Aló polos anos sesenta
cando en boa parte dos países de Europa se seguía considerando a España como un
lugar remoto e aillado dos seus veciños, e incluso había quen dicía que África
comezaba nos Pireneos, o ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga,
promoveu un lema co que pretendía borrar esa mala fama que tiña o país. Ese non
era outro que "Spain is different", e con el tratábase de atraer o turismo
exterior, aproveitando o clima e as praias españolas. Quería dar a imaxe de que
España era un lugar que estaba xa preparado para o turismo, para recibir
turistas estranxeiros, un país nin mellor nin peor, un destino exótico e
diferente ao dos seus países de orixe. Salvando as distancias e referíndonos a
A Armenteira, había quen fai anos daba dela unha visión negativa e deformada, cando
en realidade a situación na nosa parroquia non era moi distinta da dos seus
lugares de residencia. Nos tempos actuais, superada a ignorancia desas mentes
perversas e malintencionadas, e despois do espectacular progreso que viviu esta
terra e Galicia e España en xeral, A Armenteira é un territorio moderno e
avanzado e que nada ten que envexar a calquera outro. Ao contrario, o seu
patrimonio histórico, artístico e natural atrae cada vez a máis visitantes. O
entorno do mosteiro cisterciense, a Ruta da Pedra e da Auga, a Variante
Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ou as numerosas festas
e eventos que se alí se celebran converten a este enclave nun referente
turístico a nivel galego e español. Ás xentes dos arredores, doutras partes de Galicia e
España que tradicionalmente nos visitaban foron uníndose xentes doutros países.
Franceses, alemáns, británicos, italianos, portugueses ou incluso
norteamericanos ou orientais déixanse ver polas corredoiras da parroquia e no
entorno do mosteiro. Durante todo o ano, pero especialmente durante a Semana
Santa e os meses do verán A Armenteira adquire un aire cosmopolita e os
arredores deste magnífico conxunto arquitectónico transfórmanse nun universo plurilingüe, no que o galego e
o castelán teñen cada vez menos protagonismo. Un exemplo desta universalidade foi a voda que se celebrou o pasado venres 4 de agosto. Deirdre e William, naturais de Irlanda, contraeron matrimonio nunha cerimonia relixiosa oficiada integramente en inglés, e na que o gaélico, idioma orixinario das Illas Británicas, tamén tivo cabida nas tarxetas entregadas aos asistentes. Un frade mercedario do mosteiro de Poio foi o encargado de conducir un acto no que practicamente todos os participantes procedían de máis aló dos Pireneos. Sen dúbida foi unha ocasión máis para demostrar que esta parroquia é un lugar especial, un lugar cun encanto que cautiva a todas aquelas persoas que a visitan, e para indicar que hai algo que cada día está máis claro, algo no que todos e todas que a coñecen están de acordo, e iso é que "Armenteira is different".
Ningún comentario:
Publicar un comentario