O equipo alevín do Armenteira C.F.venceu por tres goles a dous á A.D. Arousa F-7 no partido da Terceira autonómica alevín, grupo 61, que se disputou na mañá deste luns no campo de O Leixo. Foi nun encontro relativamente equilibrado, no que o cadro que dirixen Luis e Alba Barral non realizou un fútbol brillante, abusando do fútbol directo, pero no que acabou impoñendo a súa superioridade física na disputa dos balóns e a a capacidade de desequilibrio dalgúns dos seus xogadores. O corpo técnico presentou o cinco inicial habitual, con Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Brais Santamaría, Ainoha e Mateo na liña de medios e Aldara en ataque. Tras uns primeiros minutos de tanteo, sen un dominador claro, axiña tomaría vantaxe o Armenteira C.F. Sería tras unha combinación entre Brais Santamaría e Aldara, na que esta, sen deixar botar o balón, cruzouno na área pequena para bater ao meta Iván Lucio. Dende entón o conxunto local fíxose co dominio do xogo, podende ampliar vantaxe de materilizar algunha das varias ocasión que tiveron nos seus pés Mateo, Brais Santamaría ou Aldara especialmente. Houbo que agardar ao segundo período para que Mateo, nunha internada pola banda dereita, pelexase e recuperase un balón que el mesmo perdera, para rematar acadando o segundo tanto para o seu equipo. Con esta cómoda bagaxe o Armenteira C.F. entrou nun clima de relaxación que foi aproveitado polos vilgarciáns, que desperdiciaron algunha oportunidade de bastante claridade, pero que, pola contra, anotaron dous goles nos que a fortuna e o acerto estiveron do seu lado. Primeiro foi unha volea a modo de despexe de Raúl Fachado a que se colaría pola escadra da portería de Sergio Matilde, e despois unha saída do propio Sergio Matilde, na que palmeou o balón na área, deixándolle en bandexa a Iker Fresco para poñer a igualada. Cando parecía que o drama doutros partidos podía repetirse en forma de remontada despois de ter unha diferenza importante no marcador, volvería aparecer Mateo para rematar na área unha xogada colectiva e fixar o resultado final de tres goles a dous. Con esta vitoria a escadra que adestran Luis e Alba Barral mantense na oitava praza con once puntos, á espera da visita que a próxima fin de semana deberán realizar ao campo de A Reiboa para medirse ao conxunto local da E.D. Poio "B".
Ningún comentario:
Publicar un comentario