipos para a temporada 2016/2017 que terá lugar o luns 15 de agosto, no campo de O Leixo, a partires das 11.30 horas. No acto farase a presentación oficial do plantel de xogadores e xogadores, do cadro técnico, da nova Xunta Directiva, e haberá música e un pincho con produtos da zona e albariño ao rematar.

O Armenteira C.F. cumpre vinteún anos e este ano quere consolidarse como un dos clubes de referencia da comarca. A contratación de Luis Barral, unha persoa de recoñecido prestixio no fútbol comarcal, a continuidade de Valentín Estévez, Víctor Saborido e Marcial Prado no cadro de adestradores, a creación dunha escola de iniciación ao fútbol e ao deporte dirixida por Jonathan Crespo e Eva López, e a aposta por un equipo feminino tentarán darlle un pulo a unha entidade que sempre se caracterizou polo ambiente familiar e pola paixón coa que vive o deporte do balompé.

O abandono da Xunta Directiva por motivos profesionais de Serafín Melón, que veu exercendo de presidente nos últimos anos, e de Antonio Soto, que ocupaba o cargo de tesoureiro, obrigou a unha reestruturación do órgano de goberno do clube, que foi aproveitada para reforzar aínda máis esta área. Martín Casais, vinculado dende neno ao Armenteira C.F., ao pertenceu de xogador, adestrador e directivo pasa a ocupar agora a presidencia. Xunto a el, Jorge Dávila, tamén ligado ao clube dende moi novo, farase cargo, entre outras funcións, das finanzas e da comunicación social. Iván Borrageiros, un rapaz da parroquia moi implicado nas actividades sociais, e que tamén pertenceu ao clube como xogador da base, será agora o responsable da secretaría. José Ramón Carro, outro mozo da parroquia con longo pasado relacionado co Armenteira C.F., Óscar Portas, Víctor Saborido, Tino Melón ou Carlos Piñeiro formarán o grupo de traballo que a partir desta temporada dirixirá o rumbo da entidade de O Leixo.

Por estes e outros motivos, a Xunta Directiva quere convertir o acto de presentación nunha xornada de convivencia na que todos os compoñentes da familia do Armenteira C.F. poidan disfrutar en común do inicio dunha temporada que din afrontar con máis gañas e ilusión ca nunca.






sábado, 13 de agosto de 2016

Martín Casais perfílase como novo presidente do Armenteira C.F.

O Armenteira C.F. vive estes días uns días frenéticos. Aos cambios e ás incorporacións no plantel de xogadores e xogadoras e no cadro técnico únese a reestruturación do seu órgano de goberno. Para a temporada que agora comeza o clube verdinegro contará cunha nova Xunta Directiva, que estará formada tanto por representantes da que encabezaba Serafín Melón como por caras novas que, dunha ou doutra maneira, estaban ou estiveron ligados á entidade. Martín Casais e Jorge Dávila perfílanse como os dous homes fortes da nova cúpula directiva. Ámbolos dous teñen unha longa relación co clube, co que levan vinculados dende nenos e no que xa tiñan un papel clave durante os últimos anos. Martín convertirase no máximo dirixente do clube, mentres que Jorge se encargará, entre outras funcións, de xestionar as finanzas. Xunto a eles Iván Borrageiros, un rapaz da parroquia, que tamén estivo ligado á entidade como xogador da base, terá un papel importante e ocuparase da secretaría. Nomes como os de Jose Ramón Carro  “Joserra”, Óscar Portas, Víctor Saborido, Tino Melón ou Carlos Piñeiro soan como membros desta renovada Xunta Directiva. Estes cambios daranse a coñecer oficialmente no acto de presentación oficial dos equipos do Armenteira C.F. que terá lugar o próximo luns 15 de agosto no campo de O Leixo a partires das 11.30 horas. Os últimos días están sendo de intenso traballo para os compoñentes desta nova Xunta Directiva, xa que aos preparativos deste evento, no que non faltarán a música, un pincho con produtos da zona con albariño e refrescos e numerosas sorpresas, hai que sumar a planificación dunha nova temporada na que a entidade de A Armenteira presenta importantes e chamativas novidades, entre as que sobresaen un equipo de categoría biberón e unha escadra feminina, para a que seguen completando un plantel que asegure a súa participación na competición de liga.





xoves, 11 de agosto de 2016

O Armenteira C.F. prepara a saída á competición dun equipo feminino

O Armenteira Club de Fútbol está ultimando nas últimas horas os trámites para sacar a competir na temporada que vai comenzar un equipo de categoría feminina. A Xunta Directiva do clube de O Leixo decidiu atender a petición dun grupo de rapazas da zona, afeccionadas ao deporte e ao fútbol, que lles presentaron esta interesante proposta. As xestións dos dirixentes da entidade céntranse agora en realizar algunha incorporación máis coa que completar o plantel que competirá na Segunda Autonómica, unha categoría composta por equipos femininos das provincias de Pontevedra e Ourense. Con esta iniciativa o Armenteira C.F. quere sumarse ao éxito que nos últimos tempos está tendo o deporte practicado por mulleres en España, tal e como se está comprobando nos Xogos Olímpicos que se están disputando na cidade de Río de Janeiro, e que no caso do fútbol está dando figuras tan importantes como a santiaguesa Vero Boquete, que durante esta temporada militou no Bayer Munich e que na próxima o fará no París Saint Germain feminino. O próximo luns día 15 de agosto, no acto de presentación oficial dos distintos conxuntos do clube, será a primeira ocasión na que os afeccionados e afeccionadas teñan a oportunidade de coñecer os primeiros pasos do Armenteira Club de Fútbol Féminas.




xoves, 4 de agosto de 2016

Armenteira, nas orixes do albariño

Estes días Cambados celebra a LXIV Festa do Albariño, a festa vitivinícola por excelencia en Galicia, a máis antiga, declarada de Interese Turístico Nacional, e que congrega a milleiros de persoas nesta localidade que exerce de cabeceira da comarca de O Salnés. A Armenteira tamén ten a súa cota de protagonismo nesta festa. Non só porque no seu territorio existe unha adega pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas e porque existen numerosas parcelas nas que cultiva esta variedade de viño, en especial nas zonas baixas da parroquia, en lugares como Castiñeira, Fofán, Silván, Couso, Gondes, As Pereiras ou As Congostras, senón porque moitos relacionan a orixe do cultivo destas cepas nesta parte do mundo co mosteiro de Armenteira, ao que consideran o berce do viño albariño. Segundo conta a tradición, os monxes da Orde de Cluny, dependentes dun mosteiro situado na rexión de Borgoña, en Francia, e que se instalaron nesta terras nestas terras dende o século XII en adiante, foron os que trouxeron dende as terras do Rhin esta variedade de uva ás Rías Baixas. Dise que foron estes monxes os primeiros en poñer en cultivo estas vides, que despois se estenderon polo resto de Galicia e polo norte de Portugal. O pan e o viño eran por aquel entón os piares da alimentación, polo que non sería raro que fosen os membros desta comunidade relixiosa os responsables da súa introdución na nosa terra. Esta teoría conta e contou con numerosos defensores, entre os que se atopaban figuras da talla de Álvaro Cunqueiro, un escritor amante da gastronomía e da cultura do viño, e que foi un dos grandes impulsores desta festa que nestes días se celebra en Cambados. A modo de referencia e para vincular a moderno método de produción industrial das adegas de albariño co pasado, no edificio de Exposalnés, en Cambados, existe unha estupenda maqueta do mosteiro de Armenteira. É certo que na actualidade son máis aceptadas outras teorías, nas que se afirma que o albariño é máis ben unha variedade autóctona de Galicia. Fora cal fora a súa orixe foi en Galicia onde este viño forxou o seu carácter e o prestixio que o leva a estar en mesas de todo o mundo.

Dende fai uns anos, quizais en relación con esta historia, Lagar de Cervera, unha adega situada no concello de O Rosal, destila unha marca de augardente á que deu por nome Viña Armenteira. Este dato, que non deixa de ser anecdótico, é un elemento máis que da boa mostra de que a relación entre o viño e as xentes de A Armenteira é unha relación centenaria. Nas súas terras cultiváronse cepas durante séculos, as cales servían para elaborar viños para o consumo familiar, e que, nalgún caso, incluso chegaban a comercializarse a pequena escala. Moitas destas viñas, de fonda tradición, aínda perviven hoxe en día, e ademais de dar sombra ás entradas e ás eiras das casas, seguen producindo caldos de castes que seguen gozando de tanta popularidade como o catalán ou o folla redonda. O feito de pertencer a un territorio da subzona con maior produción de albariño, dalle a A  Armenteira un enorme potencial de riqueza en relación co seu cultivo, elaboración e comercialización. Pero, a diferenza doutros lugares da comarca e de Galicia, estes recursos non foron explotados na súa totalidade. A falta dunha reforma agraria, coa tan necesaria concentración parcelaria, e de políticas que impulsasen unha agricultura de mercado e máis rendible provocaron o progresivo alonxamento das tarefas agrarias por parte das xentes da nosa parroquia e a caída no abandono de moitas das leiras. É preciso pois a urxente posta en valor destes recursos e que A Armenteira aproveite a súa privilexiada localización para que, apoiada na agricultura e no turismo, se convirta en xeradora de emprego para os veciños e veciñas da parroquia e dos arredores e evite que continúe o descenso da poboación que está sufrindo nas últimas décadas.





luns, 1 de agosto de 2016

O Armenteira C.F. anuncia oficialmente a fichaxe de Luis Barral

O Armenteira C.F. deu a coñecer oficialmente na tarde deste luns a incorporación ao clube para a próxima temporada de Luis Barral. Luis, que a pasada temporada dirixiu o equipo alevín e o segundo equipo da categoría senior do C.D. Ribadumia, é unha persoa cunha dilatada traxectoria no fútbol comarcal, no que militou con éxito en boa parte dos clubes. Como xogador iniciou a súa carreira no C.D. Ribadumia, pasando logo polo Umia C.F., polo C.D. Mosteiro, no que foi peza clave do conxunto que competiu durante varias temporadas na Terceira División, ou polo Zacande F.C., no que compaxinou durante anos o papel de xogador e o de adestrador. O técnico, natural de Barrantes, aínda que con profundas raíces familiares na parroquia de A Armenteira, contribuirá a reforzar a importante labor que a entidade de O Leixo está realizando nos últimos anos como escola de fútbol base e permitirá o seu afianzamento como unha das referencias no deporte de formación a nivel comarcal.