Buscar neste blog

sábado, 5 de maio de 2018

O Armenteira Veteranos reencóntrase co triunfo tras un partido malo e bronco ante o A Estrada Veteranos

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - A ESTRADA VETERANOS - 3 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Joserra; Portas, Óscar Barreiro, Carlos, Richi; Rubén, Javi, Jorge Castro, Rafa; Galiñanes e Manueliño. Tamén xogaron Joseíño, Martín, Marcial e Jorge Dávila. GOLES: 0-1. Minuto 44. Manuel Martins, de penalti 1-1. Minuto 60. Martín. 2-1. Minuto 62. Martín. 3-1. Minuto 90. Jorge Castro.
ÁRBITRO: Carballal Pérez. Mostrou cartóns amarelos a Joseíño, Portas e Jorge Castro por parte do Armenteira Veteranos, e a Francisco Freire por parte do A Estrada Veteranos. Expulsou con cartón vermello directo a Miguel Chamosa por parte do A Estrada Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo novena xornada a Segunda Galicia de Veteranos. Grupo 1 disputado no campo de O Leixo, de A Armenteira, ante uns oito espectadores, nunha tarde soleada e primaveral e sobre un terreo de xogo cunha superficie excesivamente dura e irregular, pouco apta para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos volveu atoparse co triunfo no partido que disputou na tarde deste sábado ante o A Estrada Veteranos. Foi unha vitoria reparadora, que contribúe a reforzar a moral dun equipo que non se levaba os tres puntos dende o encontro que tamén xogara no campo de O Leixo ante o A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros o pasado 24 de marzo. Nesta ocasión foi nun partido pobre en canto a fútbol, e moi tenso, polémico e ata violento en certos momentos. O primeiro período caracterizouse pola lentitude no xogo e as escasas aproximacións á area contraria. Nin un nin outro conxunto era quen de impoñer a súa autoridade sobre a terra do campo do lugar de O Busto. O A Estrada Veteranos intentaba combinar, pero facíao con lentitude e non era quen de poñer en apuros ao meta Joserra. Non foi ata o minuto 44 cando se inaugorou o marcador. Foi tras un centro dos estradenses que impactou dentro da área de forma involuntaria na man de Javi. Manuel Martins transformaba a pena máxica e permitía aos seus ir con vantaxe ao período de lecer. Saiu con ánimo de remontar o Armenteira Veteranos na segunda metade. Confiados na súa capacidade de xerar ocasións e no poderío rematador dos seus atacantes os locais non perderon a fe na remontada. De novo unha infracción por unha man dentro da área, neste caso na do A Estrada Veteranos, deu lugar a un lanzamento de penalti. Jorge Castro non estivo desta volta tan atinado, ou máis vez foi o acerto do meta Santiago Gañete, que detivo o disparo do dianteiro verdinegro, o que impediu o empate. Non fallaría Martín no golpeo dunha falta, na que o efecto que colleu o balón sorprendeu ao gardamallas de A Estrada. Unha xogada por banda esquerda acababa nos pés do propio Martín, que, dentro da área, tampouco perdoou. O mediocampista de Vilar fora quen de revertir unha situación que parecía tan desfavorable para o seu conxunto e, a partires de entón, o partido tomou unha cor claramente verdinegra. Algunha aproximación do A Estrada Veteranos, que aproveitou as dúbidas e a inseguridade co balón dos defensores locais, foron os episodios de máximo perigo para un seguro Joserra. Nun partido no que apenas houbera faltas nin entradas de certa dureza a tensión foi en aumento e tivo o seu punto álxido tras unha disputa dialéctica entre o central estradense Miguel Chamosa e o atacante verdinegro Jorge Castro, na que mediaron ameazas e insultos. Un agarrón polo pescozo e un intento de agresión por parte do visitante, que afortunademente evitaron os demais xogadores, rematou coa súa expulsión con cartón vermello directo. O grao de excitación do futbolista de A Estrada, que reaccionou de forma extremadamente violenta, fixo temer o estalido dunha trifulca, o que provocou que algún futbolista local percorrese os arredores do campo na procura dalgún instrumento de defensa fronte a actitude do xogador adversario. Con dez homes sobre o terreo de xogo o equipo visitante pareceu xa entregar o partido e Jorge Castro superaba ao meta Santiago Gañete cunha cabezada na área pequena. Non quixo máis compricacións Carballal Pérez e decretou a fin dun encontro que outorgaba unha vitoria a un Armenteira Veteranos necesitado de puntos para fuxir da zona crítica da táboa, no límite das prazas de descenso. Restan dous partidos para a escadra que capitanea José Luis Galiñanes. A próxima fin de semana deberá visitar o campo de A Senra, en Ribadumia, para medirse ao Sisán Veteranos, undécimo clasificado con vintecinco puntos, catro máis ca os de Armenteira, e, coa liga finalizada, quedará por disputar o agardado encontro ante o Bar Santiaguiño, que debería terse celebrado o 10 de marzo, pero que, ao igual que toda a xornada daquela fin de semana fora aprazada pola Federación polas malas previsións meteorolóxicas, e que, tras dúas tentativas, parece ser que terá lugar definitivamente o mércores 16 de maio.





Ningún comentario:

Publicar un comentario