Buscar neste blog

sábado, 19 de maio de 2018

Pase épico do Armenteira C.F. xuvenil na segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - S.D. PUENTEARNELAS-  4 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Diego Berreco, Jona, Roberto Trigo; Dimitar, Mathias, Cristian Abal; e Alberto
GOLES: 1-0. Minuto 7. Dimitar. 2-0. Minuto 16. Dimitar. 3-0. Minuto 28. Alberto. 4-0. Minuto 63. Mathias. 4-1. Minuto 85. Aarón Santorum. 
ÁRBITRO: Campos Maneiro. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos xogadores de ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra de Segunda de categoría xuvenil disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns corenta espectadores, nunha tarde soleada e calorosa e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguiu na tarde deste sábado 19 de maio de 2018 unha desas vitorias que se consideran épicas. Unha xesta, unha fazaña, un feito memorable que de seguro non lembrarán xamais os afeccionados e afeccionadas que tiveron a fortuna de contemplalo como por suposto tampouco os propios futbolistas que o protagonizaron. Nas horas previas, ante o regueiro de baixas e as dificultades para reunir a cifra mínima de xogadores disputar o encontro, moitos daban a eliminatoria por perdida e falaban xa de renderse e entregar o triunfo ao rival. Pero o destino acabou deparando un momento tan sorprendente como inagardado. Dende os primeiros intres a tónica característica foi a baixa intensidade e a lentitude no ritmo de xogo. O Armenteira C.F. trataba de contemporizar, manter a orde e a calma e afrontar nas mellores condicións posibles tan adversas circunsntancias, mentres que a S.D. Puentearnelas, a priori favorita, xa que vencera aos verdinegros nas dúas ocasións nas que se mediron esta temporada no campionato de liga, na que finalizou uns postos máis arriba, non forzaba excesivamente a máquina, confiando quizais na súa superioridade de condicións e en que co paso dos minutos a balanza acabaría decantándose do seu lado. Con todo, non tardou en chegar o primeiro zarpazo local. Unha cabeza de Dimitar tras un saque de curruncho sorprendía ao meta Álvaro Mouta e levaba a excitación ás bancadas do modesto campo de O Leixo. Na finalización dun contragolpe, de novo Dimitar, colocaba o dous a cero, incrementando aínda máis o estupor entre os asistentes. Conmocionada polo ocorrido a S.D. Puentearnelas era incapaz de reaccionar. Trataba de combinar, pero non era quen de inquedar as inmediacións da área defendida por Roberto Torres. Pola súa contra o Armenteira C.F. sentíase cada vez máis cómodo e mesmo se facía dono do xogo nalgunhas fases do encontro. Outro contragolpe culminado polo unha vez máis incombustible Alberto colocaría o tres a cero ao fío do descanso. Quedaba aínda a esperanza de que Aarón chegase a tempo e reforzase ao seu conxunto cun efectivo máís que axudase a certirficar as garantías dunha xesta na que xa moitos comezaban a crer firmemente. Pero transcurriu o tempo de lecer e Aarón non compareceu. Na reanudación, Edu Alemán, o técnico dos de Pontearnelas, decidiu adiantar liñas. Tras unha intensa e aleccionadora charla nos vestiarios o adestrador de Barrantes deixou unicamente unha liña con tres zagueiros e adiantou as súas pezas para buscar dar a volta a tan desfavorable situación. De todos xeitos, non lograba grandes avances o cadro visitante, e a tendencia era similar á do primeiro período. A afección vilanovesa desesperábase por momentos ante as escasas aproximacións á área rival dos seus, nas que ademais adoecían dunha alarmante falta de puntería. Habería ocasión aínda para que Mathias, que a tono co seu cargo de capitán tomou a batuta e exerceu de verdadeiro líder do seu conxunto, anotase o catro a cero nun novo contragolpe. Escasos apuros pasaron os rapaces que actualmente dirixe Martín Casais no que restou de encontro. As dificultades máis grandes viñeron derivadas dos problemas físicos provocados polo cansanzo. A forte calor e a inferioridade numérica, xunto con algún golpe fortuíto, fixeron que Roberto Trigo, Dimitar, Mathias ou Jona acabasen tendidos sobre a terra de O Leixo e precisasen ser atendidos. Exhaustos, coas forzas ao límite, os locais dérono todo para acadar unha vitoria que o tanto de Aarón Santorum a escasos cinco minutos do final xa non fixo perigar. Algún balón ao longueiro, algún outro rozando os paus ou sacado polos defensores verdinegros e tamén algunha parada de mérito de Roberto Torres permitiron que o equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguise un triunfo dos que verdadeiramente merece lembrar. Dicía Helenio Herrera, o mítico adestrador arxentino que no seu día dirixiu ao Atlético de Madrid. Deportivo de A Coruña, F.C. Barcelona, Inter de Milán ou A.S. Roma que "con dez xogadores se xoga mellor ca con once". Moitas veces se ten comentado esta frase e feitos como o deste sábado parecen darlle a razón. O certo que este acontecemento tan memorable constitúe sen lugar a dúbidas a mellor maneira de culminar unha temporada longa, difícil, con moitos contratempos e moito desgaste na que Umia C.F. e Armenteira C.F. apostaron por un interesante, ambicioso e arriscado proxecto en común, e supón tamén unha das mellores homenaxes a Jorge, representante da Xunta Directiva da entidade verdinegra, que nos próximos días terá que someterse a unha delicada intervención cirúrxica, e que xa o venres recibiu uns emotivos xestos de apoio por parte dos compoñentes do equipo infantil do Armenteira C.F., que tamén lograron superar con solvencia a segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra fronte ao C.D. Soutomaior. Para a escadra xuvenil de O Leixo o próximo reto é a A.J. Lérez "B", que vén de superar ao Barro C.F. e que se presenta como un duro obstáculo para o avance do Armenteira C.F. nunha competición que tanta significación ten na súa historia, pois van aló dúas décadas dende que aquela formidable xeración de futbolistas que capitaneaba Martín Casais, actual presidente do clube, acadara o subcampionato naquela inesquecible final ante o C.D. Moaña, unha xornada épica á cal xa podemos asimilar a deste sábado 19 de maio de 2018.









xoves, 10 de maio de 2018

O San Xoán´2018 de Armenteira comeza a tomar forma

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, encargada da organización da tradicional fogueira de San Xoán que durante os últimos anos se realiza na parroquia, está dando xa os primeiros pasos de cara á celebración que terá lugar na noite do sábado 23 ao domingo 24 de xuño. A idea da sociedade veciñal é manter os elementos básicos dunha festa que dende fai dous anos tratan de convertir nun momento de reunión, convivencia e diversión para as xentes da parroquia e arredores. Como é tradición na considerada como a noite máis máxica do ano o protagonismo será para o lume, as sardiñas, o churrasco, o viño do país, as bebidas variadas e os postres típicos da zona. Ademais tampouco faltará un espectáculo musical que amenizará o evento ata o amencer. Con todo, a aposta da asociación céntrase en continuar coa mellora no nivel organizativo, un aspecto no que ano a ano van progresando. Para establecer un maior control dos asistentes e da distribución da comida e a bebida poñerán en práctica de novo o sistema de tickets que xa utilizaron na pasada edición. A novidade nesta ocasión será que a reserva de asistencia conlevará un pagamento anticipado. Cuns prezos populares e abondosas racións os representantes da entidade veciñal agardan reunir un ano máis a centenares de persoas no entorno do campo da festa. Por este motivo, animan a todos os socios e socias a que renoven os seus carnets, e tamén a aquelas persoas que desexen asociarse a que o fagan, para que así poidan aproveitar as vantaxes que ofrece esta condición, entre elas a redución dos prezos para o San Xoán. Como se acordou na Asemblea Xeral celebrada no mes de marzo, estas cotas son de 10 euros por unidade familiar, e de 5 euros no caso dos carnets individuais.


martes, 8 de maio de 2018

O Armenteira C.F. confirma o 10 de xuño como data da II COPA ARMENTEIRA

A II COPA ARMENTEIRA, o torneo feminino na modalidade de fútbol-7 que o Armenteira C.F. puxo en marcha a pasada temporada celebrarase definitivamente o domingo 10 de xuño. Así o vén de confirmar estes días a entidade que preside Martín Casais, que leva tempo deseñando as liñas básicas dun evento que este ano contará cunha serie de novidades e un formato competitivo máis atractivo e dinámico. Como sinalan dende o comité organizador, non só tratarán de repetir o éxito acadado o pasado ano, no que chegaron a reunir nas instalacións deportivas de O Leixo a oito equipos e máis dun centenar de afeccionados, senón que tratarán de darlle un impulso para convertir ao torneo nun referente entre as competicións do fútbol feminino. A ampliación do número de equipos participantes, a aposta por unha ambiciosa campaña de promoción ou a realización dun acto de presentación no que se darán a coñecer as liñas básicas do evento e no que se sorteará a distribución dos grupos son algunhas das novidades coas que parte a II COPA ARMENTEIRA. Co asesoramento e apoio de institucións como a Real Federación Galega de Fútbol, a Deputación Provincial de Pontevedra ou do Concello de Meis A Armenteira será o próximo 10 de xuño un dos núcleos do deporte comarcal e provincial. E como xa ocurriu na pasada edición a COPA ARMENTEIRA non será unicamente unha competición deportiva, senón que ao finalizar o acto entregaranse uns galardóns de recoñecemento a persoas e entidades que destacaron polo seu labor a prol do fútbol, do fútbol feminino en particular, da parroquia de A Armenteira e do Armenteira C.F. Para levar a cabo un proxecto de tal envergadura o comité organizador iniciou unha campaña para formar un amplo equipo de colaboradores e colaboradoras e para conseguir o apoio de empresas e negocios da zona, imprescindible para que esta idea que nace dun clube tan modesto, con tan poucos recursos pero tan sobrado de ilusión poida sáir adiante.


luns, 7 de maio de 2018

A Horta de San Ero, este martes na CRTVG

Cos pés na terra, o programa da CRTVG que cada martes nos achega historias humanas apaixoantes de xente que opta por quedarse na terra e elixe este medio como forma de vida terá esta semana como protagonista a unha moza de A Armenteira. María Carramal, que fai uns anos puxo en marcha unha orixinal e interesante iniciativa, A Horta de San Ero, protagonizará unha das tres historias que o programa levará aos fogares de toda Galicia a través da pequena pantalla este martes 8 de maio a partires das 22:30 horas. Na compaña das cámaras da televisión autonómica, María mostraranos o que é o seu día a día. O traballo na horta, a venda na praza de abastos, o reparto polos establecementos comerciais e todo o conxunto de tarefas que realiza diariamente durante a súa xornada laboral serán retransmitidos e constituirán unha das tres historias e das tres vidas distintas que semana tras semana se entrelazan neste xa veterano programa. Para finalizar a intensa xornada laboral, María e os reporteiros desprazaranse ata A Peneira. Tapería Rural, un dos locais de hostalaría referencia da parroquia, no que elaborarán un menú cos produtos de A Horta de San Ero. A aposta pola horticultura ecolóxica e polos cultivos agrarios de calidade, aproveitando os recursos propios e máis naturais da parroquia, un feito no que a pequena empresa creada por María Carramal trata de abrir camiño a outras iniciativas similares, terá o recoñecemento e a repercusión que se merece nun programa que ten ao campo e á muller como principais sinais de identidade. Coa súa particular simpatía María ensinaranos o mimo co que coida as hortalizas, as legumes, as froitas, as prantas aromáticas ou as flores comestibles e o exquisito trato que dá á súa fiel e cada vez máis numerosa clientela



sábado, 5 de maio de 2018

O Armenteira Veteranos reencóntrase co triunfo tras un partido malo e bronco ante o A Estrada Veteranos

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - A ESTRADA VETERANOS - 3 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Joserra; Portas, Óscar Barreiro, Carlos, Richi; Rubén, Javi, Jorge Castro, Rafa; Galiñanes e Manueliño. Tamén xogaron Joseíño, Martín, Marcial e Jorge Dávila. GOLES: 0-1. Minuto 44. Manuel Martins, de penalti 1-1. Minuto 60. Martín. 2-1. Minuto 62. Martín. 3-1. Minuto 90. Jorge Castro.
ÁRBITRO: Carballal Pérez. Mostrou cartóns amarelos a Joseíño, Portas e Jorge Castro por parte do Armenteira Veteranos, e a Francisco Freire por parte do A Estrada Veteranos. Expulsou con cartón vermello directo a Miguel Chamosa por parte do A Estrada Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo novena xornada a Segunda Galicia de Veteranos. Grupo 1 disputado no campo de O Leixo, de A Armenteira, ante uns oito espectadores, nunha tarde soleada e primaveral e sobre un terreo de xogo cunha superficie excesivamente dura e irregular, pouco apta para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos volveu atoparse co triunfo no partido que disputou na tarde deste sábado ante o A Estrada Veteranos. Foi unha vitoria reparadora, que contribúe a reforzar a moral dun equipo que non se levaba os tres puntos dende o encontro que tamén xogara no campo de O Leixo ante o A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros o pasado 24 de marzo. Nesta ocasión foi nun partido pobre en canto a fútbol, e moi tenso, polémico e ata violento en certos momentos. O primeiro período caracterizouse pola lentitude no xogo e as escasas aproximacións á area contraria. Nin un nin outro conxunto era quen de impoñer a súa autoridade sobre a terra do campo do lugar de O Busto. O A Estrada Veteranos intentaba combinar, pero facíao con lentitude e non era quen de poñer en apuros ao meta Joserra. Non foi ata o minuto 44 cando se inaugorou o marcador. Foi tras un centro dos estradenses que impactou dentro da área de forma involuntaria na man de Javi. Manuel Martins transformaba a pena máxica e permitía aos seus ir con vantaxe ao período de lecer. Saiu con ánimo de remontar o Armenteira Veteranos na segunda metade. Confiados na súa capacidade de xerar ocasións e no poderío rematador dos seus atacantes os locais non perderon a fe na remontada. De novo unha infracción por unha man dentro da área, neste caso na do A Estrada Veteranos, deu lugar a un lanzamento de penalti. Jorge Castro non estivo desta volta tan atinado, ou máis vez foi o acerto do meta Santiago Gañete, que detivo o disparo do dianteiro verdinegro, o que impediu o empate. Non fallaría Martín no golpeo dunha falta, na que o efecto que colleu o balón sorprendeu ao gardamallas de A Estrada. Unha xogada por banda esquerda acababa nos pés do propio Martín, que, dentro da área, tampouco perdoou. O mediocampista de Vilar fora quen de revertir unha situación que parecía tan desfavorable para o seu conxunto e, a partires de entón, o partido tomou unha cor claramente verdinegra. Algunha aproximación do A Estrada Veteranos, que aproveitou as dúbidas e a inseguridade co balón dos defensores locais, foron os episodios de máximo perigo para un seguro Joserra. Nun partido no que apenas houbera faltas nin entradas de certa dureza a tensión foi en aumento e tivo o seu punto álxido tras unha disputa dialéctica entre o central estradense Miguel Chamosa e o atacante verdinegro Jorge Castro, na que mediaron ameazas e insultos. Un agarrón polo pescozo e un intento de agresión por parte do visitante, que afortunademente evitaron os demais xogadores, rematou coa súa expulsión con cartón vermello directo. O grao de excitación do futbolista de A Estrada, que reaccionou de forma extremadamente violenta, fixo temer o estalido dunha trifulca, o que provocou que algún futbolista local percorrese os arredores do campo na procura dalgún instrumento de defensa fronte a actitude do xogador adversario. Con dez homes sobre o terreo de xogo o equipo visitante pareceu xa entregar o partido e Jorge Castro superaba ao meta Santiago Gañete cunha cabezada na área pequena. Non quixo máis compricacións Carballal Pérez e decretou a fin dun encontro que outorgaba unha vitoria a un Armenteira Veteranos necesitado de puntos para fuxir da zona crítica da táboa, no límite das prazas de descenso. Restan dous partidos para a escadra que capitanea José Luis Galiñanes. A próxima fin de semana deberá visitar o campo de A Senra, en Ribadumia, para medirse ao Sisán Veteranos, undécimo clasificado con vintecinco puntos, catro máis ca os de Armenteira, e, coa liga finalizada, quedará por disputar o agardado encontro ante o Bar Santiaguiño, que debería terse celebrado o 10 de marzo, pero que, ao igual que toda a xornada daquela fin de semana fora aprazada pola Federación polas malas previsións meteorolóxicas, e que, tras dúas tentativas, parece ser que terá lugar definitivamente o mércores 16 de maio.





martes, 1 de maio de 2018

O partido eterno

Dous meses levan Bar Santiaguiño e Armenteira Veteranos, dous equipos do grupo 1 da delegación de Pontevedra da Segunda Galicia de Veteranos, agardando para xogar un partido de liga. A xornada 22 tiña que disputarse o 10 de marzo, pero a chegada dun forte temporal de chuvia e vento obrigou á Real Federación Galega de Fútbol a aprazar nesa fin de semana todos os partidos que dela dependían. Quedou fixado entón para o 28 de marzo, día de xoves santo, pero un malentendido provocou que ningún dos dous equipos se presentase no terreo de xogo. Só compareceu o árbitro, que, desconcertado ante a ausencia dos futbolistas, acudiu ao bar máis próximo na súa busca. Alí atopou a algún deles, aínda que, loxicamente, foi imposible reunilos a todos para celebrar a contenda. A cita trasladouse entón para o martes 1 de maio, xornada festiva, día da clase obreira. Presentábase unha mañá intensa de fútbol no campo de O Leixo, pois tras o agardado partido de veteranos, era a quenda dos equipos da S.D. Noalla e do Armenteira C.F. da Segunda División Feminina. Por iso o acto tiña que celebrarse con puntualidade e sen demora. Axiña se presentaron os futbolistas do Bar Santiaguiño e, con algo máis de tardanza fórono facendo os do Armenteira Veteranos. Con ansias saíron a quencer ámbolos dous equipos. Carreiras, despramentos de balón, rondos, tiros a portería... Pero achegábanse as 11:00 horas e o árbitro non daba sinal de vida. Ao principio tomárono con paciencia e mesmo con bo humor, pero logo comezaron as sospeitas e as conxeturas sobre o que puido ter ocorrido. Que se era porque se trataba dun día festivo e o colexiado estaría despitado, que se o feito era debido a ter aprazado varias veces o partido, que se na páxina da Federación figuraba o encontro como suspendido... O certo é que pasaron os minutos e, a pesares das chamadas e as xestións do Comité de Árbitros o máximo que se conseguiu é que se ofrecesen a enviar un colexiado co partido comezado. Un membro do público encargaríase de asubiar ata a chegada do xuíz da contenda. Tal proposición non foi aceptada polos representantes de ningún dos dous conxuntos e algúns deles non dubidaron en tomar rumbo cara os seus fogares. Outros aínda ocuparon o tempo dunha mañá que xa tiñan perdida en charlar ou tomar unha cervexas ao tempo que degustaban os afamados pinchos que soen servir na cantina de O Leixo. Entre os xogadores e nas bancadas o debate estaba en saber se haberá outra oportunidade, en se o Armenteira Veteranos-Bar Santiaguiño da temporada 2017/2018 se disputará algún día. A temporada está a piques de rematar, faltan só dúas xornadas e vai ser moi díficil atopar datas. Moitos dirán que estamos ante o partido eterno, non polo que durou, senón polo que tarda en comezar, se é que algunha vez da comezado. Nesta ocasión á terceira non foi a vencida, e non sabemos se haberá cuarta, ou quizais quinta. Con estes antecedentes, quen o pode asegurar?