O equipo feminino do Armenteira C.F. deixou unhas boas sensacións no primeiro partido de pretemporada, que disputou na mañá deste domingo no campo Manuel Jiménez de Vilagarcía de Arousa ante o Atlético Arousana. O cadro que dirixen por segunda temporada consecutiva Marcial Prado e Junior Tirado presentou un once inicial con Ángeles na portería, Belén Tesouro, Alessandra, Diana e Laura en defensa, Perla Meis, Sofía e Andrea na liña medular, Rocío e Belén Serantes polos costados e Nerea en ataque. Os primeiros corenta e cinco minutos caracterizáronse polo equilibrio e pola orde mostrada polos dous conxuntos. Un inocente penalti, transformado por Raquel Ruel, permitiu que as locais fosen con vantaxe ao descanso. Na segunda metade o cansanzo das xogadoras fíxose evidente, acrecentado pola forte calor reinante nas instalacións deportivas de Fontecarmoa. Coas liñas cada vez máis separadas e con máis espazos as ocasións incrementáronse por ambas partes e, nesta situación, o maior acerto na definición das futbolistas do Atlético Arousana acabou reflectíndose no marcador final de catro goles a cero a prol das vilagarcianas. Un excelente lanzamento dende o borde da área de Andrea e unha pena máxima errada por Sofía foron as oportunidades máis claras das que gozou o Armenteira C.F. neste segundo período. No encontro puidéronse ver algunhas das caras novas que presenta a entidade verdinegra para a temporada que está a piques de comezar: Belén Tesouro, Perla Meis, Sofía, Andrea, Rocío, Belén Serantes, Nerea, Analía, Noelia ou Vanessa vestiron por primeira vez a camisola verdinegra ante unha afección que se desprazou en número maís ca considerable ata Vilagarcía de Arousa. A próxima cita será o sábado 19 de agosto no trofeo Divina Pastora no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario