Buscar neste blog

martes, 16 de agosto de 2016

Valdedeus, un lugar de lenda

Ben sabido é que A Armenteira é unha terra de lendas, pero se hai un lugar na nosa parroquia máxico e lexendario, ese é, sen dúbida, Valdedeus. A un quilómetro escaso do conxunto monacal cisterciense, Valdedeus móstrase hoxe en día como unha aldea deshabitada, na que unha restauración de dubidoso gusto convertiu as vivendas dos antigos poboadores en residencias vacacionais. Conta a lenda que Ero, un noble galego do século XII, canso e aburrido dos aconteceres da vida mundana, decidiu retirarse ás ladeiras do Monte Castrove para entregar a súa vida á oración. Ero pediu a San Bernardo que lle enviara catro monxes da súa orde relixiosa, a do Císter, para lograr o seu propósito de fundar un mosteiro naquela paraxe tan idílica. Tras conseguir ser nomeado abade do novo mosteiro non tardaron en chegar multitude de doazóns e privilexios dos nobres e dos monarcas de Galicia e de Castela. Era Don Ero unha persoa piadosa e de profunda devoción, en especial á Virxe María, á que rogaba encarecidamente que lle mostrase o que no Paraíso estaba reservado para aquelas xentes que eran merecedoras de acceder a el. Entregado á meditación, poucas veces adoitaba pasear polo bosque que rodeaba o mosteiro. Segundo relata na cantiga 103 das famosas Cantigas de Santa María que o rei de Castela Alfonso X o Sabio decidiu regalar á lírica galego-portuguesa, ao abade Ero, xa na idade anciá, déuselle un día por adentrarse nunha horta, atopando nela unha fonte de agua clara e luminosa baixo a sombra dunha frondosa árbore. Era un lugar máis que axeitado para o descanso, e entón Ero pechou os ollos e comezou a escoitar o son do canto dun paxariño. Este harmonioso canto deixou embelesado a Ero, que perdeu a noción do tempo e permaneceu sentado sobre un manto de verde herba contemplando tan agradable estampa sen darse de conta que os días, os meses, os anos e os séculos ían pasando. Ata trescentos anos transcurriron ao pé daquela fonte de auga clara, trescentos anos que a Don Ero non lle pareceron máis ca un intre. Ao espertar deste marabilloso sono, o noso abade dirixiuse ao mosteiro. Na entrada atopouse un gran pórtico que xamais tivera visto, e un convento e un mosteiro moito máis grande e moderno que o que el deixara. Despois de chamar á porta, as súas explicacións non lograban que os monxes o recoñeceran. A insistencia de Ero fixo que se reclamara a presenza do Prior, o cal acabou sacando un libro no que leu “Santo Ero de Armenteira, nobre e piadoso varón, fundador e abade de este mosteiro, quen nunca foi visto despois de saír a meditar ao Monte Castrove”. Comprendendo entón que foran trescentos anos os que pasaran e que por obra de Santa María obrárase a miragre que permitira a Ero coñecer o Paraíso este desplomouse e deixou que a súa vida se esfumase ao pé dos sorprendidos monxes.

Esta é unha das versións dunha lenda que se engloba dentro da tradición de contos celtas que, ademais de en Galicia, aínda se conserva tamén en lugares de Bretaña, Cornualles, Gales ou Irlanda. O friso de entrada ao adro e a imaxe dun fraile cun paxariño no ombreiro no interior da igrexa son das poucas testemuñas que se convervan desta tenra e emocionante historia. En Valdedeus, o escenario principal deste trascendental acontecemento, todo isto parece pasar inadvertido. Nada, nin unha placa, nin un sinal, ningún rastro que indique o carácter máxico e lexendario deste lugar. Un cruceiro a carón do camino que se abre paso entre a maleza e leva ao espléndido conxunto de petroglifos do Outeiro do Cribo é a única pista dun momento no que o tempo alí se detivo para que un monxe puidese cumprir o seu soño de coñecer o Paraíso. A necesidade dunha completa musealización do entorno do mosteiro cirterciense de Armenteira, na que se debe incluír de forma obrigada a Valdedeus, debe levar ao recoñecemento e á promoción dun lugar no que a presenza da maxia e a lenda nunca deberon ser esquecidas. Unha placa, un monolito, unha estatua, a programación dalgún acto ou evento cultural, deben recordar aos visitantes aqueles trescentos anos nos que Don Ero nos descubriu que o Paraíso se pode atopar en A Armenteira.


1 comentario:

  1. Moi bó artigo, ese Valdedeus puido ser unha conversión ao cristianismo dun antigo bosque sagrado, un nemeton, as lendas asociadas, que hai várias, o petróglifo de outeiro do Cribo etc

    ResponderEliminar