A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, encargada da organización da tradicional fogueira de San Xoán que durante os últimos anos se realiza na parroquia, está dando xa os primeiros pasos de cara á celebración que terá lugar na noite do sábado 23 ao domingo 24 de xuño. A idea da sociedade veciñal é manter os elementos básicos dunha festa que dende fai dous anos tratan de convertir nun momento de reunión, convivencia e diversión para as xentes da parroquia e arredores. Como é tradición na considerada como a noite máis máxica do ano o protagonismo será para o lume, as sardiñas, o churrasco, o viño do país, as bebidas variadas e os postres típicos da zona. Ademais tampouco faltará un espectáculo musical que amenizará o evento ata o amencer. Con todo, a aposta da asociación céntrase en continuar coa mellora no nivel organizativo, un aspecto no que ano a ano van progresando. Para establecer un maior control dos asistentes e da distribución da comida e a bebida poñerán en práctica de novo o sistema de tickets que xa utilizaron na pasada edición. A novidade nesta ocasión será que a reserva de asistencia conlevará un pagamento anticipado. Cuns prezos populares e abondosas racións os representantes da entidade veciñal agardan reunir un ano máis a centenares de persoas no entorno do campo da festa. Por este motivo, animan a todos os socios e socias a que renoven os seus carnets, e tamén a aquelas persoas que desexen asociarse a que o fagan, para que así poidan aproveitar as vantaxes que ofrece esta condición, entre elas a redución dos prezos para o San Xoán. Como se acordou na Asemblea Xeral celebrada no mes de marzo, estas cotas son de 10 euros por unidade familiar, e de 5 euros no caso dos carnets individuais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario