Buscar neste blog

domingo, 11 de decembro de 2016

Ángel Fernández deixa sen esperanzas ao equipo infantil do Armenteira C.F.

A acertada actuación de Ángel Fernández, dianteiro centro do equipo infantil da S.D. Amanecer, resultou decisiva para que a escadra grovense se acabase levando os tres puntos na visita que rendiu na mañá do pasado sábado ao campo de O Leixo. O ariete meco, un xogador corpulento pero tamén veloz e dotado dunhas aceptables condicións técnicas foi un pesadelo para a defensa dun cadro verdinegro que formou con Sergio baixo paus, Xoán, Sebas, Santi e Kevin en defensa, Mosteiro, Carlos Pérez, Álex Ruel e Jose Otero na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro como xogador máis adiantado. A primeira metade foi de alternativas para os dous conxuntos. Os locais, que gozaron de máis ocasións có rival, tropezaban unha e outra vez coa seriedade defensiva da zaga dos de San Vicente e coa súa falta de puntería. A escasos minutos para que o colexiado Padierna Quinteiro indicase a fin do primeiro período os grovenses tomaban vantaxe no marcador. Pese a que o cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tratou de reaccionar e chegou a dispoñer de ocasións tan claras como un remate de cabeza de Jose Otero tras un chut de Álex Ruel ou un disparo que se lle foi desviado a Hugo cando se atopaba só fronte ao meta Jairo Lis, os visitantes foron apuntalando o seu triunfo xogando as súas opcións á mellor carta, Ángel Fernández, que se acabou levando un hat-trick como recordo do seu paseo por O Leixo. Esta vitoria por cero goles a tres mantén á S.D. Amanecer no segundo posto e deixa aos de Tilín na décima posición con dezaséis puntos. A próxima fin de semana a formación verdinegra volverá probar sorte na visita que debe realizar ao campo de As Lombas para enfrontarse ao Catoira S.D., décimo quinto clasificado con tres puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario