A elevada afluencia de visitantes que nestas datas estivais recibe A Armenteira, en especial os arredores do mosteiro cisterciense, está provocando problemas de circulación e estacionamento de vehículos, o cal que levou a que tanto os residentes na zona como as persoas que a visitan comezasen a expresar as súas queixas. A presenza de automóbiles e autobuses indebidamente estacionados, a difícil convivencia do tránsito de vehículos a motor cos numerosos peóns que se dan cita nestes días no lugar e a necesidade de espazos libres de tráfico e destinados de forma prioritaria ao disfrute cidadán son algunhas das súas principais reclamacións. Colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira levan tempo propoñendo a aprobación dunha reordenación de tráfico e estacionamento neste entorno. Indican que debería levarse a cabo unha peonalización ou semipeonalización da zona que permitise que tanto vehículos como cidadáns puidesen facer uso do entorno sen entorpecerse nin poñer en perigo a seguridade viaria. Segundo sinalan "os perigos de atropelo son cada vez máis evidentes e calquera día pode ocurrir unha desgraza", indican que "debería prohibirse o estacionamento de vehículos entre os pivotes no treito que sube da Ponte Xoán ao adro, instalando cadeas ou elementos similares" e suxiren que "a parte que vai dende o adro ata o cemiterio, incluíndo a praza situada entre os locais de hostalería, debería ter un uso fundamentalmente peonil, permitindo o acceso exclusivo aos residentes nas vivendas dos arredores do mosteiro cando o precisasen". O atractivo turístico que supón o mosteiro cisterciense, un conxunto arquitectónico que comezou a construírse no século XII, unido á chegada de camiñantes a través da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e da Ruta da Pedra e da Auga, provoca unha elevada congregación de persoas na zona, un feito que contribúe a dar un ambiente máis animado e favorece o negocio dos locais da zona, ademais de promocionar e potenciar a imaxe deste enclave. Pero, tal e como afirman estes colectivos, sería urxente implantar unha reordenación que permitise un mellor uso e disfrute do entorno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario