O lugar de Silván, a cabalo entre as parroquias de San Salvador de Meis e Armenteira, volve honrar estes días a San Nicolao de Bari. Será o martes 6 e o mércores 7 de decembro, cando se poña en práctica o programa de festas no que a comisión organizadora leva traballando durante os últimos meses. Os actos comezarán cunha alborada a cargo da Banda Escola Municipal de Meis, que na mañá do día 6 percorrerá boa parte dos recunchos das dúas parroquias nas que se celebra esta festividade. A continuación terán lugar as misas solemnes con horario de 10, 12 e 13 horas, que irán seguidas dunha sesión vermouth. Xa pola noite haberá unha verbena amenizada polas orquestras Ritmo Joven e La Noche. O programa festivo prolongarase ata o día 7, no que a partires das 12.30 horas se oficiará unha misa solemne, tras a que se realizarán as tradicionais poxas dos distintos produtos agrarios que os fieis ofrecen ao santo. Galos, galiñas, pernís, lacóns, ovos ou calquera outro produto saído das hortas e as granxas sairán a subasta. Pola noite o telón das festas pecharase coa actuación das orquestras D´Moda e Azar. As festas de Silván xa se converteron nun clásico do panorama festivo do inverno na comarca, e son numerosas as persoas que, aproveitando ademais o carácter non laborable dos días nos que se soen celebrar, acoden ata este lugar situado en plena ladeira do Castrove para disfrutar tanto dos oficios relixiosos como da variada oferta musical que ano tras ano ofrece a organización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario