Buscar neste blog

martes, 6 de decembro de 2016

Fotografía oficial con sabor a pinchos

O Armenteira C.F. realizou este martes 6 de decembro as fotografías oficiais dos seus equipos para a temporada 2016/2017. E foron unhas fotografías oficiais con sabor a pinchos. A pinchos de chourizo, xamón, queixo, mexillóns, xoubiñas ou aperitivos variados que gratuitamente e de forma abondosa se repartían polas mesas dispostas no exterior da cantina. E todo elo acompañado do ritmo dos éxitos musicais do momento que non deixaban de soar a través da megafonía. Así foi o acto que a Xunta Directiva do clube verdinegro organizou, como vén facendo durante os últimos anos, convertindo a este evento nunha tradición. Nesta ocasión había importantes novidades. O acordo co estudo fotográfico Zainat Fotografía fixo que fose un profesional o que dirixise a sesión, que dará como resultado unha reportaxe fotográfica que vai permitir un incremento das posibilidades de explotación da imaxe da entidade. Cinco foron equipos que luciron ante as cámaras. Sen dúbida, o principal foco de atracción foi o equipo de categoría biberón. Este proxecto de iniciación á práctica deportiva, que estará baixo a dirección de Jonathan Crespo e Eva López, é unha das iniciativas máis novidosas para esta temporada. Os equipos de categorías de fútbol-8, adestrados polo tándem formado por Luis e Alba Barral, e o equipo de categoría infantil tamén compareceron ante os flashes. O cadro que prepara Valentín Estévez "Tilín" está sendo unha das revelacións da temporada. Gran expectación causou asimesmo o conxunto de categoría sénior feminino. As rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros son unha das apostas máis ambiciosas das últimas campañas do clube de O Leixo. Non faltaron á cita os compoñentes da Xunta Directiva. O grupo que de forma tan laboriosa está levando o timón da entidade deixou durante uns intres as múltiples tarefas nas que estaba ocupado, e, sen perder ollo para que todo seguise funcionando con normalidade, uníronse á extensa galería de retratados. O colofón ao acto púxoo a fotografía grupal na que xogadores e xogadoras, adestradores e directivos figuraron xuntos mentres os móbiles competían coa cámara do profesional para lograr as mellores instantáneas. En todo momento o recordo a "Chicho" estivo presente. O ex-vicepresidente e xogador durante as últimas temporadas do Armenteira Veteranos falecía fai unha semana e a súa memoria quedará para sempre en O Leixo a través do cadro no que se enmarca a camiseta que el soía lucir, que tamén tivo o seu espazo na sesión fotográfica. A impresíon de que o Armenteira C.F. é un clube en crecemento estaba na boca de case todos os asitentes, que lamentaban en cambio o escaso apoio que recibe por parte das distintas administracións. E como exemplo máis significativo repetían unha e outra vez a necesidade de melloras nas instalacións do campo de O Leixo.











Ningún comentario:

Publicar un comentario