Buscar neste blog

sábado, 19 de maio de 2018

Pase épico do Armenteira C.F. xuvenil na segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - S.D. PUENTEARNELAS-  4 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Diego Berreco, Jona, Roberto Trigo; Dimitar, Mathias, Cristian Abal; e Alberto
GOLES: 1-0. Minuto 7. Dimitar. 2-0. Minuto 16. Dimitar. 3-0. Minuto 28. Alberto. 4-0. Minuto 63. Mathias. 4-1. Minuto 85. Aarón Santorum. 
ÁRBITRO: Campos Maneiro. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos xogadores de ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra de Segunda de categoría xuvenil disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns corenta espectadores, nunha tarde soleada e calorosa e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguiu na tarde deste sábado 19 de maio de 2018 unha desas vitorias que se consideran épicas. Unha xesta, unha fazaña, un feito memorable que de seguro non lembrarán xamais os afeccionados e afeccionadas que tiveron a fortuna de contemplalo como por suposto tampouco os propios futbolistas que o protagonizaron. Nas horas previas, ante o regueiro de baixas e as dificultades para reunir a cifra mínima de xogadores disputar o encontro, moitos daban a eliminatoria por perdida e falaban xa de renderse e entregar o triunfo ao rival. Pero o destino acabou deparando un momento tan sorprendente como inagardado. Dende os primeiros intres a tónica característica foi a baixa intensidade e a lentitude no ritmo de xogo. O Armenteira C.F. trataba de contemporizar, manter a orde e a calma e afrontar nas mellores condicións posibles tan adversas circunsntancias, mentres que a S.D. Puentearnelas, a priori favorita, xa que vencera aos verdinegros nas dúas ocasións nas que se mediron esta temporada no campionato de liga, na que finalizou uns postos máis arriba, non forzaba excesivamente a máquina, confiando quizais na súa superioridade de condicións e en que co paso dos minutos a balanza acabaría decantándose do seu lado. Con todo, non tardou en chegar o primeiro zarpazo local. Unha cabeza de Dimitar tras un saque de curruncho sorprendía ao meta Álvaro Mouta e levaba a excitación ás bancadas do modesto campo de O Leixo. Na finalización dun contragolpe, de novo Dimitar, colocaba o dous a cero, incrementando aínda máis o estupor entre os asistentes. Conmocionada polo ocorrido a S.D. Puentearnelas era incapaz de reaccionar. Trataba de combinar, pero non era quen de inquedar as inmediacións da área defendida por Roberto Torres. Pola súa contra o Armenteira C.F. sentíase cada vez máis cómodo e mesmo se facía dono do xogo nalgunhas fases do encontro. Outro contragolpe culminado polo unha vez máis incombustible Alberto colocaría o tres a cero ao fío do descanso. Quedaba aínda a esperanza de que Aarón chegase a tempo e reforzase ao seu conxunto cun efectivo máís que axudase a certirficar as garantías dunha xesta na que xa moitos comezaban a crer firmemente. Pero transcurriu o tempo de lecer e Aarón non compareceu. Na reanudación, Edu Alemán, o técnico dos de Pontearnelas, decidiu adiantar liñas. Tras unha intensa e aleccionadora charla nos vestiarios o adestrador de Barrantes deixou unicamente unha liña con tres zagueiros e adiantou as súas pezas para buscar dar a volta a tan desfavorable situación. De todos xeitos, non lograba grandes avances o cadro visitante, e a tendencia era similar á do primeiro período. A afección vilanovesa desesperábase por momentos ante as escasas aproximacións á área rival dos seus, nas que ademais adoecían dunha alarmante falta de puntería. Habería ocasión aínda para que Mathias, que a tono co seu cargo de capitán tomou a batuta e exerceu de verdadeiro líder do seu conxunto, anotase o catro a cero nun novo contragolpe. Escasos apuros pasaron os rapaces que actualmente dirixe Martín Casais no que restou de encontro. As dificultades máis grandes viñeron derivadas dos problemas físicos provocados polo cansanzo. A forte calor e a inferioridade numérica, xunto con algún golpe fortuíto, fixeron que Roberto Trigo, Dimitar, Mathias ou Jona acabasen tendidos sobre a terra de O Leixo e precisasen ser atendidos. Exhaustos, coas forzas ao límite, os locais dérono todo para acadar unha vitoria que o tanto de Aarón Santorum a escasos cinco minutos do final xa non fixo perigar. Algún balón ao longueiro, algún outro rozando os paus ou sacado polos defensores verdinegros e tamén algunha parada de mérito de Roberto Torres permitiron que o equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguise un triunfo dos que verdadeiramente merece lembrar. Dicía Helenio Herrera, o mítico adestrador arxentino que no seu día dirixiu ao Atlético de Madrid. Deportivo de A Coruña, F.C. Barcelona, Inter de Milán ou A.S. Roma que "con dez xogadores se xoga mellor ca con once". Moitas veces se ten comentado esta frase e feitos como o deste sábado parecen darlle a razón. O certo que este acontecemento tan memorable constitúe sen lugar a dúbidas a mellor maneira de culminar unha temporada longa, difícil, con moitos contratempos e moito desgaste na que Umia C.F. e Armenteira C.F. apostaron por un interesante, ambicioso e arriscado proxecto en común, e supón tamén unha das mellores homenaxes a Jorge, representante da Xunta Directiva da entidade verdinegra, que nos próximos días terá que someterse a unha delicada intervención cirúrxica, e que xa o venres recibiu uns emotivos xestos de apoio por parte dos compoñentes do equipo infantil do Armenteira C.F., que tamén lograron superar con solvencia a segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra fronte ao C.D. Soutomaior. Para a escadra xuvenil de O Leixo o próximo reto é a A.J. Lérez "B", que vén de superar ao Barro C.F. e que se presenta como un duro obstáculo para o avance do Armenteira C.F. nunha competición que tanta significación ten na súa historia, pois van aló dúas décadas dende que aquela formidable xeración de futbolistas que capitaneaba Martín Casais, actual presidente do clube, acadara o subcampionato naquela inesquecible final ante o C.D. Moaña, unha xornada épica á cal xa podemos asimilar a deste sábado 19 de maio de 2018.









Ningún comentario:

Publicar un comentario