Buscar neste blog

sábado, 26 de agosto de 2017

Alerta polo descoido e a falta de limpeza no entorno do mosteiro de A Armenteira

Que A Armenteira é un dos principais referentes turísticos da comarca de O Salnés non cabe ningunha dúbida e que en concreto o entorno do mosteiro cisterciense é un dos lugares máis fermosos, valorados e que máis visitantes recibe ao longo do ano tampouco é discutible. Pero este enclave de tanto valor histórico, artístico, natural e cultural comeza a chamar a atención por outros motivos, e non é precisamente por motivos que contribúan a potenciar esa excelente imaxe que ten entre as numerosas persoas que o visitan. A falta de limpeza, os malos cheiros e o estado de relativo abandono que sufre por parte das administracións públicas é cada vez máis evidente. Papeis, restos de embalaxes, cabichas de cigarros e suciedade en xeral aparecen polos diversos currunchos. Fai tempo que os varrendeiros non pasan por alí. O regueiro que discorre paralelo ao muro do mosteiro está cheo de lixo e de herbas que sobresaen varios centímetros. A pasarela que separa a praza situada entre os locais de hostalería e a calzada está falta de mantemento e foi desprazada fai pouco por un autobús que accedeu indebidamente ata esa zona, xa que a entrada deste tipo vehículos está prohibida. As prantas dos maceteiros apenas foron regadas durante o verán e as malas herbas invaden case toda a súa superficie. Unhas marcas de excrementos de cabalos permanecen sobre as lousas da praza como se se tratase dunha lembranza dos tempos nos que este espazo era unha leira na que habitualmente pastaban este tipo de animais. E por enriba, os colectores do lixo emiten uns malos cheiros dende fai unhas semanas sen que puxese remedio a este problema. Colectivos veciñais, visitantes e boa parte das persoas que se achegan pola zona veñen manifestando o seu descontento ante tal estado sen que as autoridades, principalmente os máximos responsables do concello de Meis, tomasen as medidas necesarias. Non caben excusas para que a deixadez ensucie a imaxe dun dos lugares máis emblemáticos a nivel turístico de Galicia. Aquela paraxe que atraeu entre outras cousas pola súa pureza a Don Ero aló polo século XII non pode perder o seu encanto por un asunto de tan fácil solución. Corresponde ás administracións competentes tomar nota.






Ningún comentario:

Publicar un comentario