O campo de O Pombal acolleu na tarde deste mércores o primeiro partido do equipo feminino do Armenteira C.F ante o C. Xuventude Cambados. O evento, que tanta expectación levantou nos últimos días, reuniu nas instalacións deportivas cambadesas a un numeroso público desexoso de ver a posta en escena destes dous conxuntos. O nerviosismo típico dunha cita como esta notouse nos minutos iniciais, nos que as locais tiveron o control do xogo ante un Armenteira C.F. que trataba de manterse ordeado e alonxar o balón das inmediacións da meta defendida por Uxía, recurrindo sobre todo aos balóns longos enviados dende a zona defensiva por Aless, que buscaban unha e outra vez a velocidade na punta de ataque de Ana Martínez. A lesión de Uxía permitiu dar a oportunidade baixo os paus a Karla, a cal tampouco conseguiu evitar que o C. Xuventude Cambados fose tomando vantaxe no marcador. Na segunda metade o cadro verdinegro adiantou liñas e foi logrando que o xogo se desenvolvese durante máis tempo na parcela do campo defendida polas xogadoras amarelas. Chegaron as ocasións, pero a mala fortuna impediu que Ana Martínez, a futbolista máis incisiva das visitantes, conseguise perforar a meta cambadesa. O resultado final, de oito tantos a cero, non é máis ca unha anécdota neste punto de partida dun proxecto que augura grandes éxitos á entidade de O Leixo. O traballo e a ilusión deste grupo de rapazas de seguro que non tardará en dar os seus froitos. E non haberá que agardar moito para elo, xa que o próximo domingo teñen outra importante cita, o Torneo Feminino Fútbol-11 - Fundación S.C.D. Salcedo, no que compartirán competición coa S.C.D. Pontecaldelas e co conxunto local da S.C.D. Salcedo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario