Valentín Estévez "Tilín", adestrador do equipo infantil do Armenteira C.F. laiábase da escasa fortuna que tivo o seu equipo no partido que disputou este sábado ante o Atlético Cuntis."Perdoamos demasiado" afirmaba o técnico cambadés. "Eles crearon catro ocasións claras e marcaron tres goles, en cambio nós tivemos máis oportunidades, pero faltounos puntería. Non tivemos fortuna nos metros finais". Con todo, o preparador de Santo Tomé amousouse orgulloso do traballo do seu equipo. "Fixemos un bo traballo. A pesares do resultado eu daríalle un aprobado ao equipo". As miras de "Tilín" están agora na próxima xornada, na que reciben a visita no campo de O Leixo da S.D. Amanecer, segundo clasificado con vinteoito puntos. "Vai ser un rival moi difícil, pero eu confío na capacidade dos meus xogadores". "Fronte ao Ribadumia a diferenza marcouna o estado do terreo de xogo", en referencia ao partido que os mediu ao líder, que estivo marcado pola intensa choiva que caiu aquel día, que fixo que o campo se convertese nun auténtico barrizal. En relación coa traxectoria do seu conxunto no que levamos de liga afirmaba "Estamos superando os obxectivos cos que partíamos a principios de temporada, pero creo que as nosas aspiracións teñen que estar en quedar entres os seis primeiros postos". Finalmente quixo facer referencia á súa situación no clube. "Esta é a miña terceira temporada no clube, e, como en todos os clubes considero que habería moitos aspectos nos que poderíamos mellorar, pero no tempo que levo noto que a progresión foi moi importante". "Asinei contrato aquí e vou cumprir a miña palabra", en resposta aos rumores que falan dalgunha oferta para cambiar de aires. "Esta temporada estou convencido de que podemos facer algo grande" rematou sinalizando o técnico cambadés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario